jueves, 28 de septiembre de 2023

ACADEMIA, CAMIÑO DE GALBÁNS, 11

 



Atrás (de pé), empezando pola esquerda: Román, Oubiña, Luís, Luciano, Chus.

Diante-esqda (axeonllados): Víctor, non identificado, Fernandito, Quinso. 


Unha grande parte da miña vida dun xeito ou doutro estivo dedicada á docencia, desde moi noviño. Lembro que contra 1967, cando aínda non cumprira os dez anos, o párroco de Santa María de Caldas de Reis, D. Marcelino Torres Villar fíxome catequista na súa parroquia.

En 1971, no meu retorno á Vilagarcía de Arousa, D. Daniel Luís Espiño Otero, coadxutor da parroquia de Santa Baia de Arealonga, acolleume como seu axudante na catequese dos barrios de Trabanca Badiña-A Torre, onde vivía, e no barrio da Laxe. D. Daniel tamén me fixo a proposta de alfabetizar a algúns mociños e persoas humildes e de nulos recursos económicos. Tamén me puxo en contacto coa Asociación AUXILIA, que trataba de traballar pola integración e promoción de persoas con dificultades de mobilidade e con necesidades educativas especiais, da dita Asociación eran responsables as lembradas relixiosas filipenses, madres Lourdes e Aurora.

Axiña coñecín e trabei unha fonda amizade cunha mestra exemplar e cunha grande experiencia e coñecementos pedagóxicos e didácticos, a tamén relixiosa filipense, madre Guadalupe, que laborando na asociación de promoción xitana, por medio dun padroado crea a Escola Xitana de San Pedro de Cornazo, coa que os meus compañeiros de xeración e eu mesmo colaboramos, eramos a mocidade do Club de D. Daniel, os do Local, con grandes inquedanzas sociais, e inspirados polos nosos mestres gratuítos, D. Daniel e a madre Guadalupe, participamos con eles na alfabetización e educación de persoas marxinadas.

D. José Torrado Castiñeiras (actual párroco da parroquia Santa Baia de Arealonga), tamén á miña volta á miña cidade natal, escolleume como colaborador e brindoume coa súa amizade, da que teño o gozo de seguir contando nestes momentos da miña vida, na que desfruto da miña xubilación de máis de 39 anos de servizo no ensino público en diversos centros educativos, dependentes da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Na miña parroquia participei e aínda colaboro en distintas funcións, moitas vinculadas á formación e a educación, hoxe, entre outras cousas, dedícome á formación dos catequistas e coordino as convivencias e as escolas de catequistas.

Dun xeito ou doutro, levo 56 anos de actividade docente e formativa, pero hoxe quero falar da miña experiencia docente como profesor particular e máis concretamente da miña academia do Camiño de Galbáns, 11, no barrio de Trabanca Badiña de Vilagarcía de Arousa, onde vivín máis de 13 anos, foi unha experiencia feliz e moi lembrada, alí prestei o meu apoio a un número importante de nenos e nenas e de mociños e mociñas, vou dicir os nomes dos que aínda recordo, porque a néboa do tempo vai escurecendo a miña memoria, aínda lembro a (algúns aparecen na foto que ilustra esta entrada). Mª Jesús, Luciano, Luís, Oubiña, Román, Víctor, Fernandito, Quinso, Cristina, Fernando, José Luis, Ramón, Manuel, Lolita, Simón, Tinito, Pili, Sole, Aquilino, Felisa, Tito, José Manuel, os dous irmáns Custodia, Benito,...

Lembro que con eles pretendín facer un estudo do Pazo de Patiño, tristemente deixado desfacer, nel toparamos unhas moedas antigas, fixeramos unhas fotos do escudo. Con tal motivo das pescudas neste pazo abandonado e botado a perder, levei a estes meus alumnos a unha visita ao Museo de Pontevedra (onde fomos atendidos moi amablemente polo seu director, o meu admirado D. Xosé Filgueira Valverde, quen nos dixo que as moedas non tiñan valor algún, pero que si era interesante o estudo do escudo). A visita foi contra o ano 1979 e ademais do meu alumnado particular abrimos a experiencia a outros nenos do barrio. Lembro que eu ía preocupado porque levabamos a un neno que se chamaba Carlitos, o fillo de Rosa a Cazurra, era un neno moi simpático, pero un neno un tanto movido, pero para a miña grata sorpresa, non rompeu nada e estivo enormemente interesado e motivado na visita ao Museo de Pontevedra e comportouse marabillosamente, veu encantado da cámara de oficiais da recreación do barco do Almirante Méndez Núñez (sala, lamentablemente, agora en desuso). O Museo visitámolo cun nome colectivo que os nenos indicaron, grupo Apolo XI. Tamén lembro que axudei a Lolita Torreiro sobre un traballo sobre Cervantes, que foi premiado... Son tan só unhas pinceladas dalgunhas das miñas lembranzas con este grupiño de cativos, ah! tamén acudiron comigo no ano 1980 a unha conferencia que impartiu Filgueira Valverde sobre Afonso X, o Sabio, a quen se lle dedicaba o Día das Letras Galegas aquel ano, no Salón de Actos da Caixa de Aforros de Vigo, nas torres do barrio da Lomba, conferencia organizada polo Club Xuvenil Vilagarcián, que eu presidía daquela.

Xa en 1982, cando aprobo ás miñas oposicións e son destinado o 2 de xaneiro de 1983 ao Colexio de Codeseda (A Estrada), organizo para este meu querido e lembrado alumnado de ensino particular unha marcha, como despedida, ao monte Xiabre, cando estabamos preto do cumio, comezou a chover sen parar, descendemos ata preto do refuxio de Guillán e un señor, moi amable, baixounos a todos na súa furgoneta. E co motivo desta despedida, distribuín e agasallei a cada un con un exemplar da miña colección de cómics.

Esta é unha agarimosa lembranza e unha homenaxe a aqueles nenos e nenas que asistiron ás miñas clases particulares, eu intentei darlles o mellor de min, pero tamén eles me ensinaron moito. Todos aprendemos de todos.    


viernes, 1 de septiembre de 2023

THE CINEMA AT THE HIGH SCHOOL OF PONTEVEDRA

 

A Rondalla do Instituto de Pontevedra co seu director

O CINE NO INSTITUTO DE PONTEVEDRA

Na época de Xosé Filgueira Valverde como director

(1946-1976)

Xa teño falado e pretendido demostrar que o profesor, o “vello profesor” Xosé Filgueira Valverde foi un docente humanista innovador. Pretendía que o seu centro educativo fose un foco de cultura para o alumnado, para as súas familias e para a cidade en xeral; por iso, o seu centro tivo unha considerable proxección social e nos medios de comunicación da época.

Filgueira Valverde foi un gran comunicador e publicista, os seus saberes, as súas actividades non eran para quedar inéditos, como o gran investigador humanista que foi, consideraba que a ciencia hai que comunicala, poñela a disposición de todos, aproveitando todos os medios de difusión dispoñibles, mesmo os máis avanzados en termos tecnolóxicos e vangardistas.

Xa teño indicado e subliñado que don Xosé valoraba o deporte, a música, a poesía, a oratoria, as artes plásticas, o teatro,... que foron sabiamente practicados no seu Instituto de Pontevedra e con gran aproveitamento para o alumnado. E loxicamente tampouco podía faltar a chamada sétima arte, o cine.

Na súa época como director, o seu instituto contou con varios proxectores de distintas características (mudos, sonoros) e aos que se deu bo e amplo uso. Ademais do goce do cine como medio de entretemento e de admiración artística, tamén se aproveitaron as súas virtualidades e potencialidades educativas e didácticas. Utilizando  moitas películas como complemento e como recursos didácticos de moitas materias, nun enfoque multidisciplinar ou inter-áreas moi acaído para Filgueira Valverde desde os seu tempo no Seminario de Estudos Galegos (1923-1936). No instituto filgueirián foron invitados distintos técnicos e especialistas de cada tema a visualizar as películas co alumnado, incluso empresas cos seus técnicos e obreiros asistiron as proxeccións cinematográficas para dialogar co alumnado e servir de utilidade para todos, como unha potente e atraente fonte de aprendizaxe.

Para fornecerse de filmes, fixéronse solicitudes e xestións e mantivéronse contactos co Ministerio de Educación e con distintos organismos oficiais, así como embaixadas e institucións culturais estranxeiras (como por exemplo, o Instituto de Francia).

Tamén se acudía ás salas comerciais de cine da cidade de Pontevedra en sesións para escolares e o Instituto de Filgueira Valverde acolleu e prestou a súa axuda e a súa colaboración ao Cine-Club de Pontevedra, mesmo potenciando e axudando á súa creación e posta en marcha.

Motivábase ao alumnado na redacción e publicación de comentarios e críticas de cine, que se publicaban na revista do Instituto, a revista TEUCRO.

O Instituto de Filgueira Valverde foi moi recoñecido e premiado, chegando a ter un gran prestixio, foi declarado nos anos 50 do pasado século XX instituto modelo polas autoridades académicas do Ministerio de Educación polo seu estilo docente e pola calidade innovadora das súas múltiples e variadas actividades educativas e culturais, que se realizaban intentando implicar a toda a comunidade educativa e mesmo á cidade de Pontevedra.

Coido que aínda hoxe o Instituto de Pontevedra, dirixido por Filgueira Valverde desde 1946 e ata 1976, é un espello ao que poden mirar os centros educativos para replicar coas debidas actualizacións e contextualizacións moitas das actividades e dos principios educativos que alí se desenvolvían, dun xeito innovador e avanzado. Para iso, serve a historia e a historia da educación para adoptar exemplos e modelos de utilidade co fin de avanzar por sendeiros firmes e consolidados que poidan aportar riqueza e valor engadido ao que facemos.

E como adoitaba a exclamar Filgueira Valverde: Sempre aprendo! / Aínda estou a aprender!

O profesor Xosé Filgueira Valverde, gran comunicador e publicista