lunes, 28 de marzo de 2022

Miguel Ángel López Fariña e a Cantiga de Caldas




Miguel, na súa sabia e ben estruturada conferencia, ademáis de excelentemente ben documentada e ilustrada, trata da descrición e do contido da Cantiga 104 de Afonso X, a cantiga de Caldas.

 


Tamén explica cales podían ser as orixes, as fontes do milagre do que trata a cantiga. Fálase de posibles fontes alemanas, mesmo galegas e ultimamente portuguesas; mais no caso da cantiga de Caldas non está claro cal puido ser esa fonte que da pe á cantiga.


 

jueves, 24 de marzo de 2022

MIGUEL ÁNGEL LÓPEZ FARIÑA SOBRE CALDAS DE REIS NAS CANTIGAS MEDIEVAIS



Meu amigo da infancia caldense Miguel Ángel López Fariña disertará mañá, ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. O tema é moi suxerente e interesante para todos os que amamos á vila de dona Urraca, precisamente a presencia de Caldas de Reis nas cantigas de Afonso X, coñecido como o rei Sabio.

Sobre este tema escribiu Filgueira Valverde no seu Segundo Adral (1981, pp. 144-146). Recollendo un milagre sobre amoríos e o roubo e mal uso da sagrada forma e a bruxería. O título do traballo filgueirián é: O MILAGRE DE CALDAS. E comenta que El-Rei Sabio ben puido coñecer o milagre polo ter escoitado de neno cando se educaba en Galicia ou ter referencias del "polo seu fillo Sancho, que estivo en Caldas (...) o seis de agosto do 1278". Este artigo foi publicado previamente no Faro de Vigo do 21-V-1978, no ano que se facían "outocentos anos" da estadía en Caldas de don Sancho.
Filgueira dedicoulle outro artigo a Caldas de Reis e a súa parroquia de Santa María para falar do baldaquino do século XV que nela se conserva. (Adral, 1979, pp. 263-266).

Meu amigo Miguel máis eu andamos a argallar algo sobre un mestre querido que impartiu sabia docencia na nosa querida vila de Caldas de Reis, a vila dos nosos anos dourados da infancia. Ese mestre admirado e respectado non é outro que don Victoriano Rosales, director da Graduada de Nenos de Caldas nos anos 60 do pasado século e primeiro director do Colexio Público "Afonso VII"; pero, disto xa teremos oportunidade de falar algún día.

Este venres tocará escoitar e gozar das sabias palabras do profesor e músico, noso benquerido amigo Miguel Ángel López Fariña. Parabéns, Miguel, por esta iniciativa e en hora boa ao Concello de Caldas de Reis por acoller e apoiar este acontecemento cultural.

Miguel disertou dun xeito extraordinario e moi ameno, sen dúbida, é un gran experto na música e nos intrumentos medievais. Parabéns pola súa magnífica conferencia centrada fundamentalmente na cantiga CIV (XCVI no Códice conservado na catedral de Toledo, o primeiro, recolle 100 cantigas da primeira etapa da escola de Afonso X).


O conferenciante moi concentrado

O representante municipal presentando o acto


O Concelleiro menciona a cantiga 104, a cantiga que alude a Caldas de Rei

Asistentes á conferencia no Auditorio Municipal de Caldas de Reis

En próximas entradas, seguirémonos a referir a este acto cultural de tanta importancia e relevancia para o pobo de Caldas de Reis, que algo terá que facer coa cantiga da que nos ilustrou hoxe Miguel. Para min foi un acto entrañable, que tamén me facilitou o contacto con xentes coñecidas e queridas da vila termal.