domingo, 22 de junio de 2025

AGUSTÍN ROMERO GARCÍA, BENEFACTOR DE CORNAZO

 




Así reflectía o xornal vilagarcián GALICIA NUEVA o pasamento de Agustín Romero García o 18 de xaneiro de 1929. D. Agustín morrera o día anterior, o 17/01/1929, fai exactamente a día de hoxe, 96 anos, 5 meses e 5 días. Xa lle temos dedicado aquí espazo para falar deste ilustre fillo de Cornazo e de Vilagarcía de Arousa, que fixo fortuna nas Américas, máis concretamente no Uruguay.
Grazas a el, Cornazo ten a súa nova igrexa parroquial, onde está enterrado, que o pasado domingo 15 de xuño celebráronse os cen anos do novo templo, podemos ver como trata o Arcebispado de Santiago de Compostela esta nova clicando en:


Agustín volcouse co seu pobo, utilizando toda a súa fortuna personal en melloras para Cornazo, ademais da igrexa parroquial, a escola, o lavadoiro, melloras nos camiños, casas para os veciños necesitados,... Por iso o vecindario de Cornazo no pode deixar de lembrar e homenaxear ao seu fillo máis preclaro e xeneroso.

O busto de D. Agustín que hai nas antigas escolas é obra de Manuel Rey Posse, gran artista vilagarcián, quen está soterrado no cemiterio parroquial de Cornazo, así como o rostro de San Pedro, tamén da súa autoría, que é o de D. Agustín, e que figura na parte superior da porta da entrada principal ao templo. Isto ténnolo explicado o neto de Rey Posse, meu querido amigo e compañeiro José Carlos Rey Cebral, renomado folclorista e gaiteiro, líder dos Terribles de Arousa. 

Pois si, "de ben nacidos é ser agradecidos" e o pobo de Cornazo o é, como o debe ser o pobo de Vilagarcía de Arousa, non hai que esquecer que Agustín Romero García foi o fundador da Cruz Vermella en Vilagarcía.

D. Agustín é merecente de todo tipo de recoñecementos, como o de que a rúa / estrada que vai de Vilagarcía a Cornazo se chame Agustín Romero.

Fannos falta moitos homes como D. Agustín, para el todo o noso respecto e admiración.





martes, 10 de junio de 2025

FILGUEIRA VALVERDE E CALDAS DE REIS, ENTRE OUTRAS COUSAS


Alí estarei, na miña querida Caldas de Reis para falar do meu prezado e lembrado Xosé Filgueira Valverde, que da para máis dunha vida para tratar sobre el e a súa magna obra.

DÚAS FOTOS DE DELIO RIBADULLA, 19/06/2025



Foi un acto moi agradable e moi emotivo para min, este organizado pola Asociación Terra Calda, da que afortunadamente xa son socio. Por moitos motivos: toparme con xente querida de Caldas de Reis, miña curmá Luisa Muñiz Aboal, suá filla, miña afillada Andrea Lafuente Muñiz, antigos amigos e amigas de Caldas, veciños queridos meus nos anos 60 do pasado século en Caldas, a compañía que me brindaron toda esa feliz tarde, meu curmán Alfonso Rey Aboal, meu prezado amigo Luis González Bravo "Lois do Salnés". E agradecer a amigos que se trasladaron especialmente desde lonxe para estar aí, Fernando e Silvia Filgueira, Jacinto Domínguez, colega da universidade e algúns queridos amigos da Asociación: Miguel López Fariña, Augusto Guedes e a súa dona, compañeiros tamén da Mesa das Verbas, e Delio Ribadulla, tamén colega da universidade e que agasalloume coas dúas fotografías anteriores, agradezo do mesmo xeito a presenza doutra compañeira de universidade, Coque Fariña. Ao igual, estiveron, no acto, os entusiastas directivos de Terra Calda que pouco a pouco irei coñecendo e afondando na súa amizade. Así mesmo, agradecer a presenza de concelleiros do Concello de Caldas de Reis e do párroco de Santa María e de Santo Tomás, don Juan Carlos Barral. E a todo o magnífico público asistente, que fixeron posible a maxia dun pobo mítico e moi querido para min, a fermosa vila de dona Urraca, Arcadia feliz dos meus tempos da dourada infancia caldense, que deixou forte pegada en min. Como sempre, foi un pracer e un agasallo estar en Caldas, terra de lembranzas e experiencias inesquecibles. Sempre me quedará Caldas de Reis!!!

Que atraía, que tiña Caldas para que Xosé Filgueira Valverde se fixara nela? Moitas cousas: rica historia, e referido á parroquia de Santa María: medievo, románico, a cantiga 104 de Afonso X o Sabio, o baldaquino do século XV. Tamén encanto: fermosas paisaxes, o río Umia, rica gastronomía e sobre todo: xente marabillosa: García Bayón, os Potel, os Legerén, os Lesquereux, os Froján, Máximo Sar... Por aquí pasaron e deixaron pegada, entre outros, Hipólito de Sa Bravo (pontevedrés como el e coetáneo seu), quen chegou ser alcalde de Caldas, primeiro director e fundador da Coral Polifónica, director e tamén fundador da Bibloteca Pública. Veraneaban aquí, entre outros, seu amigo e irmán, o polígrafo portugués Dr. Santos Junior, seu prezado Álvaro Cunqueiro, o lugués Trapero Pardo. Viña con frecuencia a Caldas seu bo amigo o arcebispo e cardeal D. Fernando Quiroga Palacios. Filgueira tiña moitas razóns para vir a Caldas e sentirse a gusto. Iso foi o que tratei de explicar na miña conferencia e de paso contar algunhas anécdotas e experiencias vividas con algúns dos personaxes citados, moitos coñecinnos e trateinos cando fun o "botones" do Hotel Balneario Dávila, onde tiven dous intensivos cursos de carácter cuasi universitario, nos veráns de 1969 e 1970. Eu desfrutei coa miña charla falando de dous temas queridos: Caldas e Filgueira Valverde / Filgueira Valverde e Caldas. Agardo que o público asistente o pasara tan ben coma min.

A esposa de Santos Júnior, Judite, deixou dous mosaicos conmemorativos e "laudatorios" ás milagreiras e sanadoras augas termais do Balneario Dávila, que aínda se atopan no lugar onde estaban cando eu era un neno, o botones do Dávila.



GRAZAS CALDAS DE REIS!!!

De nenos, con Mª del Carmen González Rosende (dos Linterneiros)