lunes, 29 de octubre de 2018

ENTRAÑABLE XORNADA EN LEMBRANZA DE FILGUEIRA VALVERDE


Imaxe de Al Guanella


Este pasado domingo tivemos a sorte de compartir unha agarimosa xornada celebrando o 112 aniversario de Xosé Fernando Filgueira Valverde (28/10/1906), galeguista e gran erudito.
Tivemos como anfitrión a Luis González de la Ballina González, quen nos acolleu na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa. Congregámonos alí a partires das 20:00 h. amigos e admiradores de D. Xosé (moitos compoñentes e próximos á Mesa das Verbas) e tivemos a gran sorte de contar con familiares moi directos deste gran home da cultura galega.

Tivo un protagonismo moi especial Xacobe Medina Dacasa (Pontevedra, 2000), bisneto de Filgueira Valverde, que apunta maneiras do seu admirado bisavó. Xacobe presentounos o seu segundo libro: ADRAL DA FILOSOFÍA (Santiago de Compostela, 2018), despois de ter publicado en 2017 o seu primeiro libro: LA VIDA ACTUAL SEGÚN LOS DIOSES. É un mozo dunha formación moi completa: Música, deporte,... Actualmente, cursa 1º de Filosofía na USC e por libre Musicoloxía na UAX. Xacobe con Xermán Manuel Torres comentaron a vida e obra de Xosé Filgueira Valverde, vida fructífera e plena en múltiples e variadas facetas. Tamén tivo tempo para cantarnos unha súa canción acompañándose da guitarra.

O noso amigo e compañeiro da Mesa das Verbas, Antonio Pinedo, declamou o seguinte soneto con estrambote da súa autoría e a xeito de acróstico en homenaxe a Filgueira Valverde:

 .

Logo, todos participamos nun ágape de confraternidade, xentileza do Centro Comercial Arousa.

martes, 16 de octubre de 2018

LXXXVI MESA DAS VERBAS - 27-10-2018 18:00



NESTA MESA CONTAREMOS CUNHA GRANDE SORPRESA
A ACTUACIÓN DO GRANDE ARTISTA AL GUANELLA
E A SÚA CADELIÑA TANA, UNHA PRECIOSA PRINCESA

MOI IMPORTANTE, POR AXUSTES DE PROGRAMACIÓN, COMEZAMOS ESTA MESA DAS VERBAS ÁS
17:30 H. 

domingo, 14 de octubre de 2018

TEATRO: A LEITUGA DE CÉSAR SIERRA




Sábado, 13/10/2018   21:10
Unha tarde de teatro galego no Auditorio Municipal
 de Vilagarcía de Arousa

Nesta función rexistrouse unha boa entrada coas zonas A e B do Auditorio practicamente cheas e algúns espectadores situados na zona C. Quedei contento por este suceso de público.
A representación comezou 10’ despois das nove noite, fíxose a escuridade na sala, arriba o pano e comezou a maxia do teatro.
O título ben escollido, un título metafórico, recollido dunha das frases dunha personaxe, rica en frases e en caracterización, como era o borracho Vinicio. Hai que preocuparse das persoas igual que nos ocupamos dunha leituga para que se logre; témonos que “ocupar de regala e de cambiarlle o osíxeno todos os días”.
A temática moi real que reflicte o día a día familiar e as problemáticas das persoas que as forman:
-         Coidado das persoas maiores e enfermas
-         Eutanasia
-         Egoísmo e tensas relacións entre irmáns
-         A complexidade da familia política: sogros, cuñados
-         A fecundidade / a esterilidade
-         As adopcións
Argumento ben desenvolvido nun melodrama con moi boas pinceladas de humor e toques de moita sorna.
Posta en escena cunha boa economía de medios escénicos, cos elementos lumínicos e de son moi ben tratados. Orixinal xogo de luces e sombras con escenas moi logradas de ralentización con efectos de cámara lenta.
O fondo musical cunha boa selección de temas clásicos.
Moi bo o efecto asubío con iluminación fixa e concentrada no estatismo dos actores e actrices que daban o cambio de escena e de acto.
Elementos sinxelos de decoración con boa iluminación e bo son.
Todo o conxunto de recursos favorecía a verosimilitude da trama.

Traballo de actores fixo cribles as personaxes e permitiron a recreación e a verosimilitude das situacións familiares.
Destacaríamos o papel de Vinicio, pola complexidade de simular todo o tempo a un mozo borracho (con sentencias moi atinadas sobre as diversas situacións representadas). Tamén nos agradou a actriz que representou á cuñada embarazada.
Mais en xeral, todos, actrices e actores desenvolveron dun xeito crible ás súas personaxes. A “Morris” vanlle ben os papeis de humor ácido, cínico e cheos de sorna.
Sen máis, destacar nesta sintética crítica que por medio desta obra puidemos, ao mesmo tempo de desfrutar e de sorrir, reflexionar sobre unha serie de cuestións que afectan ás familias de hoxe; pero, tamén ás de onte e aínda ás do porvir, son problemas e dificultades presentes en todos os tempos. Nesta obra cunha linguaxe e cos modos de agora, auténticos e desenfadados.
Por favor, máis teatro!
Arriba o pano!

jueves, 11 de octubre de 2018

IV XORNADA, FILGUEIRA VALVERDE, SEMPRE EN GALICIA


IV XORNADA FILGUEIRA VALVERDE, SEMPRE EN GALICIA
Domingo, 28 de outubro de 2018   20:00
Sala de Xuntas no 3º andar do Centro Comercial Arousa
Vilagarcía de Arousa

PROGRAMA

-      Acollida e saúdo por parte de Luís González de la Ballina González, director do Centro Comercial Arousa.

-      Presentación de Xacobe Medina Dacasa, bisneto de Filgueira Valverde, quen nos falará dos seus últimos libros.

-      Xacobe Medina Dacasa interpreta algunhas pezas ao violín.

-      Xacobe Medina e Xermán Manuel Torres lembran neste día e conversan sobre Xosé Fernando Filgueira Valverde, no que sería o seu 112 aniversario.

-      Ágape de confraternidade, xentileza do Centro Comercial Arousa.

martes, 2 de octubre de 2018

Segundo curso da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral

(Imaxe de Tere Briones)

(Fotografía de Tere Briones)
(Imaxe de Socorro Touceda)


Os días 19, 21, e 24 de setembro presentáronse nas Vicarías de A Coruña, Santiago de Compostela, e Pontevedra o Plan Pastoral para o presente curso e tamén presentouse o 2º curso da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP) por parte do Sr. Bispo Auxiliar, Mr. D. Jesús Fernández González, e do director da EDAP, Xermán Manuel Torres.

Con referencia a EDAP, principia agora o seu segundo curso de existencia. No curso pasado tivo unha excelente acollida con máis de 1.100 inscritos, 28 animadores, 30 predicadores e 26 coordinadores. Así mesmo recibiu unha alta valoración por parte dos que estiveron vinculados.

Neste segundo curso de especialización, podemos estimar cos datos actuais, que variarán (aumentando) despois da primeira sesión formativa, que contamos con 23 centros e máis de 700 persoas inscritas, manténdose o mesmo número de responsables dos centros, aínda que poidan producirse algunhas baixas e novas altas.

As especializacións serán sobre:

- Catequese

- Liturxia

- Pastoral Familiar

- Pastoral da Saúde

- Cáritas

- Curso Complementario

- Medios de Comunicación

O curso 2018/2019 contará con 16 sesións, distribuídas deste xeito:

- 1 Asamblea Inicial por Vicarías (xa realizadas)

- 1 Asamblea Diocesana (sábado, 8 de xuño de 2019 -data a ter en conta e anotar nas axendas-)

- 2 retiros (Advento e Coresma)

- 12 sesións formativas (4 comúns e 8 de especialización)

As especialidades máis demandadas (por múltiples razóns) foron Catequese e Liturxia.

Os participantes son todos persoas de Igrexa, colaboradores que prestan os seus servizos á Igrexa. A EDAP quere servir para que sigan formando comunidade e prestando o seu voluntariado. As persoas que consigan a declaración de aptos nos dous cursos, recibirán as acreditacións correspondientes dos nosos Bispos e nun futuro poderá serlle enconmendada algunha misión por parte do Ordinario da nosa Diócese.

A data de referencia para o comezo do curso nos distintos centros é o 14 de outubro.

Xuntos facemos camiño como discípulos misioneiros.