jueves, 5 de agosto de 2021

CASTELAO, MÁGOA NON TELO COÑECIDO




 É sabido que levo uns anos estudiando a figura de Xosé Filgueira Valverde na súa faceta de educador e de profesor. Achegándome a este personaxe podo comprobar a riqueza do seu entorno persoal, a enorme riqueza das súas relacións humanas.

Ademais da importancia da súa familia, quero subliñar a súa relación cos membros da Xeración Nós e co grupo dos fundadores e compoñentes do Seminario de Estudos Galegos, unha institución da que nunca faremos o necesario para loar a súa importancia capital na historia da cultura galega.

Mais, hoxe, quero centrarme na figura de Castelao, personaxe sobranceira da historia galega do século XX. El entregou con xenerosidade a súa vida ao servicio de Galicia, á que tanto amaba.

Filgueira Valverde tiña en moi alta estima e moitísimo aprecio pola persoa de Castelao. Todos os de Nós e todos os do Seminario de Estudos Galegos querían moito ao irmán Castelao. Filgueira dedícalle integro o IV tomo da súa colección de ensaios titulados Adral.

Tamén apreciaban e admiraban moito a Castelao dous íntimos amigos e mestres de Filgueira, como foron Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde costearon e mimaron a edición do álbum Nós da autoría do gran Castelao.

Filgueira fixo todo o posible e máis por xuntar no Museo de Pontevedra a maior parte da obra e do legado de Castelao. Museo moi querido polo rianxeiro e que axudou a configurar nos máis mínimos detalles.

Castelao tiña especial aprecio e debilidade por Pontevedra, onde pasou anos cruciais e moi produtivos da súa vida.

Desgraciadamente e por motivos políticos a partires do ano 1935 Castelao e Filgueira comezan a se distanciar e xa dun xeito definitivo a ruptura total confírmase a partires dos tristes sucesos de xullo de 1936, tal como nos indicou e manifestou nunha conversa mantida en 1998 Francisco Fernández del Riego.



Estas lembranzas viñeron ao meu maxín ao visitares hoxe, entre outras salas, as dedicadas a Castelao no Museo de Pontevedra. Sen dúbida, eu desexaría ter coñecido ao grande Castelao, que aparte de político, artista, escritor, creo que foi un home simpático, irónico, gran persoa; foi un dos “bos e xenerosos” da Nosa Terra.

Recomendo achegarse á persoa de Castelao, coñecer a súa vida, a súa obra e gran parte dela esta custodiada no magnífico Museo de Pontevedra, o museo filgueirián, que compre visitar unha e outra vez, un tesouro ao alcance de todos. 


Todas as imaxes son de Carmen Sánchez