martes, 28 de abril de 2015

ALONSO SOBRE FILGUEIRA







XESÚS ALONSO MONTERO DIANTE DOS FEITOS DE 1936 COMPRENDE A FILGUEIRA


O luns 27 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos do VI edificio do Museo de Pontevedra asistín á presentación do libro de Xesús Alonso Montero: Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, publicado por Xerais e no que o profesor Alonso Montero manifesta a grandeza da vida e da obra filgueirianas e da súa repercusión positiva na nosa cultura, trátase dunha valoración entusiasta e dun alegato da figura do pontevedrés frente a polémica desatada pola dedicación do Día das Letras Galegas como homenaxe ao seu labor literario e erudito, Alonso comprométese na súa defensa argumentada obxectivamente.

Presisdiu a Mesa a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, acompañada ademais de polo autor, por Xosé Fernando Filgueira Iglesias, fillo do biografiado e presidente da súa Fundación, Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo e discípulo de Filgueira e o Sr. Bragado, editor. Da moi interesante e longa intervención de D. Xesús, fixareime en dúas datas, 1936 e 1942 ás que fixo especial referencia.

Primeiro, todo historiador ten que ter en conta a análise do contexto e das circunstancias históricas nas que se producen os feitos e se desenvolven as vidas das persoas. Na liña da exposición de Alonso Montero, poderiamos preguntarnos a altura de 1936:

Quen é o heroe que arrisca a vida e a facenda diante da guerra e da ditadura? “Eu fun catedrático na época de Franco como Filgueira foi alcalde na época de Franco”. Filgueira de 1936 ata ben entrados os anos corenta amósase  moi prudente e cauteloso. “Sabía que a historia ía para longo e nunca choveu que non arraiara”. “Filgueira era un posibilista”. Sabía agardar por situacións mellores e máis favorables.

A guerra e os primeiros anos da postguerra foron terribles. Empezan outros aires e modos cando se albisca a derrota dos países do Eixo e os Estados Unidos pasa a ter un papel moi preponderante no escenario da política internacional.

“A violencia é o fracaso da palabra. É bo polemizar, pero non cair na descalificación gratuita e nas aseveracións sen probas nin datos obxectivos. Temos a sorte de que o Día das Letras Galegas festexamos ás palabras. O fracaso das palabras dalle paso á violencia”.

“Ramón Piñeiro diante da inhumanidade da guerra cae na depresión da que o salva o seu capitán, Antonio Rosón, quen o axudaría máis veces, como por exemplo na reducción da pena cando foi condeado  e Piñeiro pasaría na cadea desde 1946 a 1949”. Logo sigue a minar desde dentro o franquismo”.

“Desde dentro pódese erosionar o franquismo, tal como fixeron, entre outros, Piñeiro e Filgueira, por eso podemos considerar a Filgueira un quintocolumnista. Está en desacordo co réxime, non nos aspectos relixiosos. Filgueira atópase igual que en 1935, a favor do galeguismo e da República e en contra do Frente Popular. Por eso, en certo modo era quintocolumnista, erosionaba a ditadura con prudencia e sagacidade. Dinamita desde dentro con prudencia e sen suicidios innecesarios”.

Piñeiro acolle como un fito para a cultura galega a edición e publicación en 1942 do Cancioneiro musical de Casto Sampedro y Folgar rescatado por Filgueira, “quen se atopou cunha morea de fichas de Sampedro que ordenou e sistematizou”. É unha obra importante desde o punto de vista da literatura, da música e do folclore. Filgueira elabora unha importantísima introducción, inclúe notas e aparato crítico así como a bibliografía. Constitúe unha obra valiosa e unha positiva aportación para a nosa cultura. Filgueira era deudor do estilo do Seminario de Estudos Galegos, nótase na súa metodoloxía científica, na interdisciplinariedade e no compromiso co país.

Nos anos corenta e cincuenta Galicia é un ermo cultural. Piñeiro dase conta de que calquera cousa que se fixese a prol da cultura galega, ben feito estaba. Por eso aplaude en 1942 a aparición do Cancioneiro. Como aplaudirá, desde a revista Grial, en 1970 a intervención de Filgueira Valverde nas Cortes Españolas e invocando a Sarmiento para introducir no sistema educativo a utilización e estudio da lingua galega.

D. Xesús di que sería conveniente estudiar a relación entre Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, traballando, por exemplo, no seu epistolario. Comenta D. Xesús que cando teña tempo adicarase a ese labor.

Logo de recibir os merecidos aplausos pola súa extraordinaria disertación, D. Xesús firmou exemplares desta súa obra dedicada a Xosé Filgueira Valverde, de quen festexamos os milleiros e milleiros de palabras que escribiu e pronunciou en tantas conferencias e actos ao longo da súa extensa e fructífera vida.

viernes, 24 de abril de 2015

XLVI MESA DAS VERBAS, 25-04-2015 ÁS 19:30 H.


VINDE CEIBAR CONNOSCO OS VERSOS AO AR NO SALÓN DE ACTOS DO LICEO CASINO ESTE SÁBADO. DEDICAREMOS UN TEMPO AOS POEMAS SATÍRICOS E O NOSO COMPAÑEIRO TITO PORTO TERÁ UN DETALLE CON TODOS OS QUE COMPARTAN OS SEUS VERSOS.

Recibimos o noso zoco de barro, cortesía do amigo Tito Porto e ademais tivemos nosa "tençón" literaria ao máis puro estilo Quevedo vs Góngora, ceibando os seus versos ao ar:

- Tito Porto
- Enrique Brumbéck
- Tere Briones
- Alfonso Saavedra
- Antonio Quiñoy
- José González
- Augusto Guedes
- Andrea Fernández
- Manuel Lage
- Xermán Manoel Torres

Próximos eventos:

- 23/05/2015: Homenaxe en Vigo a Manoel Xosé Olveira Hortas

- 29/05/2015; 21:15 h. No Salón García, rúa Rey Daviña de Vilagarcía de Arousa: XLVII MESA DAS VERBAS - HOMENAXE A XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE - DÍA DAS LETRAS GALEGAS-2015:

                * Voces Amigas de Vilagarcía 2/3 cantigas galegas
                * Xermán Manoel Torres, conversa sobre FILGUEIRA
                * Recital poético da Mesa das Verbas: poemas    exclusivamente en lingua galega.

                * Voces Amigas 2/3 cantigas galegas.

- 07/08/2015: L MESA DAS VERBAS:

                   . Paseo poético (xa se determinará o lugar).

                   . 14:30 h.: Comida de confraternidade no Club de Mar.

                   . 21:00 h.: Na rúa Castelao: Recital poético.
                     Coa amenización musical do grupo AROUSA BAY.

E aínda haberá algunha agradable novedade na XLVIII ou XLIX edición da Mesa das Verbas, ledicia por compartir versos, palabras de sentimentos e emocións, pombas de vida e esperanza.

sábado, 18 de abril de 2015

ANO 2015 - ANO FILGUEIRA



Xa vai moitos anos que veño traballando na figura de Xosé Filgueira Valverde, este ano é unha boa oportunidade para relanzar o coñecemento deste sabio pontevedrés e galego, mais non pode quedar aí, a relevancia de Filgueira Valverde e a súa magna obra ten que ser obxecto de atención e estudo constantes.

Co gallo deste ano e do Día das Letras Galegas -2015 teño xa pechados algúns actos nos que participarei para lembrar e estudar ao erudito pontevedrés. O pasado 28 de outubro, día do seu natalicio, rendémoslle o noso recordo e a nosa homenaxe no Salón de Actos da parroquia de Santa Baia de Arealonga. Fago un recordatorio dos próximos actos por se alguén nos quere acompañar:

- 23/04/2015, ás 20:00 h. na Casa das Campás, organizado polo Ateneo de Pontevedra: Universo Filgueira, panel sobre o pontevedrés do ano, no que participarán: Xosé Fernando Filgueira Iglesias e Xermán Manoel Torres. 

- 27/04/2015, ás 17:00 h. Gravación duns minutos de radio, nunha entrevista sobre Filgueira Valverde con alumnas de CC. Audiovisuais e da Comunicación da Universidade de Vigo do Campus de Pontevedra.

- 30/04/2015, ás 20:00 h. na Casa das Campás, organizada polo Ateneo de Pontevedra, colaboración na conferencia que pronunciará Xesús Ferro Ruibal sobre Filgueira Valverde.

- 04/05/2015, ás 17:30 h. na Casa do Libro de Vigo e organizada polo Club Gamboa, conferencia sobre Filgueira Valverde, vida e obra, persoas que o acompañaron, por Xermán Manoel Torres.

- 09/05/2015 de 10:30 h a 20:00 h., na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, participación na Xornada do Día das Letras Galegas - Xosé Filgueira Valverde. Organizada polo CAFI e polo EDLG da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia.

- 13 e 14/05/2015 de 10:20 h a 11:15 h. no CEIP O PIÑEIRIÑO de Vilagarcía de Arousa, xornadas escolares sobre Filgueira Valverde, coordinadas polo profesor e orientador do centro, Xermán Manoel Torres.

- 15/05/2015; 13:10 h. fun entrevistado por Montse García para Radio Arosa-SER sobre FILGUEIRA.
21:00 h. no Auditorio Municipal de A Xuventude de Cambados, asistín á Gala Lírica da Canción Galega - Letras Galegas 2015 - Homenaxe a Xosé Filgueira Valverde, actuaron Iria Cuevas (mezzosoprano) e Alejo Amoedo (pianista acompañante). Coa estrea absoluta dos tres poemas de Fermín Bouza Brey musicados polo compositor Elixio Vila.

- 16/05/2015; 19:00 h. Asistencia a estrea absoluta da farsa para rapaces Agromar de Filgueira Valverde no Salón de Actos do Museo de Pontevedra.
21:00 h. Asistencia ao Concerto Homenaxe a Filgueira no Salón de Actos de Abanca en Pontevedra.

- 17/05/2015; 11:00 h. Concurrencia á inauguración dunha placa en lembranza de Filgueira no Instituto Sánchez Cantón,
12:30 h. presencia na sesión especial da Real Academia Galega no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra.

- 18/05/2015 de 10:30 h. a 11:30 h. Intercambio cultural entre O CEIP O PIÑEIRIÑO e o CEIP DE RUBIÁNS, neste último centro o coro de 3º A do primeiro centro actuará interpretando o Himno Galego e tres cantigas galegas e o orientador dese centro, Xermán Manoel Torres coordinará unha conversa co alumnado sobre Filgueira Valverde, empregando unha montaxe de Power Point, por el deseñada.

- 29/05/2015, a partires das 21:15 h., XLVII MESA DAS VERBAS, no Salón García da Casa da Cultura de Vilagarcía, rúa Rey Daviña, onde se lle renderá lembranza e homenaxe a Filgueira Valverde.

Cómpre evitar o esquecemento e sempre lembrar e honrar a este "obreiro da Causa galega".

domingo, 12 de abril de 2015

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (V) - CEIP A LOMBA


Durante os cursos de 1988/1989 e 1989/1990 prestei os meus servizos educativos no que daquela aínda se chamaba colexio José Antonio de Vilagarcía de Arousa (hoxe CEIP A LOMBA). Fun moi ben acollido e tratado alí, tanto polas compañeiras e compañeiros como polo alumnado. Eu por ser naquel tempo un dos máis novos mestres do centro, impartín unha variedade de asignaturas, Lingua Galega, Relixión e Educación Física.

Os meus alumnos de aqueles tempos aínda lembran, porque mo teñen dito recentemente, que nas clases de Galego eu poñíalle a música de Amancio Prada, cantando a Rosalía e a Cunqueiro, así como o mítico disco de Luis Emilio Batallán AÍ VÉN O MAIO, tamén a música de Milladoiro, a de Suso Vahamonde, Fuxan os Ventos,... Faciamos montaxes de diapositivas con acetatos e papel cebola, traballabamos na confección de cómics, por certo, había algúns alumnos que eran verdadeiros artistas neste tema.

Tamén gardo con especial agarimo a constitución do grupo de teatro BRÉTEMA. Preparamos a obra de Blanco Amor, A TÍA LAMBIDA, con dita montaxe teatral gañamos o I Premio e o Premio a mellor actriz, no certame de Teatro Infantil e Xuvenil do Concello de Vilagarcía de Arousa. Co recadado no premio fixemos unha inesquecible viaxe cultural a Santiago de Compostela, trasladámonos en tren, o que lle deu un ton especial á viaxe, visitamos, entre outras cousas, a torre de control do aeroporto de Lavacolla, xantamos nun restaurante moi adaptado ao gusto daqueles mociños e mociñas. Grazas a esa experiencia teatral pasámolo moi ben e tivemos intres dunha especial e positiva convivencia, como o da viaxe da que falabamos.

Outra actividade que lembro dun xeito especial era a da proxección de películas en Súper-8 Sonoro nas clases do Departamento de Relixión, coa miña compañeira programabamos as películas, eu facía o pedido a Claret Films de Bilbao e recollía e devolvía os rollos das películas no despacho de paquetería da Estación de Renfe da nosa cidade.

Foron dous cursos que non esquecerei nunca, todos alí foron moi cariñosos e agarimosos conmigo. Moitos dos alumnos/as, homes e mulleres hoxe, aínda me saúdan e xuntos lembramos aqueles tempos idos, tempos da E.X.B. Como anécdota, fun mestre dalgúns fillos/as daqueles ex alumnos/as de finais dos anos 80 do pasado século. Xesús, como pasa o tempo!