martes, 16 de abril de 2019

UNE LARME AMÈRE POUR NOTRE DAME DE PARIS




(Imaxe de Xermán Manuel Torres)

Quelle tristesse pour un symbole de la France et du monde entier. Le feu maudit nous a privé dun trésor de la Histoire de la France; un trésor de nous tous. C'est dommage!


(Foto de Xermán Manuel Torres)

viernes, 5 de abril de 2019

HOMENAXE A VILA FARIÑA EN BAIÓN - 6-ABRIL-2019


Vila Fariña, no centro da imaxe, nunha das primeiras Mesa das Verbas na rúa

Xosé Lois Vila Fariña, voa libre polo ar de Arousa-03-01-2018


Xosé Lois Vila Fariña
voa xa ceibe polo ar
da súa benquerida comarca
de Arousa - Salnés.

Seu espírito anda ceibo
polas corredoiras,
polos máxicos montes
do seu amado Baión.

Chouta de penedo en penedo,
de lenda en lenda
na busca da verba cumprida,
das historias agochadas
en cada arquivo,
en cada monumento
do seu idolatrado Concello.

Nos montes de Baión
xa choran as meigas e os meigos,
as curuxas e os mouchos
ventan que xa marchou
o druída de Baión,
o amante dos celtas fuxidíos;
os carballos das fragas
agora quedan sos.

Vilanova de Arousa xa ten
unha lumieira,
que alá no alto do ceo,
máis aló do tempo
e das estrelas
velará polos acontecementos,
polas xentes queridas
dos tempos idos.

Voa, Lois, libre,
valente como sempre,
incómodo e tenro,
triste en enrabechado coas inxustizas.

Amigo, ti querías unha Arousa
culta, amante do seu pasado,
atarefada e xusta co presente,
esperanzada e engaiolada co futuro.

Voa, Lois, por sempre
e aterra nos nosos corazóns
para que loitemos polo pobo
e fagamos unha Terra libre
e máis igualitaria.

Voa, Lois, voa xa libre.

In memoriam


Volverei ler este meu poema lembrando ao "caro amigo" que xa "durmiu fóra", na homenaxe que a Asociación O Castro de Baión vai renderlle ao seu eximio socio e veciño de honra de Baión, como foi Xosé Lois Vila Fariña. Exemplo para todos nós polo seu afán por saber, pescudar, descubrir. Home curioso, sabio, dunha sabiduría popular e autodidacta. Vila era unha personaxe atraente, lémbroo alá a finais da década dos 70, principios dos 80 do pasado século, coa súa cámara fotográfica e co seu magnetofón percorrendo todos os currunchos do seu amado Baión e de toda a comarca saliniense. Era un gran lector e escritor, home de moitas inquedanzas. Foi mágoa, pero non puidemos levar a cabo un seu proxecto de peregrinación a Tréveris, lugar do martirio de Prisciliano. Pero, participamos xuntos en moitas cousas, falando de vagar e vendo a súa ilusión por cada publicación que lograba levar ao prelo. Nas xuntanzas poéticas que celebramos con el na Residencia Divina Pastora de Vilagarcía, que foron o xérmolo da Mesa das Verbas.
Hai tantas cousas que falar sobre Vila..., das súas numerosas publicacións eu destacaría a que lle dedicou ao monte Lobeira e a biografía sobre Domingo Fontán, tan valorada, logo tamén polo que significa e polo valor divulgativo o seu Dicconario Biográfico do Salnés, escrito en colaboración co seu bo amigo Víctor Viana, quen tanto o axudou.
Paréceme interesante a súa contribución a reivindicación do Colón Galego, traballo especulativo, á espera de que se atope algún dato concluínte, algúa achado definitivo; algo que o tería aledado moito.
Era un namorado da cultura celta, eu diría máis ben castrexa, el era o druída de Baión. Aínda que el tiña múltiples intereses e unha actitude aberta a recibir calquera tipo de coñecemento; fíxose unha cultura de seu, polo que era un pracer dialogar con el, sempre aprendías algo, saías enriquecido, teño mágoa de non ter podido dedicarlle máis tempo ao querido amigo.
Ao final, estaba un pouco rebotado de todo e de todos, sentíase unha alma solitaria, iso que había moitas persoas que se dicían amigas del, doíase de que non lle facilitaban as súas ansias de investigación, o seu exercicio real de cronista de Vilanova de Arousa, estaba un pouco doído. El manifestoume moitas veces que a verdadeira homenaxe para el era que lle facilitaran realizar as súas pescudas.
Pois ben, o druída de Baión, xa está personificado no carballo máis senlleiro do seu pobo, e vive por sempre no ar de Arousa, que a mocedade debera tomar nota das ansias de superación de Xosé Lois Vila Fariña e o seu afán por aprender.
Finalmente, no quero deixar de mencionar, a súa publicación máis querida a revista O NOSO POBO, todo un fito da cultura popular e a súa Historia de Baión, que, segundo algúns, é a historia máis completa sobre unha aldea galega. E tamén lembrar a súa inestimable colaboración coa publicación do Club Xuvenil Vilagarcián, RODADA, berce dunha xeración de poetas, comandados por un noso querido e tamén lembrado amigo, Manuel Olveira Hortas; por iso falo eu da xeración de poetas de RODADA, e Lois estivo aí como animador e facilitador da tarefa.

O pobo de Baión pode estar ben fachendoso por ter dado ao mundo un fillo "bo e xeneroso", un cidadán exemplar.

Para ti lembrado e inesquecible amigo, teu recordo sempre permanecerá en nós.