domingo, 20 de septiembre de 2020

SUCEDEU NA ENCARNACIÓN


Meu compañeiro da infancia Eugenio Torres, o fillo do veterinario


 O colexio da Encarnación de Caldas de Reis é un dos colexios máis queridos da vila termal. Alí cursei nos meus tempos de parvuliño, rexentaban o colexio daquela as "Hermanas de la Doctrina Cristiana".

De cando empecei, teño unha anécdota verídica e un pouco rocambolesca, era o ensino daquel tempo e por persoas que tiñan pouco de mestras, esta historia é posible que a contara máis dunha vez, perdoade, son cousas da vellez. Como ten o seu chiste vouna relembrar outra vez.

Xa levaba o curso empezado, alá a principios dos anos sesenta do pasado século XX, e un compañeiriño, Eugenio Torres, o fillo do veterinario, veu ao colexio uns días máis tarde, chegou chorando, sentárono na miña mesa, ao meu carón, e o pobre seguía a chorar sen parar, desconsoladamente. Eu para ver se se calmaba, tiven unha idea, cunha folla da miña libreta, que fun plegando ata facer unha especie de acordeón e dinllo como agasallo, non me lembro se parou de chorar ou non. Decatouse deste xesto unha profesora seglar, que era moi ruín por certo, colleu o acordeón, fíxome levantar e colocoume o acordeón na cabeza a xeito de laciño e non tivo outra feliz idea que levarme a recorrer o resto das clases desta maneira, para que se riran e burlaran de min.

Chegamos a unha clase onde estaba unha nena, que era veciña miña, a filla da señora Nilda e do señor Manuel que tiñan unha panadería na rúa dos Fornos. Cando me veu daquel modo, botouse a rir e a min tamén me deu a risa; dounos un ataque de risa e non parabamos. Nesta clase estaba a directora, unha monxa que rivalizaba en ruindade con aquela malvada mestra, era mala e fea, o terror do colexio, castigounos aos dous poñéndonos de xeonllos, como no parabamos de rir, non tivo outra ocorrencia que lanzarnos, ás reboladas, unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa. Sorte que non tivo puntería algunha e non nos deu con ela, senón houbéranos mancado e podería ter sido unha desgraza.

Pero, nese cole, a Deus grazas, había algunhas monxas boas e excelentes mestras, lembro unha moi boíña coa que rompín a ler, colléralle moito cariño a un libro, Hemos visto al Señor, que andado o tempo recupereino, comprándoo de novo. Tamén recordo nesa aprendizaxe da lectoescritura e do cálculo outros libros como: Amiguitos, Rayas e os cadernos de escritura e cálculo, os famosos cadernos Rubio. E daquela os polvos de cacao, que eu tomaba no leite e que me gustaban moito, chamábanse: Tody.

E finalmente, non me esquecerei dunha monxiña que era tan pequeniña coma nós, que cando estabamos en parvuliños cantábanos e ensinábanos cancións moi bonitas con xestos e acenos que nos gustaban moito, era unha monxa moi alegre e simpática, a madre Aurelia... Que tempos aqueles!