miércoles, 17 de diciembre de 2008


(Na imaxe, Nacemento que Filgueira colocaba no seu fogar tódolos anos, así nolo fixo chegar a súa filla Araceli Filgueira Iglesias, nunha postal de nadal do 2006, ano do centenario do seu pai)



FILGUEIRA VALVERDE

Tres refendas da Noite Boa

I

O Milagre das abellas


Un homiño de Flandes, na noite de Nadal,
levou consigo a Hostia cando foi comulgar.
Púxoa nunha albariza, no seu colmenar,
crendo que o mel e cera virían a medrar.
As devotas abellas fixéronlle un altar.
Aló a Virxe e o Neno viñeron acougar.
A luz do sol trocara a noite en lumear.
El-Rei Afonso fixo compor novo cantar;
que lera o milagre en Cesar Heisterbach.


II

O Nadal das pedras


Tamén teñen as laxes a festa no Nadal.
Brincan, de seu, na noite, as pedras de abalar.
Camiñan cara os ríos os marcos a abrevar.
E baixan para o Etel os esteos de Karnac.
Un tesouro agachado pode o menhir gardar.
As aves, cobizosas, o veñen a búscar.
No seu retorno, as pedras as poden apreixar.
Aló quedan un ano, pois teñen que agardar,
que as liberten os sons das campás do Nadal.


III

Capela viva


Nadal no mar xiado dos ensoños.
Brandán sobarda a barca, cabo as insuas,
a erguer un novo altar en terra nova.
(Tal nosa Fe na abaladoira vida).
Un monstro, inquedo, esguío, desnortado,
fai, baixo a man do Santo, de insua viva,
a un tempo terra acolledora e nave,
na roita das saudades infinida.

domingo, 14 de diciembre de 2008







Homenaxe á Pontevedra de Filgueira e ás camelias

(Nas tres fotografías da miña autoría, podemos ver, un detalle da fachada de Santa María, o monumento aos heroes de Pontesampaio co Concello ao fondo, e unha vista de Pontevedra dende a Caeira, remedando a un famoso cadro e outras imaxes precedentes co mesmo tema, retallos da Pontevedra amada por Filgueira).


Pontevedra, a Boa Vila,
chea de historia nas pedras,
chea de vida nas flores;
mil camelias na Alameda.

Recordos de Odriozola,
penas polo profesor Filgueira,
ámbolos dous, ó seu xeito,
ámbolos dous de camelias cubertos.

Pontevedra, a Boa Vila,
foi horto de grandes xenios,
camelias para Losada,
para Bóveda e para Daniel.

Énchense de ledas flores
de Santo Domingo as ruinas,
camelias para o Museo,
camelias para don Casto.

Canta xente importante!
Que cidadáns do Teucro!
Camelias para os Mareantes,
camelias para Santa María.

Pontevedra, a Boa Vila,
para ti vou cantando,
camelias vou esfollando
nesta batalla de flores.

Camelias para a Peregrina,
camelias para San Roque,
para San Bartolomeu camelias,
as mesmas flores preciosas

para San Francisco,
preto da Ferrería,
na capital do Lérez,
mil camelias de alegría.

Xermán Torres en HIDROMEL (2007)

jueves, 11 de diciembre de 2008




1939, O RETORNO A PONTEVEDRA

(Nas imaxes, unha miña instantánea de Pontevedra e tamén unha foto de Pintos da familia Filgueira Iglesias ao completo na década dos 50, extraída, esta última do libro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996 UN SÉCULO DE GALICIA, 2007)



En 1939 finaliza a estancia de Filgueira como profesor no Instituto de Lugo, é o ano en que nace a súa filla primoxénita, Araceli, o que provoca a composición dun fermoso poema en latín, para festexar tan feliz acontecemento, por parte de D. Ramón Otero Pedrayo, gran amigo persoal e mestre querido e admirado por D. Xosé.
O seu fillo comentounos, que entre outras cousas, a marcha precipitada de Lugo e o retorno a Pontevedra do seu pai, vén motivada pola morte de D. Xosé Mª Filgueira Martínez, pai de Filgueira e avó do comunicante, ocorrida en Pontevedra o 25 de outubro de 1938, e polos inconvenientes que lle ocasionan a súa defensa da Muralla romana de Lugo e do patrimonio lugués. De tal xeito, que en 1940 atopamos a D. Xosé como profesor do Instituto de Pontevedra, ocupando a Cátedra de “Lengua y Literatura Española”, exercendo ademais as funcións de Interventor, despois ás da Xefatura de Estudos, para pasar en 1946 a desempeñar a dirección, posto que ocuparía ata a súa xubilación en 1976. Nesa década dos 40 do pasado século, vaise ampliando a familia Filgueira-Iglesias, precisamente no ano incial da mesma, nace o único fillo varón, Xosé Fernando, quen nos anos 70 afincaría como prestixioso médico alergólogo na cidade do Teucro, no ano 42 nace a terceira filla, Mª Teresa, no 44 viría ao mundo Mª del Pilar, e finalmente, chegaría a benxamina, Angelines en 1947.
Tamén en 1940, entre outros moitos cargos, é nomeado Director do Museo de Pontevedra ata 1986, ano en que renunciaría ao citado posto e pasaría a ser director emérito e patrón honorario do afamado centro museístico.
Son moitos anos en Pontevedra, toda unha vida, adicado de cheo a súa actividade docente, cultural e erudita; así, como de participación e protagonismo na esfera social e política.
Dende o seu retorno en 1939, practicamente non abandonará a súa cidade natal, que será un punto central dende onde irradiará toda a súa acción vital e todo o seu importante traballo a prol da nosa cultura.

Finalmente, recollemos o poema en latín festexando o natalicio da primoxénita do profesor Filgueira, por este e por outros motivos, ese ano é referencial na vida do noso personaxe, a composición foi escrita polo seu bo amigo Ramón Otero Pedrayo e introducido así polo propio Filgueira, no seu libro: CON OTERO PEDRAYO (1990):




"CARMEN" AO NACEMENTO DE ARACELI FILGUEIRA IGLESIAS

O día vinteseis do mes de maio do 1939 nacía en Lugo a miña primeira filla, Araceli. Era no tempo das epístolas latinas. Don Ramón axuntouse ao acontecemento familiar cun nobre poema xenetlíaco, onde a evocación das ninfas, as "Matres Gallaetiae", Teucro… abren o cortexo da Virxe Peregrina que beizoa á meniña.



Super lucensis moenia sicut ei est mos ibat
Cadente sole Filicaria.
"Ab stirpe mea" cogitabat "pollitica pristina flos
Saeculis vicit,
Quis divitior? Genitor ero, tempora capessitum
Donec in cunna bula
Spem latet sicut in parva lentaque radix
Magnas segetes.
Venite Nympharum Gratiaque chori
Concertato pede.
Perdulere et saltare natus circum suaviter
Atque ei nectitote
Ex heredae rosaeque et Dafne Apollinis grata
Leves coronas.
Necnon Matres Gallaetiae, vetera numina
Glebae nutrices!
Dona vestrum non deest pueri: gramínea
Adamet comam.
Video sopor infantis et aspicio procul
Ultra decursum aerum
Ut progenies mea quasi silvae frondescet
Mundis impletura.
Sic laetitia veterum patriarcharum ridebat
Initio temporis
Dum condebant civitates, dum colegant
Arva aratribus!"
Breviter viridarium Teucris ac amoenae
Duorum Pontium orae
Planctu reflectarunt natam puellam
Filicaria laetus
Promisa dona concinatus cupiebat.
Sed de coelo
Validiores nocte silente Gratias delapsae sunt
Inter chori angelorum
Donec Magni Oculum Virgo ab aede sua
Vectata nubibus
Cum Peregrina Mater circum cunnabula evolarunt
Et puellam benedixerunt.
Auria Gallaicorum

sábado, 6 de diciembre de 2008


R/ ARZOBISPO MALVAR, 49, UN LUGAR DE ENCONTRO
(Na instantánea da miña autoría, podedes ver o que foi solar de D. Xosé Filgueira)

Na rúa pontevedresa do Arzobispo Malvar, 49 atopábase a casa familiar de Xosé Fernando Filgueira Valverde. Foi un edificio reconstruido no que fora pazo do trobador Paio Gómez Chariño (1225-1295), Almirante do Mar, que participara na reconquista de Sevilla e que se atopa soterrado na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Consideraba Filgueira que tal reconstrucción tiña sido un gran acerto dos seus pais. Ao respecto, D. Xosé manifestaba na publicación que recomendamos ao final desta entrada e na páxina XXV, o seguinte: “Debo declarar que soy el afortunado poseedor y habitador de lo que resta de los pazos del Almirante y poeta. Lo hago señalando la gratitud que debemos al buen gusto y la sensibilidad histórica de mis padres que al reedificar su casa en 1918, conservaron con cuidado lo que restaba del palacio medieval”. Hoxe en día, é un edificio abandonado e en venda.
Filgueira non coñeceu outro domicilio familiar, alí naceu, viviu e finou. Neste que foi o seu fogar, celebrábase unha tertulia despois do xantar, xeralmente presidida por D. Xosé, ás veces, el ausentábase para acudir ao seu despacho-biblioteca para traballar e descansar. Se é que non había un personaxe importante ou un invitado principal, a tertulia seguía con Dna. Mª Teresa, quen se encargaba de pechala. Participaban na mesma, personaxes da talla de Cotarelo Valledor, Sánchez Cantón, Iglesias Vilarelle, Dámaso Alonso, Otero Pedrayo, Fraguas e as amizades dos tempos do Seminario, frecuentaban a tertulia personaxes importantes da vida cultural, social e política, compartindo un café, algunha que outra copa e por medio conversas, que supoñemos tan interesantes, que é mágoa que non fosen rexistradas.
Un dos lugares preferidos da súa casa era, sen dúbida, para D. Xosé, a súa importante biblioteca (chegou a acumular unha barbaridade de libros, preto de vinte mil volumes), que pouco a pouco chegou a invadir toda a casa, había libros por tódolos sitios.
D. Xosé, dun xeito moi curioso, na súa biblioteca, que era o seu lugar de estudo e de traballo, tiña varios ambientes, un para o traballo intelectual, outro para despacho da súa abondosa correspondencia e papeles de rutina, outro para as lecturas de lecer, escoitar música e descansar. Sabida é a súa idea de que descansar era cambiar de actividade.
Nos días bos do outono, primavera ou verán, D. Xosé tiña por costume sentar comodamente na azotea, que estaba chea de plantas e flores e dende a que se albiscaban o río Lérez, a ponte do Burgo, e ao lonxe o mosteiro de San Benitiño, para trasladar alí as lecturas e animadas conversas. A casa tamén tiña unha horta, que logo foi vendida.
Outra estancia de interese sería a cociña, ben sabido que D. Xosé era un exquisito “gourmand” e tamén que a súa filla Araceli é unha experta na arte culinaria, moi coñecida e exitosa, é a súa publicación, frecuentemente reeditada COCINA GALLEGA (2006) co limiar de Cunqueiro e cun estudo bibliográfico de Odriozola.
Malvar, 49 era un lugar agradable, acolledor; alí sempre o “grilo do fogar” facía reinar a ledicia e a sabedoría; a calor humana de quen atesouraba a sensibilidade daquel trobador que dorme o sono eterno preto dos xardíns de D. Casto Sampedro y Folgar. Pontevedra eterna, sempre Pontevedra.

SE PODEDES, NON DEIXEDES DE OLLAR:

- XFV: EVOCACIÓN DE PAI GÓMEZ CHARIÑO. ALMIRANTE-TROVADOR (c. 1225-1295), Pontevedra, MCMXCV.

miércoles, 3 de diciembre de 2008




FILGUEIRA ÚNESE A UNHA GRAN MULLER EN LUGO NO ANO 1938

(Detalle da foto da voda publicada no libro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996 UN SÉCULO DE GALICIA, 2007)


Despois dun breve noivado, o 15 de agosto de 1938, Filgueira casa en Lugo con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz (Lugo, 10 de outubro de 1908 – Pontevedra, 9 de maio de 1995), filla de médico igual que el. Celébrase a cerimonia do seu casamento no Pazo Episcopal da cidade do Sacramento, no día tan sinalado e de amplas resonancias como foi o da Nosa Señora de agosto.
Filgueira atopou nela o seu verdadeiro tesouro, unha muller fermosa, discreta, educada, cunha forte personalidade, deportista (ten gañado algún trofeo de tenis –asegún nos ten manifestado a súa filla primoxénita, Araceli-). Foi a súa mellor compañeira durante case sesenta anos, nos que compartiron unha vida plena e fecunda en moitas frontes, compartiron ledicias, algunha pena, moitos éxitos e satisfaccións nos aspectos persoais, sociais, profesionais. Tal como nos indicaron o seu propio fillo Xosé Fernando, Amancio Landín e Valle Pérez, Mª Teresa era a primeira admiradora e colaboradora do seu home. Sempre ao seu carón, acompañándoo, coidándoo, animándoo. Coñecendo en primicia a súa obra e alentándoa. El non podería legarnos a súa monumental obra se a súa dona e a súa familia non facilitaran o seu traballo. Todos sentían veneración por el. Eran conscientes ademais da importancia do labor de D. Xosé e da trascendencia das súas actividades. Empezando pola súa muller, continuando polos fillos e polos netos, todos, sen excepción eran cómplices seus e gabábanse coa súa magna obra, que brillaba con luz propia en tantos eidos da cultura e da erudición.
Dna. Mª Teresa era enfermeira de profesión, unha conductora de automóbil moi notable en Pontevedra, “aí vai a muller de D. Xosé Filgueira”, o fillo e D. Amancio Landín téñennos contado algunha simpática anécdota de Dna. Mª Teresa ao volante do seu Seat-850. Outra nota característica súa era a fonda fe relixiosa, como nos diría o seu fillo, unha fe como a do carboeiro. Era unha asidua do rosario, por iso na familia Filgueira-Iglesias sempre se rezou o rosario, moito antes das campañas do padre Peyton, dirixía o mesmo Mª Teresa e remataba, recitando a letanía en latín, D. Xosé.
Unha vez, tristemente falecida, cousa que sumiu na tristura e na melancolía ao seu marido, hai unha anécdota que nos relatou o fillo, Xosé Fernando, na capela ardente rezouse o rosario xunta a outras oracións, o día seguinte volveuse a rezar o rosario; pero ao seguinte, dispoñéndose Araceli a voltar co rosario, D. Xosé dixo, mira non che volvo a rezar outro rosario, eu para falar con Deus non preciso recitar monotonamente avemarías, receino durante máis de cincuenta anos porque lle gustaba a túa nai… Sobran os comentarios para darse conta ata que punto amaba D. Xosé á inesquecible Dna. Mª Teresa, á que Galicia, penso, lle debe tanto. Servan estas verbas como unha sentida homenaxe e como un sinceiro recoñecemento.

sábado, 29 de noviembre de 2008







UNHA PECIÑA TEATRAL DE FILGUEIRA

(Entre as imaxes, un autógrafo de Filgueira dedicándonos AGROMAR)


En 1936, cando Filgueira exercía a súa cátedra no Instituto de Lugo, publica, baixo o seudónimo de J. Acuña, escolante e cun limiar asinado co seu verdadeiro nome, a primeira farsa para rapaces escrita en galego, co seguinte título: AGROMAR.
Nesta obriña, que hoxe ten un valor testemuñal e histórico, Filgueira fai a loanza do mundo labrego e fai unha afervoada defensa da lingua galega e da nosa cultura.
Filgueira era consciente de que era necesario traballar polo teatro galego. Un xénero, o dramático, que aínda que existe dende o medievo na nosa lingua, a día de hoxe, é o menos representativo no noso ámbito, a pesares dos esforzos que se están a facer na actualidade.
Falando sobre teatro, Filgueira, no limiar ao meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO, entre outras cousas, argumentaba e recoñecía o seguinte:
“A precaria historia ‘literaria’, do noso teatro, coñecido por moi raros e cativos testemuños dos ‘séculos escuros’ e serodios –costumista e histórico-, careza razoable pola falla de compañías estables.
E para telo houbo que agardar ó ano 1882, no que é premiado o drama “A Fonte do Xuramento” de Francisco de la Iglesia, e ó 1886, no que redacta Álvarez Giménez ‘María Castaña: unha revolta popular’. Mais… É unha dramática que non sempre chega ós escenarios”.
No limiar de AGROMAR, precisa, Filgueira, como e por que os nenos precisan un teatro, o expresa coas seguintes significativas e fermosas verbas: “Si os cativos precisan un arte –e pois un teatro- é porque máis chegados á fonte da vida, sinten máis fonda a chamada do ben i-a mágoa da falsía”. E recoñece no mesmo texto: “Que Galicia non é terra de dramáticas”, sen dúbida, pola moi pouca significatividade da dramática galega se a comparamos coa lírica e coa narrativa. Tamén indica que “cómpre lembra-las orixes rurais e sagras do teatro e que Galicia, como tódolos pobos, tería, de vello esas manifestacións ventureiras”.
En 1936 o galeguismo estaba cheo de proxectos e de ilusións e tamén de vizosas realidades. Filgueira estaba a traballar nas súas investigacións humanistas, na súa cátedra, no seu labor literario, estaba implicado ao máximo co SEG, que se atopaba preparando, co debido tempo de antelación, o que querían fose un fabuloso centenario, o de Rosalía de Castro de 1937; pero todos sabemos o que aconteceu, todo se ven abaixo, cos tristes acontecementos de xullo de 1936. Oxalá teñamos presente a historia, para non vérmonos obrigados a repetila.

PÁXINA WEB RECOMENDADA:

http://www.bvg.udc.es/

lunes, 24 de noviembre de 2008




1935, UN ANO CLAVE NA VIDA DE FILGUEIRA


Confeccionar unha tese de doutoramento en 1935 era facer un traballo científico de ampliación. Un tema aparentemente tan curto, como que non daba para máis, como podía ser a Cantiga CIII de Alfonso X, convértese nas mans de Filgueira Valverde nunha tese de doutoramento modélica, que aínda hoxe se le con interese e esperta palabras de admiración e de valoración moi positivas. O inspirador e valedor desta tese é o seu director, quen tamén formou parte do tribunal (naquel tempo era posible), o Dr. Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), D. Armando fora catedrático de “Lengua y Literatura Española” na Universidade de Compostela, mestre-guía da xeración de Filgueira e primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos (1923-1925). El fora quen introduciu e motivou a Filgueira para que estudiara as cantigas medievais e en concreto ás do rei Sabio. Filgueira chegaría a ser un gran medievalista e adicou ao longo da súa vida magníficos traballos sobre esta etapa histórica.
Filgueira defende a súa tese en 1935 na chamada daquela Universidade Central de Madrid, da que Cotarelo era Catedrático de “Lengua y Literatura Galaico-Portuguesa” na Facultade de Filosofía e Letras, obtendo a calificación de Sobresaínte.
Este ano foi moi bo para Filgueira, porque ademais de ler e defender con gran éxito a súa tese, aproba as súas oposicións a cátedras de instituto na especialidade de “Lengua y Literatura Española”. D. Xosé segue a acrecentar a súa carreira profesional e científica, constituíndose nun home novo con moito prestixio. Continúa co seu labor no Museo de Pontevedra, a estas alturas está participando moi activamente en política, funda con outros compañeiros a Dereita Galeguista, escindíndose do Partido Galeguista, e desenvolve un admirable traballo cos seus compañeiros e mestres no SEG (recordemos a semana de Galicia en Portugal, principalmente en Porto, e as xornadas de extensión cultural para mestres e estudantes, celebradas en Pontevedra, a colaboración coa ILE, sendo becado pola JAE para distintos traballos de estudo e investigación, comeza a traballar sobre a Antoloxía Consultada de poetas galegos contemporáneos,… Estes anos da década dos 30 do pasado século serían inesquecibles para Filgueira, cheos de vivencias e de iniciativas, que se verían truncados pola Guerra Civil do 36 e a dictadura subseguinte, pensemos, por exemplo, que a antoloxía poética citada tería que ver a luz postumamente en 2008, e o amplo proxecto concibido polo SEG quedaría así incompleto e inacabado, como tantas e tantas cousas. Pero, a pesar dos pesares, a vida tiña que continuar. E Filgueira non deixará de traballar pola súa Pontevedra e pola súa querida Galicia, moitas veces inxustamente incomprendido e incluso aldraxado. Mais a Historia implacablemente colocará a cada quen no lugar que lle corresponde.


LIBRO RECOMENDADO:


- XFV: OS POETAS GALEGOS (1936). ANTOLOXÍA CONSULTADA. Edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Vigo, Museo de Pontevedra, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2008.

miércoles, 19 de noviembre de 2008




FILGUEIRA, un novo profesor

(Foto extraída do libro: "Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996 un século de Galicia". -2007-. Filgueira, o máis alto, é o primeiro pola dta. da imaxe da 1ª fila, con algúns compañeiros do Instituto de Pontevedra en 1935)

Unha vez rematados os estudos universitarios e recén obtido o seu título de Licenciado, Filgueira figura no cadro de profesores do Instituto Nacional de 2ª Ensinanza de Pontevedra dende o ano 1928, como profesor axudante interino da sección de Letras, como podemos observar na imaxe que inxerimos e que reproduce o cadro núm. 21 da Memoria de 1928 a 1929, cando era director do centro, D. Ramón Sobrino Buhigas e exercía como secretario, D. Eugenio Alfredo de la Iglesia Santos.
Coincidiu alí por pouco tempo con dous dos seus grandes e admirados mestres: Antón Losada Diéguez (1884-1929) e Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886-1950) figuras representativas da xeración “Nós” e egrexios homes da cultura galega. Tamén se atopou exercendo a docencia a carón de antigos e prestixiosos profesores seus.
Ademais das clases, onde Filgueira destacaba como un mestre culto e ben preparado, aproveitaba todo tipo de actividades complementarias e extraescolares para que o alumnado afondara nos seus coñecementos e na adquisición das destrezas necesarias para a vida e para o desenvolvemento do saber e do coñecer. Tamén lle inculcaba ao alumnado o amor por Galicia. Por iso, participaba na organización de visitas e viaxes culturais, asistencia a conferencias e preparación por parte dos alumnos/as de exposicións orais que defendían diante do público, entre o que, moitas veces, se atopaban eminentes profesores universitarios e destacados intelectuais de distintos campos do saber. Preparaba cos seus discípulos obras de teatro que eran representadas en distintos escenarios e ás veces, eran radiadas pola emisora local EAJ-40-Radio Pontevedra. Fomentaba a creación, mantemento e uso das bibliotecas de aula e acostumaba ao alumnado ao traballo e á metodoloxía científica, elaborando traballos con aparato crítico e manexando fontes documentais e bibliográficas. Valoraba enormemente a música e a práctica deportiva; por tan só citar algunhas das actividades máis destacadas que logo serían profusamente practicadas e respaldadas cando chegue á dirección do centro en 1946, exercería esta función durante 30 anos ininterrompidos.
Os exalumnos lémbranse del con grande cariño e admiración, por subliñar as testemuñas que ao respecto nos fixeron, entre outros, os doctores Dna. Matilde Montero Barreiro e D. Amancio Landín Carrasco, este último un dos poucos sobrevivintes daqueles anos primeiros de Filgueira como profesor do instituto pontevedrés.
Filgueira preocupábase do seu alumnado máis alá do mundo pechado dunha aula. Coñecíaos a todos e interesábase por eles e as súas familias. Filgueira era un profesor total, que abría camiños e que foi pioneiro en tantas cousas que seguiremos a tratar e a espallar.
Filgueira comeza a súa vida profesoral en 1928, que remataría coa súa xubilación en 1976, son case 50 anos de adicación á docencia de xeito oficial, por medio dunha rigorosa e fructífera labor. Anque ata o seu pasamento en 1996 foi o mestre e educador “gratuíto” da súa querida Galicia, e a súa obra e o seu legado non deixarán nunca de exercer unha fonda influencia educativa sobre os homes e mulleres de boa vontade que se queiran achegar a el.

ANO 2010, ANO FILGUEIRA

LIGAZÓNS DE INTERESE:

- http://directorio-de-blogs.com/

- http://www.directorioblogs.es/

domingo, 16 de noviembre de 2008


ALFONSO X O SABIO

Cantiga CIII

(E, 103; T, 103; Tol., 93)


Como Santa María feze estar o monje trezentos anos ao canto da passarya, porque lle pedía que lle mostrasse qual era o ben que avian os que eran en Paraíso.

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

E daquest’ un gran miragre vos quer’ eu ora contar,
que fezo Santa María por un monge, que rogar
Il’ ía sempre que lle mostrasse qual ben en Paraís’ á.

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

E que o viss’ en ssa vida ante que fosse morrer.
Et porend’ a Groriosa vedes que lle foi fazer:
fez-lo entrar en hûa orta, en que muitas vezes já

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Entrara: mais aquel dia fez que hûa font’ achou
Mui crara et mui fremosa, et cab’ ela s’assentou;
et pois lavou mui ben sas mâos, diss’ : -Ai, Virgen ! que será ?

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Se verei do Parayso, o que ch’eu muito pidí,
algun pouco de seu viço ante que saya daquí,
et que sábia do que ben obra que galardon avera?

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Tan toste que acabada ouv’ o mong’ a oraçon,
oyu hûa passariña cantar log’ o en tan bon son,
que se escaeceu seendo et, catando sempr’ alá

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Ata gran sabor avia daquel cant’ e daquel lais,
que grandes trezentos anos estevo assi ou mays,
cuidando que non estevera senon pouco, com’ está

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Mong’ algûa vez no ano, quando sal ao vergeu;
des i foiss’ a passaryña, de que foi a el mui greu,
et diz : - Eu daqui ir-me quero, ca ôy mais comer querrá

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

O convent’. E foi-sse logo et achou un gran portal,
que nunca vira, et disse: - Ai, Santa María, val!
Non é êst’ o meu môesteiro; pois de mi que se fará?

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Des í entrou na eigreja, et ouveron gran pavor
os monges, quando o viron, et demandou-ll’ o prior
dizend’ : - Amigo, vós quen sodes ou que buscades acá ?

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Diss’el: - Busco meu abade, que agor’ aquí leixey,
et o prior et os frades, de que mi agora quitey
quando fui a aquela orta; u seen quen mi o dirá?

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Quand’ est’ oyu o abade, teve-o por de mal sen,
et outrossi o convento; mais des que souberon ben
de como fora êste feyto, disseron : - Quen oÿrá

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Nunca tan gran maravilla como Deus por êste fez
Polo rogo de ssa Madre, Virgen Santa de gran prez!
E por aquesto a loemos; mais quen a non loará

Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá

Mais d’ outra cosa que seja? ca, par Deus, gran dereit’ é,
pois quanto nós lle pedimos nos dá deu Fill’ , a la ffé,
por ela, et aqui nos mostra o que nos depois dará.
Quen a Virgen ben servirá
a Parayso irá.



Seguimos a transcripción feita por Filgueira Valverde deste fermoso poema medieval, con algunhas pequenas modificacións, o cal dou pé a súa recoñecida e valorada tese de doutoramento, publicada por primeira vez en Santiago de Compostela en 1936 e que sería reeditada varias veces (será obxecto da nosa atención nun vindeiro artigo), indicar que foi alentada e dirixida polo Dr. D. Armando Cotarelo Valledor.

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:

- XFV: LA CANTIGA CIII. NOCIÓN DEL TIEMPO Y GOZO ETERNO EN LA NARRATIVA MEDIEVAL. Santiago de Compostela, Universidad de Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Regionales, 1936.

- ____ : TIEMPO Y GOZO ETERNO EN LA NARRATIVA MEDIEVAL (LA CANTIGA CIII). Madrid, Xerais, 1982.

miércoles, 12 de noviembre de 2008


O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS


Unha das empresas culturais máis importantes do século XX en Galicia, senón a máis importante, foi o Seminario de Estudos Galegos, fundado por un grupo de mozos universitarios (entre os que se atopaban Xosé Fernando Filgueira Valverde e Fermín Bouza Brey) o día 12 de outubro de 1923, despois dunha visita á Casa Grande, onde pasou parte da súa infancia Rosalía de Castro en terras da Amaía, na casa do Castro de Ortoño. A institución sería ratificada días máis tarde por medio dunha acta redactada e escrita na casa do Catedrático de “Lengua y Literatura Española” na Universidade de Santiago de Compostela, o Dr. Armando Cotarelo Valledor, mestre e director de tese de Filgueira, Cotarelo sería o primeiro presidente do SEG.
Este organismo cultural e científico retoma o nome de “seminario” cunha concepción laica e académica, seguindo o estilo e a influencia da Institución Libre de Enseñanza, como unha entidade que viña a suplir a ausencia de Galicia e do galego na Universidade de Compostela, naqueles tempos allea á realidade galega. Nace cun espírito humanista e universitario, para faceres un traballo “inter-áreas”, como dicían os seus membros, ou un traballo interdisciplinar e multidisciplinar, como diríamos hoxe; pero, tan difícil de lograr aínda na actualidade. Por iso, e pola cantidade e calidade do traballo desenvolvido polo SEG en apenas trece anos de existencia, pois en 1936, como desgraciadamente pasou con tantas persoas e entidades, foi brutalmente perseguido e liquidado. Aínda hoxe sentimos nostalxia e pena pola desaparición dunha entidade tan crucial na historia da nosa cultura.
Certamente, a idea duns mozos universitarios, entre os que se atopaba Filgueira, quen foi un dos seus membros máis activos e un dos seus máis grandes publicistas, foi acollida con entusiasmo polos mestres universitarios (entre eles os catedráticos, Armando Cotarelo Valledor –xa citado-, Cabeza de León –quen foi o seu segundo presidente- e polos mestres da xeración NÓS –Losada, Castelao, Otero, Risco, Cuevillas-). Toda Galicia recibiu con ledicia esta iniciativa, o propio arcebispo compostelán, Lago González, foi acollido no SEG.
Ben axiña o Seminario espalla o seu labor por toda Galicia, organizando multitude de actos, estudos interdisciplinares por comarcas, lembremos os do Deza e das Terras de Melide, realizando publicacións (moitos escritores publicaron parte importante da súa obra grazas ao SEG, como lle ocorreu ao propio Filgueira), tiña unha publicación propia para espallar as súas accións, chamábase, ARQUIVOS, organizou unha memorable semana de Galicia en Portugal en 1935, que se desenvolveu principalmente en Porto, así como uns cursos de formación pedagóxica en Pontevedra, que se celebraron ese mesmo ano, adicadas ao profesorado, pero tamén aos estudantes de maxisterio e de bacharelato. Estas xornadas formativas estiveron realizadas baixo a organización de Filgueira, quen tamén impartiu algunha ponencia sobre temas culturais e históricos referidos a Galicia. Outro fito importante do Seminario foi a súa colaboración e involucración, facendo propostas e aportando estudos técnicos para a elaboración do malogrado Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.
O Seminario de Estudos Galegos supoñía a ilusión, a esperanza de traballar arreo para soerguer Galicia, para elevar a vida material, intelectual e espiritual da nosa terra. Practicamente toda a intelectualidade da Galicia daquel tempo, homes e mulleres de letras e ciencias, nun traballo conxunto, participaron nas actividades desta insuperable institución cultural e científica do século XX galego.
Finalmente, e como curiosidade, indicar que para ingresar no Seminario había que presentar un traballo literario, científico ou artístico e os seus membros reuníanse periodicamente para ler eses e outros traballos que logo se publicaban en ARTIGOS, órgano difusor das tarefas da institución.


PARA SABER MÁIS:

- FERNÁNDEZ CERVIÑO, Mª X.: “Seminario de Estudos Galegos” en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, t. 28, Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 115-119.

- X.F.V.: ARMANDO COTARELO VALLEDOR (1879-1950). A Coruña, Real Academia Galega, 1984, pp. 14-15.

- PORTO UCHA, A. S.: LA INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA EN GALICIA. A Coruña, Do Castro, 1986, pp. 307-308, 340, 386-387, 541-542.

- _________________ : LA INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA Y LA RENOVACIÓN PEDAGÓGICA EN GALICIA. A Coruña, Do Castro, 2005, pp. 253-254, 315.


(XFV: Xosé Filgueira Valverde)

Pola miña banda, tamén estou a traballar no tema na miña tese de doutoramento: JOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE, SU PROYECCIÓN COMO INTELECTUAL Y EDUCADOR (que está en fase de elaboración).


ANO 2010, ANO DE FILGUEIRA VALVERDE – DÍA DAS LETRAS GALEGAS, 2010.


WEBS DE INTERESE:

- Universidade de Santiago de Compostela: http://www.usc.es/
- Universidade de Vigo: http://www.uvigo.es/
- Universidade da Coruña: http://www.udc.es/
- Universidad Nacional de Ed. a Distancia: http://www.uned.es/
- Consellería de Educación: http://www.edu.xunta.es/

BLOGS RECOMENDADOS:

- Grupo poético Brétema de Vigo: http://www.grupo-bretema.blogspot.com/
- “Hoy para ti” progama sabatino de Radio “Arosa-SER”: http://www.hoy-parati.blogspot.com/

domingo, 9 de noviembre de 2008




VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntamentos, 5/11/2008

“Arquitectura en Galicia en tempos de Alfonso VI”

XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ

Museo de Pontevedra

(Nas fotos o Dr. Valle Pérez, na conferencia e no concerto do día 6.)



Empeza o Dr. Valle indicando que por razóns de espazo e de tempo tivo que suprimir no título da súa conferencia a palabra arte e deixar tan só a referencia a arquitectura, que é do que vai falar.
Comenta, que como quedou claro nas outras conferencias antecedentes, na época de Alfonso VI, prodúcese unha nova configuración territorial, e na súa ponencia el vai a circunscribirse ao que hoxe coñecemos como Galicia, territorio que se vai delimitando no reinado do rei Alfonso.
Fernando I recibe as reliquias de San Isidoro e crea a igrexa-panteón de San Isidoro de León, no que conflúen elementos arquitectónicos que siguen modelos ou tipoloxías asturianos con elementos do neovisigotismo, podendo falar dun estilo que poderiamos chamar neoasturiano, aínda que no mobiliario e nos materiais hai tendencia cara o románico.
Desta época son as Torres do Oeste en Catoira, Xelmírez naceu aí, o seu pai estaba encargado de dita fortaleza, na que tamén podemos localizar elementos do arte asturiano.
Nesta etapa histórica, os territorios da Península Ibérica, incluida Galicia, van manter contactos co exterior, máis alá dos Pirineos, tratase de homologar o de aquí co que sucedía noutros lados. Entón atopamos dúas notas características:

- A reforma litúrxica, adoptándose a chamada liturxia romana, que nos cantos supón a implantación do gregoriano.

- Benedictismo, por medio da crecente influencia dos abades de Cluny. Importancia, pois, do clero foráneo, esencialmente dos monxes cluniacenses.

Un edificio onde detectamos as innovacións, que nos veñen de Europa, é, por exemplo, a igrexa do Mosteiro de San Antoíño de Toques. Nun documento datado en 1067 comprobamos que neste mosteiro galego rexía a observancia da regla benedictina.
Nestes intres Galicia comeza a homologarse cos outros territorios peninsulares. Antes da presencia física dos monxes benedictinos, cousa que sucede na década dos 70 do século XI, xa atopamos na década anterior elementos arquitectónicos tales como:

- arquiños na cornisa
- perpiaños
- ventás

Mostras de que nos estamos introducindo no románico e que se superpoñen con elementos prerrománicos.

San Martiño de Mondoñedo é un edificio complexo no que se superpoñen elementos constructivos de distintas etapas o que nos amosa que foi contruido en distintos momentos:

- Comeza a se construir no século X en tempos da San Rosendo.

- 1100, segunda etapa constructiva, sendo bispo D. Gonzalo, quen se formou en Sahagún, cuxo mosteiro procede do século X, e que está moi vinculado coa monarquía e máis concretamente coa de Alfonso VI. Por conseguinte dito bispo recibiu a influencia directa de Cluny.

- 1117 Siguen coas obras mestres que tiñan traballado na Sé compostelá.


A introducción do segundo románico ou románico pleno instálase pola influencia de Cluny, así como a adopción da liturxia romana, como xa temos visto.

San Bartolomeu de Rebordáns, tamén é un edificio complexo pola sucesión de distintas campañas constructivas. Sendo reformado en 1100 en tempos do bispo Alfonso, formado tamén no mosteiro de Sahagún, por tanto, recibe as influencias xa coñecidas. O estilo dos capiteis aseméllanse aos de San Martiño de Mondoñedo

Igrexa de San Xoán de Vilanova en Perbes, de comezos do século XII ou un pouco anterior.

Catedral de Santiago de Compostela, un dos fitos ou empresas culminantes da época. Comeza a edificarse en 1075, tal como se indica en dous capiteis da Capela do Salvador, un que se refire ao rei Alfonso VI (princeps Adefonsus) e outro que representa ao bispo Diego Peláez. O rei fai un xeneroso donativo á mitra compostelá, procedente do tributo pagado polo rei de Granada. Sabemos que a consagración definitiva da catedral tería lugar en 1211, por tanto, sucédense distintas fases constructivas. É deseñada coa planta das igrexas de peregrinación, xa que no século XI Europa ponse en movemento, bandadas de peregrinos de distintas nacionalidades diríxense a Compostela.
O Código Calixtino ofrécenos abondosa e importante información sobre a construcción da Catedral. O primeiro constructor, Bernardo o Vello, veu acompañado do seu aparellador, Roberto, e de cincuenta canteiros, sen dúbidas mestres de procedencia foránea.

- 1075/1088: Primeira fase constructiva, comézase pola capela do Salvador. Remata esta fase coas liortas entre o rei Alfonso VI e o bispo Diego Peláez, este cae preso por iniciativa do monarca.

- 1090: Nomeamento de Raimundo de Borgoña como Conde de Galicia e o acceso de Xelmírez a postos de responsabilidade. Retómanse as construccións coa Capela de San Bartolomeu. Empeza o traballo do afamado mestre constructor Estebo, finais do século XI. (En 1101 está documentada a presencia deste mestre en Pamplona).


Xelmírez é un excepcional estratega, co expolio das reliquias de Braga, que era unha competidora de Compostela, Xelmírez despraza a Braga como outro posible centro de peregrinacións e reforza así o papel de Compostela.

- 1100: Con Xelmírez como bispo hai un rexurdir das obras, ao finar Alfonso VI en 1109, as obras estaban moi avanzadas.

- 1112: O cruceiro estaba moi avanzado.

- 1117: Prodúcese o conflicto entre os composteláns e o arcebispo Xelmírez. A catedral é incendiada e sofre serios desperfectos.

O Dr. Valle Pérez vai rematando, comentando que perviviron epígrafes nos que se indica a construcción doutras igrexas das que non quedan restos, agás esas inscricións que restan como testemuñas. En concreto en Herbelo (Bueu) hai un epígrafe datado en 1104, e hai outro en Santa María de Alba datado en 1105. Con Alfonso VI o románico comenzou a divulgarse e a extenderse polos seus territorios.

Finalmente dase paso a quenda das preguntas, que en síntese tratou sobre o seguinte:

- Coméntase que San Antoíño de Toques foi sometido a numerosos roubos e expolios, como desgraciadamente lle sucedeu a tantos mosteiros e igrexas de Galicia. Indícase que este mosteiro estaba asignado ao poderoso mosteiro de San Martiño Pinario.

- Diante da pregunta de que se a chegada do mestre Mateo a Compostela estaba rematada a fachada oeste da catedral, chamada da Transfiguración, o Dr. Valle Pérez indica que el pensa que dita fachada simplemente non existía. Aymerico Picaud no libro V do Códice Calixtino, verdadeira guía Michelín daqueles tempos, a describe con xeneralidades, ceñíndose ao relato evanxélico sobre o tema. O mestre Mateo constrúe un tramo máis da catedral. As pezas destinadas á fachada occidental instalaríanse na fachada das Praterías, dita fachada non pasou de ser un proxecto.


Valle Pérez remata a súa intervención subliñando que a “autopista da información” no século XII era o Camiño de Santiago, auténtica vía de comunicación eran os Camiños que conducían a Compostela.

Invita tamén a todos ao CONCERTO NO IX CENTENARIO DA MORTE DO REI ALFONSO VI, que terá lugar o xoves, 6 de novembro de 2008 na Igrexa do convento de Santa Clara ás 20:00 h. e que correrá a cargo do grupo RESONET – MÚSICA ANTIGA.
Asistimos a ese interesante concerto, do que se atopa información na páxina WEB do Museo de Pontevedra. Nel indicouse que Alfonso VI favoreceu a introducción do canto gregoriano na Península Ibérica e constatouse que os reis, os príncipes, e os nobres medievais tiñan unha importante cultura musical. Cumpriuse totalmente o programa previsto, mais o grupo agasallounos cunha peza a maiores, o fermoso romance de Guiomar.


PARA CONSULTAR:


- CATOIRA en Gran Enciclopedia Gallega. TOMO 6. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 46.

- RIELO CARBALLO Nicanor: MONDOÑEDO Monasterio de San Martiño de, en Gran Enciclopedia Gallega. TOMO 21. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 149-152.

- PERBES, San Pedro de. Idem. TOMO 24. Idem. p. 166.

- GONZÁLEZ SANTISO, Aquilino: REBORDÁNS San Bartolomé de. Idem. TOMO 26. Idem. p. 106.

- FERNÁNDEZ DE VIANA, José Ignacio e José Carlos VALLE PÉREZ: TOQUES Monasterio de San Antoíño de, Arquitectura. Idem. TOMO 29. Idem. pp. 100-101.

jueves, 6 de noviembre de 2008


VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntamentos – 4/11/2008

“Alfonso VI e Galicia: territorio e poder”

ERMELINDO PORTELA SILVA

Universidade de Santiago de Compostela



(Na fotografía o profesor Portela Silva e o Director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez)



O Dr. Valle presenta ao profesor Ermelindo Portela Silva, indicando a sorte de poder contar con el neste memorial porque é un gran especialista na historia medieval de Galicia. Comenta que a súa tese de licenciatura sobre O MOSTEIRO DE OIA e a súa tese de doutoramento sobre O BISPADO DE TUI NA IDADE MEDIA, son obras de culto. Comenta que é autor de abondosa e imprescindible bibliografía, no 1981 publica: A COLONIZACIÓN CISTERCIENSE EN GALICIA, verdadeiro libro de cabeceira. Tamén ten publicado en colaboración coa súa esposa, a profesora Pallarés, unha insuperable SÍNTESE DE HISTORIA MEDIEVAL DE GALICIA, pero para min unha das súas mellores obras e que eu me levaría para unha illa deserta, sería o seu ESTUDO DA FIGURA DO REI GARCÍA, do malogrado rei García, recoméndolles a súa lectura. Remata, agradecendo a súa presencia en Pontevedra e congratúlase de elo, dada a importancia do traballo do profesor Portela, a continuación cédelle a palabra.

O profesor Portela agradece a invitación a este acto e comeza lembrando cando interveu por primeira vez neste lugar, sendo moi novo e coa presencia de D. Xosé no público, inquietante presencia, xa que para el supoñía unha grande responsabilidade aquela súa primeira intervención.
Entrando en materia comenta que o papa Urbano II dirixiu un escrito ao rei Alfonso VI, no que o nomeaba como rei de Galicia, en consonancia cunha tradición ao ser o territorio político que viña do nome da antiga provincia romana denominada Gallaecia. Mais a configuración do territorio vai cambiar, vaise a transformar. Galicia chegaba ata o río Douro. Galicia antes de Alfonso VI era un territorio con rei.
En 1071, Sancho entrou en Galicia con homes de armas, seu irmán García é derrotado e desposuído do seu reino. Esto sucedeu grazas á colaboración de Alfonso VI quen se confabulara co seu irmán Sancho para tenderlle unha trampa e traizoar ao seu outro irmán, que era o rei de Galicia. Durante un breve tempo, Alfonso e Sancho cogobernan Galicia, ata que Sancho é asasinado en Zamora por Bellido Dolfos e paseniñamente Alfonso vaise facendo dono de todo. Os clérigos e a nobreza galega van aceptando os feitos consumados.
Alfonso téndelle unha trampa a García, ao propoñerlle un encontro para un acordo pacífico ao producirse a morte por asasinato de Sancho, García foi feito preso e confinado no castelo de “Luna” en 1072 e alí ficaría ata a súa morte. Os seus dereitos son conculcados polo seu irmán Alfonso.
O bispo de Compostela, Diego Peláez acolle de bo grao as disposicións arancelarias de Alfonso VI que favorecían o Camiño de Santiago.
Na Crónica Compostelá non se menciona ao rei García, entre outras moitas razóns por ser o que reconstituiu a Sé de Braga, en certo modo, competedidora da Sé compostelá. A colaboración entre o rei e o bispo de Compostela vai de 1072 a 1088, neste útimo ano, Diego Peláez caería e desgracia.
O bispo compostelán colabora co rei Alfonso nos inicios do seu reinado, incluso na idea da construcción do templo episcopal, logo habería desencontros e o bispo padecería prisión por orde do rei. Acúsase a Diego Peláez dunha excesiva intervención na vida mundana, do seus desexos de intervir en política. Un tal Xiraldo aludía que a este bispo o rei acusabao de traición, por ter a intención de entregar o reino de Galicia ao rei dos ingleses e normandos. Como xa indicamos foi cara 1088 cando xorden as desavenencias co rei.
A data de 1085 é crucial, debido á conquista de Toledo e a que o culto de Santiago e o esplendor das peregrinacións estábanse a consolidar. Os recelos do bispo Diego Pelaéz debíanse á perda de peso da Sé compostelá a favor da Sé toledá recén reconquistada.
No ano 1090 morre García no castelo de “Luna” onde estaba confinado.
Raimundo de Borgoña, nobre franco, prometido de Urraca, a primoxénita lexítima de Alfonso VI, é nomeado por este, Conde de Galicia. Paralelamente o ascenso do conde franco, Xelmírez, clérigo compostelán, foi designado canciller e notario de Raimundo de Borgoña. Co crecente poder dos condes de Galicia, Xelmírez empeza a súa brillante e ascendente carreira.
Nestes tempos, comeza a denominarse “emperador toledano” a Alfonso VI. E como curiosidade e para reforzar a súa soberanía e a plenitude da mesma, en escritos redactados por Xelmírez, dise o seguinte: “Eu, Raimundo de Borgoña, conde e señor de Galicia, pola graza de Deus”, o que dalgún modo quere dicirse, é que a orixe do poder do conde de Galicia non vén do rei, senón de Deus. E noutro lugar menciona: “Reinando o Noso Señor Xesucristo”, non di que reina o rei. Documentos con frases dese tipo figuran asinados por Diego Xelmírez, clérigo de Santiago. Noutros documentos non redactados por Xelmírez non aparece esta cuestión da soberanía.
En 1096, o rei Alfonso VI divide o reino de Galicia, os territorios de Portugal entréganse ao Conde Enrique e a súa dona a infanta Mª Teresa, mentres que Raimundo de Borgoña e a súa dona Urraca quédanse con Galicia. Unhas das causas desta resolución podería ser a ineficacia militar de Raimundo ao fracasar na conquista de Lisboa, outra sería a táctica do divide e vencerás por parte de Alfonso VI para debilitar o poderío dos condes. Aparece, pois, o Miño como fronteira natural entre os territorios do norte, o que será Galicia, e os territorios do sur, que darían paso á próxima constitución do reino de Portugal. Con Alfonso VI dase unha nova configuración territorial. Con esa división territorial Galicia perde importancia e queda incluida dentro de Castela e León.
Unha vez elevado á dignidade espiscopal, Xelmírez trata de reforzar a súa autoridade e para afianzar a importancia de Compostela e eliminar competidores comete o que o coengo Hugo denomina “pío latrocinio”, o que é o roubo e traslado a Santiago das importantes reliquias que se atopaban na Sé bracarense.
Os condes Enrique e Raimundo pactan como debía ser a sucesión de Alfonso VI, contando co beneplácito do abade de Cluny. Comprometíase Raimundo a entregarlle Toledo a Enrique e se non podía cumplir este pacto do tratado, entregaríalle Galicia e el quedaría como señor do Reino de León e Castela. Estas previsións non se cumplen. A Alfonso VI sucederíao a súa filla Urraca, viúva do conde Raimundo de Borgoña. No reinado de Alfonso VI hai unha estreita relación e influencia dos abades de Cluny, aspecto que comeza xa no reinado do seu pai, Fernando I. Cando fina Alfonso VI os territorios quedan configurados nos reinos de León e Castela, Navarra, Aragón, e Portugal. Como observamos, Galicia perdeu peso. Non obstante, e para finalizar, indicar que Alfonso VI apoiou en distintos momentos á Sé compostelá e favoreceu dun xeito notable as peregrinacións a Santiago. E comentar que o rei concede o privilexio a Xelmírez de acuñar moeda, esto ocorre xa cando estaba próxima a morte do rei, nótase a astucia de Xelmírez que logra arrancar este privilexio real case in extremis. As intrigas palaciegas coa intervención clerical estaban a orde do día.

Con estas matizacións, remata a conferencia e establécese unha quenda de preguntas, que en síntese xiraron sobre as seguintes cuestións:

- Formación e evolución do reino de Portugal.

- O roubo das reliquias por parte de Xelmírez en Braga, e que foron restituidas vai uns poucos anos, entendido como un xogo de intereses políticos e das loitas para non perder poder e influencia.

- Indicacións sobre a lingua galaico-portuguesa, nesta época non hai testemuñas de conflicto lingüístico xa que o latín segue a ser utilizado como lingua oficial nos ámbitos político e eclesiástico.


Para ampliar datos sobre os conferenciantes e as actividades deste memorial consultar ACTUALIDADE na WEB do Museo de Pontevedra:

http://www.museo.depo.es/

sábado, 1 de noviembre de 2008


VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntamentos 29/10/2008

“O monacato en Galicia en tempos de Alfonso VI”


(Na imaxe Antonio Linaje Conde, Xosé C. Valle Pérez, e Xosé F. Filgueira Iglesias)


Comeza Valle Pérez presentando ao conferenciante de hoxe, Antonio Linaje Conde, da Universidade San Pablo CEU, argumenta que é un privilexio contar co Dr. Linaje, quen posúe un coñecemento enciclopédico sobre a historia xeral do monacato, a súa monumental tese de doutoramento é un obra de culto sobre o tema dende que se editou. O Sr. Linaje Conde foi moi amigo de D. Xosé Filgueira Valverde, por iso acude sempre á chamada do Museo e o fai sempre co máximo agrado.

Antonio Linaje Conde da comezo á súa intervención sinalando que D. Xosé foi unha persoa insustituible e D. Xosé tivo sucesión e a sucesión está aquí na persoa de Xosé C. Valle, a quen agradece a invitación para participar neste memorial, ao mesmo tempo que se congratula da súa amizade co actual Director do magnífico Museo de Pontevedra.
Continúa a súa disertación lembrando a seguinte frase de Unamuno: “Felices as cidades que teñen bispado e non teñen goberno civil”. Pontevedra é unha desas cidades felices que tiñan goberno civil e non teñen bispado, porque neste caso podémoslle dar a volta ao aforismo de D. Miguel, xa que Pontevedra é unha cidade fermosa con moita e interesante historia.
A noción de sociedade económica referida aos mosteiros e que pretende que só se poden estudar dende esa perspectiva, senón non sería un estudo histórico senón sería facer teoloxía ou relixión, é completamente inexacto, porque sociedades económicas poden ser calquera país ou calquera familia.
O monacato en tempos de Alfonso VI tiña moita importancia. O método do historiador debe paracerse ao clínico, utilizado polos médicos. Alfonso VI incorpora Toledo ao seu reinado, avanzando notablemente a súa fronteira, aínda que sufre algúns reveses de xentes que proviñan de África; mais o importante é que recupera a capital da monarquía visigótica anterior.
Tense esaxerado a figura do Cid, non se pode falar da España do Cid, xa que este ten unha acción aillada, limitada, individual; pero, sí podemos falar con toda a propiedade da España de Alfonso VI.
En tempos de Alfonso VI falar de monacato é falar de benedictinos, o monacato se benedictiniza. O canto franco máis o canto romano darán o gregoriano, por medio do Papa Gregorio Magno, un papa benedictino e biógrafo de San Bieito.
A península Ibérica benedictinízase tardiamente, agás Cataluña (no ano 822 no monasterio de Bañolas existe a regla benedictina) aínda que en contra do que eu pensaba inicialmente, os benedictinos instálanse en Galicia á par que no resto da península. Do ano 1000 ao ano 1100 hai un abismo, nese último ano hai un avance, unha completa benedictinización das terras hispanas, existe unha aproximación a Europa.
Na orde benedictina hai tendencia a un aillamento, cada mosteiro é autónomo e os monxes están vinculados de xeito estable ao seu mosteiro.
Alfonso VI consuma o que fixo o seu pai Fernando I, quen inicia camiños que tiñan precedentes; Alfonso VI ponlle o cumio ao iniciado.
Según as crónicas portuguesas (as máis fiables) dalgún famoso concilio, nos mosteiros dos bispos subsistían a regla de San Bieito e a regla de S. Isidoro.
Fernando I, fai donacións e protexe os mosteiros. Xa Sancho III envía a algún monxe a formarse a Cluny. Fernando I paga un censo moi xeneroso a Cluny e sigue co mesmo Alfonso VI.
Existe a concepción de que hai dous tipos de mosteiros, os de culto e os de cultura, pero hai que concluir que o culto tamén é cultura, o P. Jean Leclerc escribiu un libro que trataba se Cluny estaba en contra da cultura. Cluny non hai que consideralo un mosteiro, senón unha orde monástica. O apoio de Fernando I a Cluny ten continuidade en Alfonso VI. Hai unha petición do rei para entrar na confraternidade de Cluny, podendo considerar esta medida como unha enfeudación do reino, aínda que non hai que sobredimensionar esta cuestión. Hai monxes cluniacenses que veñen facerse cargo, como bispos, das dióceses españolas, sobre todo nas recuperadas no proceso de reconquista. Os bispos cluniacenses vinculan as súas dióceses aos benedictinos; pero, non máis do que o fixeron outro tipo de bispos. O espaldarazo de Cluny vai consolidando e extendendo a benedictinización nas terras da Península Ibérica, destacando a importancia do monacato na repoboación do reino. Mais, falando do poder do abad de Cluny comparandoo con Napoleón, tal como sostiña Américo Castro, califico de grotesca esta comparanza. Cluny o que fai no monacato é darlle o espaldarazo á regla benedictina.
Finalmente, subliñar que os benedictinos non participan na conquista nin na colonización de América, non tan só porque llo prohibira Felipe II, senón porque pasara a súa hora dinámica, era a hora das ordes mendicantes.
Remata o acto cun turno de preguntas, do que subliñamos o seguinte:

- Sobre a pregunta sobre a vida sexual dos monxes, o conferenciante indica que non hai certamente cousas destacables, que quizais os verdadeiros problemas se producen no século XX, aínda non habendo grandes diferencias na vida dos monxes. Valle Pérez comenta que hai unha publicación recente do Dr. Linaje Conde que se titula: LA VIDA COTIDIANA DE LOS MONJES.

- Á pregunta de se as novelas históricas (tipo O NOME DA ROSA de Eco ou as novelas de Ken Follet) reflicten ben a vida monástica, o conferenciante observa que poden iluminar a Historia se están ben documentadas e describen con rigor os feitos, aínda que ás veces cometen certos erros. Pero, tamén convén imprimir imaxinación na Historia.

- Sobre por que os monxes de Cluny no mencionaban a cifra 0, o conferenciante indica que non ten datos ao respecto, que esto é unha novidade para el.



Finaliza o Dr. Valle Pérez intercambiando co conferenciante cuestións de técnica e de rigor histórico, indicando que en Fernando I teñen moita importancia os aspectos do culto da morte.

miércoles, 29 de octubre de 2008


VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntes do 28/10/2008



O martes 28 de outubro de 2008 ás 20:00 h. inaugurouse o VII Memorial de Xosé Fernando Filgueira Valverde, precisamente na data da conmemoración do seu 102 aniversario. Comezou o acto cos discursos protocolarios das autoridades e representacións da Deputación Provincial, Universidade de Vigo, Museo de Pontevedra, Fundación Filgueira e CaixaNova. O memorial está sendo organizado pola Cátedra Filgueira, durante, ademais do día citado, o 29 de outubro e 4, 5, 6 de novembro. O último día consistirá nun concerto titulado A MÚSICA NA GALICIA DE ALFONSO VI. Precisamente o memorial xira sobre a figura dese rei de Castela, de León e de Galicia.

Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, comeza presentando ao conferenciante, Juan Ignacio Ruiz de la Peña y Solar, Catedrático de Historia Medieval na Universidade de Oviedo e o título da súa ponencia: ALFONSO VI E A PEREGRINACIÓN A SANTIAGO. Comenta que o memorial sempre tivo espírito anticipatorio, por iso se adica á figura de Alfonso VI, xa que no ano 2009 celebrarase o ano de Alfonso VI. Preguntábase Valle Pérez, por que Alfonso VI? En síntese, respostaba coa seguinte argumentación:

- Foi un rei moi importante
- Europeísta
- Axudou a consolidar as peregrinacións a Santiago de Compostela como fenómeno de masas
- Colaborou ao desenvolvemento do monacato benedictino.
- Impulsou o románico
- Participou na orixe do reino de Portugal

En canto ao conferenciante indicou Valle Pérez:

- É un luxo poder contar hoxe aquí co profesor Ruiz de la Peña, co que me une unha vella amizade
- É un dos mellores especialistas na Idade Media, sendo Catedrático de Historia Medieval na Universidade de Oviedo
- Especialista no fenómeno urbano medieval
- Autor de importantes investigacións sobre as peregrinacións a Santiago, nas que se reflicte como Alfonso VI axudou a consolidar o Camiño das Peregrinacións a Compostela
- Nestes temas é autor dunha impotantísima bibliografía, de obrigada consulta.


Seguidamente, intervén o profesor Ruiz de la Peña y Solar, que empeza cos agradecementos por ter sido invitado a participar neste memorial e facendo a observación de que as instalacións museísticas de Pontevedra son das mellores de España, e deberan ser causa de satisfacción para todos os pontevedreses.
Entrando xa na materia da súa conferencia, indica que Alfonso VI, Rei de Castela, de León e de Galicia foi un rei capital na historia do noso país, contribuiu ao proceso de consolidación e internacionalización das peregrinacións a Compostela, baixo a súa tutela favoreceuse o desenvolvemento do Camiño. Sinala que no seu reinado deuse un salto territorial do Douro ao Teixo (1085).
A propia figura do monarca fai as súas concesións á Sé de Compostela e favorece as peregrinacións ao relicario da Arca Santa de San Salvador de Oviedo. A acción renovadora do rei sobre as peregrinacións e o Camiño de Santiago consisten:

- Eliminación de obtáculos fiscais
- Construcción de redes viarias
- Creación de novas cidades, repoboación cos chamados francos, que se dedicaban fundamentalmente as actividades mercantís e artesanais

Tamén produciuse unha acción renovadora do Camiño, que estribaba en:

- Reforzamento do Camiño Francés e a desviación asturiana
- Incremento demográfico
- Desenvolvemento económico
- Ordenación urbana, creación de novos burgos e cidades, co outorgamento de cartas de poboación e de foros, podemos falar dunha fundación urbana tipo ou piloto, como foi a fundación e aforamento de Sahagún, tamén fundou a vila de Logroño (1095 –Davit bonam vila, 1085-)
- Grandes transformacións no Camiño Francés, supresión de gravames para facilitar o paso dos peregrinos de Santiago (1072)
- Mantemento da seguridade (tutela rexia, deber de socorro aos transeúntes: pobres e peregrinos).
- Fundación dunha ampla rede hospitalaria e atención aos pasos de montaña
- Fortalecemento das cidades episcopais
- Activación da economía coa creación de novos mercados, feiras e medidas fiscais e impositivas para as cidades

Todas estas medidas contribuiron a converter o Camiño de Santiago nun espacio vertebrador do crecemento urbano e económico, co nacemento e relanzamento dunha nova clase social, a burguesía.

En 1109 finou Alfonso VI, a estas alturas as peregrinacións a Santiago son un fenómeno de masas. Algúns elementos empañaron o final dos seus días:

- As novas conquistas dos almorávides
- A morte do seu fillo (sendo un neno)
- A sucesión calamitosa de Dna. Urraca nos seus dominios

Pero esto último, non pode eclipsar o gran labor deste magnífico rei que foi Alfonso VI de Castela, de León e de Galicia.

sábado, 25 de octubre de 2008


O MAL


O escolante de Illobre viña todos os seráns deprenderme a doutrina para me ir confesar. Un día co gallo dos mandamentos pregunteille:
¿Don Xabiel que é fornicar?
Don Xabiel, aquel vello velliño bo e sabedor, que endexamais tivo segredos para min, que decote respondeu ás miñas demandas, olloume moito cos seus olliños pequeneiros e dixo dubidando:
- Fornicar… é escoitar o asubío dun paxaro estando nun sermón…
Aquela noite, cando don Xabiel falou cos meus pais, mamá estaba cavilosa e o meu pai riu ás gargalladas.
De alí a dous días houbo misión en Lamas, leváronme alá. O frade pregaba no adro subido ao chanzo do cruceiro. Miña nai puxo a súa cadeira baixo as pólas do castiñeiro vello. O frade falaba no cruceiro e no castiñeiro asubiaba un paxaro. Eu fuxía de oír ao paxaro e arelaba escoitar ao frade, mais tanto fuxín da cántiga que rematei pondo atención nela.
Así foi como eu cometín o meu primeiro pecado.


Esta pequena narración pertence a unha publicación de Filgueira titulada Os nenos, que é a súa primeira obra de creación literaria promovida pola Editorial Lar, editada en Pontevedra en 1925 e ilustrada polo seu amigo, Luis Pintos Fonseca, que aparez na ilustración deste artigo. Esta publicación sería recollida posteriormente en Quintana Viva, Galaxia, 1971, reeditada despois varias veces.


FOTOS:

- A foto aparecida no segundo artigo deste blog, foi extraída da mesma publicación que a foto da primeira entrada.

- A foto de Filgueira aos 17 anos, aparecida na terceira entrega de outubro de 2008, procede da revista Galicia en Madrid, xullo-setembro 1988.

- A ilustración de Pintos Fonseca é unha adaptación da que figura no libro coordinado por Xosé Fortes: O instituto de Pontevedra, século e medio de historia 1845-1995, Pontevedra, 1997.

miércoles, 22 de octubre de 2008


FILGUEIRA MOZO, UN BRILLANTE ESTUDOSO


Despois de acceder ao Instituto de Pontevedra en 1917, Filgueira tivo alí grandes mestres, entre os que destacar a dous grandes representantes da xeración Nós, como foron Castelao, que chegou a Pontevedra en 1916, e que dende esa data figura como profesor auxiliar de Debuxo no citado instituto, e Antón Losada Diéguez, quen chega a Pontevedra como Catedrático de Filosofía en 1919, Losada finaría en Pontevedra en 1929. Este último, converteuse en mestre-guía de Filgueira e doutros compañeiros seus, como sería Luis Pintos Fonseca, quen chegaría a ser un dos mellores representantes da escola linoleísta de Pontevedra, discípulo do divino Castelao.
Filgueira foi un brillante alumno do segundo ensino público pontevedrés, accede, en 1922, ao ensino universitario na chamada por el “mater”, referíndose á Universidade de Santiago de Compostela, onde despunta como excelente estudiante universitario, licenciándose, con Premio Extraordinario, en Dereito (1928) e tamén rematando os estudos de Filosofía e Letras na rama de Historia con excelentes resultados o ano anterior, estes estudos fixoos nun ensino combinado entre as universidades de Santiago e de Zaragoza.
Filgueira convértese dende moi novo nun extraordinario e rigoroso investigador humanístico (hai que contemplar aquí a influencia dos que el chamaba mestres gratuitos: D. Casto Sampedro e Folgar, Sánchez Cantón, D. Pablo Pérez Costanti,…), que comeza a publicar sen parar dende os 17 anos.
Outra gran empresa cultural e científica para Galicia que acomete con esa mesma idade e a fundación, xunta con outros compañeiros e mestres universitarios o 12 de outubro de 1923, do Seminario de Estudos Galegos, pero este será obxecto doutra historia.

2010, ANO FILGUEIRA – 2010, ANNÉE FILGUEIRA – 2010, FILGUEIRA’S YEAR

domingo, 19 de octubre de 2008


FILGUEIRA NENO

Filgueira foi un neno moi dócil e educado. Con moitas ganas de aprender, sentíase ben na compaña dos maiores, dos que sempre estaba disposto a aproveitar as súas ensinanzas.
El mesmo dicía que os seus primeiros e mellores mestres foron os seus pais. O seu pai, que estivera a piques de ser ordenado monxe benedictino no cenobio de Tenorio e que despois abandonou o hisopo polo termómetro, facéndose médico na Universidade de Santiago de Compostela (1899), ensináballe latín, humanidades, ciencias,… Levábao a moitas tertulias e visitas, tan de moda naqueles tempos, facía que o acompañara nas súas camiñatas e nas súas consultas médicas e tamén dáballe a oportunidade de axudalo no laboratorio. O pai de Filgueira foi médico de varias zonas e rúas de Pontevedra, así como subdirector do Hospital, sucedeu ao famoso Dr. Cobián Areal á fronte do Instituto Antirrábico de Pontevedra. O seu pai era unha fonte privilexiada de información e de instrucción.
Outra persoa que exerceu sobre el benéfica influencia foi o seu padriño, o Dr. Enrique López de la Ballina, por quen Filgueira sentía un gran afecto.
Lembra Filgueira a D. Pastor Abal, un seu querido escolante do primeiro ensino público. Tamén nesta primeira ensinanza, recibiu o influxo dos franciscanos de Pontevedra, dende moi novo asistiu ao Catecismo organizado polo P. Luis María Fernández, OFM.
O neno Filgueira gozaba máis cos libros que cos xogos, dende os cinco anos manexaba a Biblia e as obras de Cervantes, ademais tiña unha grande memoria (da que gozou toda a súa vida), estaba ben instruido e amosaba un comportamento e unhas actitudes e aptitudes extraordinarios.


WEBS DE INTERESE:

http://www.concellopontevedra.es/

http://www.depontevedra.es/

http://www.congreso.es/

http://www.realacademiagalega.org/

http://www.rah.es/

http://www.bne.es/

http://www.museo.depo.es/

http://consellodacultura.org/

http://www.bvg.udc.es/



O ANO 2010, ANO FILGUEIRA. A RAG DEBERA ADICAR ESE ANO AO GALEGUISTA PONTEVEDRÉS

viernes, 10 de octubre de 2008

Xosé Fernando Filgueira Valverde


Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finou na mesma cidade o 13 de setembro de 1996. Era fillo de D. José Mª Filgueira Martínez (1871-1938), médico moi querido e respectado na cidade do Teucro, e de Dna. Mª Araceli Valverde Vaquero (1870-1946), unha muller de fonda relixiosidade, moi caritativa e austera. Andado o tempo, D. Xosé, que era así como o coñecía e trataba moita xente, casou con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995) o 15 de agosto de 1938 na cidade de Lugo, de onde ela era oriunda e onde, por aquelas épocas, exercía Filgueira a súa cátedra no instituto lugués. Ambos fundaron unha familia moi popular en Pontevedra.

Filgueira Valverde era un home moi activo e polifacético, reputado literato, gran investigador humanista, catedrático de “Lengua y Literatura Española”, desempeñou a cátedra (1940-1976) e a dirección (1946-1976) no Instituto de Ensino Medio da súa cidade natal, participou activamente en política en distintas etapas da súa vida, así como ocupou múltiples cargos ao longo da súa extensa vida. Pero, un feito moi importante para a cultura galega, foi que el con outros compañeiros e mestres fundaron o 12 de outubro de 1923 o Seminario de Estudos Galegos, institución insuperable no eido da investigación, creación artística e estudos galegos.

Tamén foi director (1940-1986) do recoñecido Museo de Pontevedra.

Foi Filgueira un polígrafo incansable, escribiu máis de 300 libros, pronunciou máis de 1.500 conferencias en distintos lugares do mundo, participou en nunerosas publicacións e iniciativas culturais, no momento do seu pasamento exercía o seu segundo mandato como Presidente do Consello da Cultura Galega (1990-1996).

Este blog nace coa iniciativa de renderlle unha homenaxe e para espallar o coñecemento da súa persoa e da súa magna obra.

E para que coa colaboración dos internautas eu vaia ampliando os meus coñecementos sobre Filgueira, que serán de utilidade para afondar nas miñas investigacións.

Grazas a todos os que se acheguen e colaboren con esta bitácora.


FOTO: Filgueira neno cos seus pais. Extraída do libro:

AA.VV.: Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996 un século de Galicia. Deputación de Pontevedra, Museo de Pontevedra, Ministerio de Cultura, Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2007.

ABSTRACT:

This blog is a biographical study about José Fernando Filgueira Valverde (1906-1996), teacher of the secondary and higher education in Pontevedra (1940-1976). He is a very important intellectual and scientist man of the history of education and culture in the Galice of the 20th century. He is a writer on a wide variety of subjects. And he is the director of the Museum of the Pontevedra (1940-1986). He participates in the fondation the mouvement of galleguism and he participates in the political and social life in his community.

KEY WORDS: José Fernando Filgueira Valverde, History of education and culture in Galice, education, culture, learning, intellectuality, secondary education, higher education and university education, Museum of Pontevedra, galleguism, writing.


SYNTHÈSE

C’est un blog, sur une étude biographique sur José Fernando Filgueira Valverde (1906-1996), professeur d’enseignement secondaire et de baccalaureat à Pontevedra (1940-1976). Il est un très important intellectuel et scientifique de l’histoire de l’éducation et de la culture à Galice pendant le vingtième siècle. Il est un écrivain polygraphe. Et il est le Directeur du Musée de Pontevedra (1940-1986). Il participe à la fondation du mouvement du galleguisme et il participe aussi à la vie politique et social de sa communauté.


MOTS CLÈ : José Fernando Filgueira Valverde, Histoire de l’éducation et de la culture à Galice, éducation, culture, enseignement, intellectualité, enseigment secondaire, baccalaureat, enseignement universitaire, Musée de Pontevedra, galleguisme, écriture.