lunes, 13 de febrero de 2023

PETO

Obra plástica de PLATIS

FLASH DUN VERÁN

Xermán Torres

Peto, In memoriam

 

Na praia de Compostela nun solpor de calquera día dun verán da década dos 70 do pasado século XX.

A néboa do tempo tan só me permite contemplar a catro de entre outros mociños xuntos, sentados na daquela fina e dourada area da praia de Compostela.

Embaixo da terraza do Balneario vexo a Peto coa súa inseparable guitarra, ao meu curmán Alfonso con algunhas das súas frautas, Xulio coa súa non menos inseparable cámara fotográfica, máis eu coa miña frauta doce e coa miña harmónica.

Parolabamos do divino e do humano, sobre todo de música e faciamos soar os nosos instrumentos, sobre todo Peto, era un virtuoso coa guitarra. Pasabamos as longas e cálidas tardes de verán na nosa praia. Estabamos placidamente alí ata a noitiña. Incluso nos temos bañado nalgunha daquelas madrugadas de mocidade.

Eu pedíalle a Peto, tócaa para min, amigo Peto, tócaa outra vez... e interpretaba maxistralmente na súa guitarra para min, porque sabía que me gustaba moito A casa do sol nacente de Animals. E así pasabamos de vagar aqueles pracenteiros seráns da canícula arousán dun tempo pasado, perdido; mais inesquecible.

Agora, alá, no alén, Peto interpretará para sempre, nun tempo sen fin calquera canción nos seus máis de trescentos instrumentos de corda de case todas as latitudes. Quizais A casa do sol nacente de Animals...


 

miércoles, 8 de febrero de 2023

ACRÓSTICO DE LUÍS GONZÁLEZ BRAVO "LOIS DO SALNÉS"

 



 

Xuntos loamos esa tarefa

en compartir vocacións afines

reconducindo, Xermán, camiño,

mesa, proxectos e moitas verbas

á vez que ideas que son firmes

nacementos dos nosos escritos.

 

Talmente es obreiro activo,

obreiro e desta Terra servo,

resultas eficaz, de amplo saber,

recorrente xestor e ben lido,

eu coido non coñecer suxeito

sexa tan implicado como el;

 

de non existir o noso Xermán

estariamos como fillos sen pai.

 

A manchea de gratitude douche

bo home, meu compañeiro de lei.

¡Oxalá, Deus pague as débedas

a tanta entrega que das decote

luz que brilla na Mesa das Verbas.


19/7/22    17:13


Versos e verbas agarimosas dun amigo, non merecidos. Mais gábome de ser amigo de Lois e compartir parte do meu tempo, noso tempo para argallar ideas, proxectos e actividades na nosa querida Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa.

Parabéns e mil grazas amigo Lois.