lunes, 19 de enero de 2009

REFLEXIÓNS SOBRE A PÁXINA 78 DO LIBRO: "VIDA, PAIXÓN E MORTE DE ALEXANDRE BÓVEDA" (1972) DE XERARDO ÁLVAREZ GALLEGO




(Na imaxe, Bóveda e a que sería a súa dona, Amalia Álvarez Gallego, irmá do autor do libro. Foto publicada no tomo 4 da Gran Enciclopedia Gallega).

Como introducción, desexamos precisar certas cuestións para que quede claro o noso cariño e a nosa admiración cara un personaxe tan importante e exemplar para Galicia como foi e como é Alexandre Bóveda, quen tivo unha relación moi intensa e moi estreita con Filgueira Valverde. Non hai que esquecer que ámbolos dous tiveron un papel protagonista e determinante na creación en 1931 do Partido Galeguista e na vida deste partido nos primeiros tempos.
As guerras, e sobre todo unha guerra civil, como a nosa de 1936, supoñen un fracaso social, un fracaso de todos; ao racharse a convivencia pacífica entre irmáns. Teriamos que remontarnos a moi lonxe na historia do noso país para buscar as causas dese tráxico desenlace do ano 36. Pero, ímonos centrar nos séculos XIX e XX, dun xeito moi sintético.
Practicamente ao longo do século XIX, século de grandes tensións e guerras civís, hai unha loita constante entre as persoas e os partidos que mantiñan ideas e posturas liberais e os que mantiñan ideas conservadoras ou ultraconservadoras. E no medio destas liortas sempre topamos coa Igrexa Católica, as máis das veces, poñéndose a carón dos que defendían as ideas máis conservadoras de entender e regulamentar a vida no noso país. Tratábase de defender os intereses de clase: oligarquía versus burguesía liberal. E logo cando irrumpe con forza na sociedade a clase traballadora, por mor da extensión da revolución industrial, aliarase o capital para enfrentarse á clase obreira. Esto agudizarase xa no século XX na monarquía de Alfonso XIII, recordemos a Semana Tráxica en Barcelona, o nefasto ano 1917, a equivocada solución que supón a dictadura do xeneral Primo de Rivera, a crise económica de 1929,… E finalmente, a entrega do poder por parte dos monárquicos aos partidarios da república en España. Nace así a II República Española dun xeito festivo e totalmente incruento. Pero xa, a esta República, dende os primeiros días da súa proclamación, xúrdelle unha conspiración contra dela fisexe o que fisexe. Os monárquicos arrepentíronse de entregar o poder e a toda costa querían recuperalo. Tamén hai que ter en conta a irrupción do fascismo. Os militares alentados por elementos civís moi axiña tratan de derrubar o sistema republicano apoiados polo capital e pola Alemania nazi e a Italia fascista. Xa en 1932 o xeneral Sanjurjo trata de dar un golpe de estado, despois a radicalización do PSOE e das forzas de esquerda tratan de face-la revolución, de aí os sanguinolentos sucesos de 1934 en Asturias e a brutal represión, onde participa xa o militar africanista, Francisco Franco. Como podemos ver, moi axiña, a República ten moitos nemigos e crécenlle os ananos por todas partes.
Debemos tamén contemplar certos erros da política republicana, un deles, foi non saber levar unha política sosegada de consenso e concertación, de saber levar unha vida política máis pousada, menos violenta e non entrar nas provocacións e trampas que se lle tendían. O enfrentamento, moitas veces, gratuíto coa Igrexa Católica e cos cidadáns de crenzas católicas, establecendo unha división que non conducía a ningures. O contexto nacional e internacional prebélicos non axudaban en nada.
Mais a experiencia, brevísima experiencia republicana, á que non lle deron tempo para nada, tivo unha extraordinaria política educativa e cultural, inspirada fortemente na Institución Libre de Ensinanza. Foi mágoa que non fose posible que a República prosperase, as situacións de loitas intestinas no interior, sumadas a un contexto internacional onde o capitalismo, o fascismo e o comunismo intentaban facerse coa hexemonía de poder no mundo, impediron o normal desenvolvemento da experiencia republicana no noso maltreito país.
E Bóveda e Filgueira viviron aquelas circunstancias adversas que marcaron as súas vidas como tamén determinaron as dos seus contemporáneos. Consideramos a Bóveda como un santo, como un mártir que ofreceu o seu sangue para a redención da súa amada Galicia, pola que traballou e sufríu sen escatimar nada, nin tan siquera a súa propia vida.
Sentado esto, imos reflexionar e comentar a nosa impresión e as nosas ideas sobre a páxina 78 do libro: “Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda”, escrito polo cuñado de Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, e publicado en Bos Aires en 1972. Dita publicación causou enorme pesar e tristeza en Filgueira, porque hai certas afirmacións inxustas e trátase de ferir ao ilustre pontevedrés. Pensamos e comprendemos que están escritas dende a dor e o resentimento, lóxicos por outra parte, pero faltos de rigor histórico. A dor e o horror causados pola crueldade do asasinato de Bóveda, que nos privaron dun home aínda mozo, cunha familia numerosa, que se atopaba na madureza para ofrecer vizosas obras e iniciativas para un mellor futuro da Nosa Terra e que xa estaba considerado como un dos homes máis importantes da nosa historia. Pero, esto non é causa para usar calquer argumento para aldraxar o nome dun home, que tamén é unha das figuras senlleiras da cultura galega. E do que pensaba Bóveda, que alí onde estivera Filgueira, habería sempre un gran defensor da causa de Galicia.
Vaiamos ao asunto, nesa páxina prodúcese unha imprecisión cronolóxica, o que nos leva a pensar que non se está a facer historia, senón a manipulala, dende unha óptica de resentimento e de revanchismo, comprensibles mais non aceptables. O suposto diálogo entre Bóveda e Filgueira, cando acaban de coñecerse en Pontevedra, é un diálogo imposible, vexamos por que:

- Bóveda chega a Pontevedra recén aprobadas as súas oposicións á Facenda nos anos vinte do século homónimo. Filgueira non lle pode dicir que el viña de aprobar ás súas oposicións á cátedras de instituto, porque esto ocorre no ano 1935. Que lle dixera a Bóveda que pensaba ser director do Museo de Pontevedra, é bastante impensable naquelas datas, estando vivo D. Casto Sampedro y Folgar, quen morre en 1937. Filgueira chega a ser director desa entidade na década dos 40. Os que coñecimos a Filgueira sabemos que era un home correcto, extremadamente educado e incluso tímido, polo que esa postura arrogante, chulesca e despectiva non cadraba coa súa personalidade, non penso que poidera dirixirse a Bóveda nos termos que lle adxudica D. Xerardo, é algo difícil de soster. E téñase en conta que logo ámbolos dous personaxes relacionáronse moito e colaboraron en moitas empresas de sumo interese para a Nosa Terra. Ese non podía ser o comezo da relación entre Filgueira e Bóveda, tal como o relata o Sr. Álvarez Gallego.

- A primeira apreta de mans entre Bóveda e Filgueira non podía ser algo falso e ruín como o autor trata de suxerir. O tema do xuízo (bueno, a pantomima de xuízo) a Bóveda e algo que haberá que investigar e aclarar a fondo. As declaracións ou non declaracións de Filgueira, ao mellor ni tan sequera foi citado a declarar, el trataba de non prexudicar a Bóveda, nin negou nunca a Bóveda. As súas hipotéticas declaracións en nada poderían favorecer a Bóveda. Nese estado arbitrario e cruel de guerra, Filgueira estaba mobilizado como tenente do exército nacional. Presidía o Consello de Guerra a Bóveda un xefe ou oficial de superior categoría militar a Filgueira, diante de tal situación, que podía facer el? Ademáis, Bóveda xa estaba condenado antes do xuízo. O que fixera ou deixase de facer Filgueira non ía supoñer nada significativo nin determinante nesta causa. A sentencia xa estaba sinalada antes da burla de xuízo, a pantomima de proceso ao que foi sometido inxusta e ilegalmente Bóveda, a sentencia xa estaba marcada antes de ser dictada, estabamos nun Estado arbitrario e antidemocrático, sen ningunha garantía procesal, non se trataba dun Estado de Dereito. Había a consigna que non podía quedar vivo ningún dirixente do Partido Galeguista.

Esta páxina e outras do libro que comentamos, nas que se menciona a Filgueira son inexactas e moi despectivas cara Filgueira, el non eran tan petulante e fachendoso como se trata de indicar, ademais nunca traicionou á causa galeguista. Aquela triste situación de violencia extrema e irracional separou definitivamente a seres que se amaban, que se respectaban e que traballaban xuntos para soerguer Galicia.

Aprendamos da historia para desterrar actitudes intransixentes e violentas. Convén unha actitude dialogante, comprensiva, tolerante para que sempre triunfe a vida. Por eso, non son de recibo obras supostamente históricas, que están escritas dende a xenreira, dende a paixón e dende a dor; eso alónxanos da verdade e do respecto que toda persoa merece. Que nunca máis no noso país se vexan interrompidos proxectos de vida e arelas de futuro por causa das guerras e das inxustizas; loitemos todos xuntos, aínda pensando distinto, por conseguir un futuro para a xente moza e para dar seguridade aos nosos maiores, que traballaron arreo para entregarnos un país polo que se merece vivir e para construir todos un mundo habitable e máis humano. Galicia meréceo, ti non llo negues.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Benquerido Xermán, a intolerancia e inherente o ser humano e non damos aprendido dos nosos erros. O rancor e a envexa crecen i espállanse con mais forza nun período de crise social. Tendemos a desvalorizar e desmembrar aquelo que nos fai mais fortes e mais grandes. Todos cometemos erros pero os erros pódense corrixir ou aprender dos mesmos pra non voltar caer en eles. O profesor Filgueira Valverde fixo unha grande laboura sociocultural polo noso pobo, pola nosa lingua, o mesmo que Alexandre Bóveda. Non tornemos a caer nas teimas da insidia e envexa; aprendamos e melloremos. Unha aperta, Manoel Xosé