miércoles, 12 de abril de 2017

O TOLLEITO DE INISHMAAN - VILAGARCÍA -08-04-2017; 21:00 H.



O sábado, 8 de abril de 2017, ás 21:00 h. decidimos ir ao teatro, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa representábase a peza multipremiada nos Casares, O Tolleito de Inishmaan. Unha entrada razoable, aínda que habería que fomentar, desde distintas esferas sociais, un apoio máis decidido ao teatro galego.

A representación non defraudou ás miñas espectativas. A historia engaiola, combinando en distintos momentos un fino humor, ao estilo do sutil humor británico, irlandés, galego..., humor "celta" retranqueiro. Unha linguaxe teatral con ritmo, que se amosa na fala anafórica dos personaxes, coa repetición de certas expresións e de certas verbas, que acompañadas doutros recursos, imprímenlle un senso poético ao texto dramatico.

A HISTORIA.- A xente, as máis das veces, amósase intrasixente coas eivas dos demais, discriminando ás persoas polas súas deficiencias ou manías: a minusvalía do tolleito, a teima da tía de falar coas pedras, a curiosidade enfermiza do "corredor de novas"... As miserias humanas, a estreitez da aldea...
O tolleito quere fuxir, buscar nova vida, novas oportunidades, atoparse el mesmo, ser autónomo, escapar da presión. O que busca non o atopa fóra e volve. Retorna a súa aldea, na procura dos seus, que son realmente quen te coñecen, quen te queren. Trata de atopar o seu lugar entre os seus, volve a onde o queren, xunta das súas tías adoptivas, xunta o seu amor. A loita por buscar o lugar que a un lle corresponde, no lugar natural, no lugar das orixes. Esta aldea irlandesa, cos seus típicos paisanos e o trasunto da aldea galega.

OS PERSONAXES.- Quen se me fai máis crible e atractivo, máis nobre no trasunto da historia é o xornalista, bo, o corredor de novas.
O tolleito, demasiado tolleito, o que implica un bo traballo do actor que o representa. Están moi esaxeradas as súas eivas. Conmove a súa realidade, que o fan un ser débil. Aínda que amosa o seu ser forte cando toma a decisión de se ir, aínda con mentiras e trampas.
A parella das tías adoptivas favorecen o toque humorístico. 
Logo está a parella de irmáns, coa personalidade forte e indepedente da irmá.
E a figura do mariñeiro que contribúe a completar o nudo e o desenlace da historia.

A POSTA EN ESCENA.- Cunha economía de medios e bo uso deles fáisenos vivir a trama e a problemática humana e social. Cunha simplicidade na posta en escena, moi suxerente, cuns elementos concretos e sinxelos denótanse e delimítanse moi ben os espazos escénicos.

- A tenda (coa balanza e co mostrador que nola sinalan) é o escenario principal.

- O mar, a praia, delimitada pola cor azul e polas pedras brancas, e pola pequena lanchiña.

- A casa do corredor de novas, suxerida por poucos elementos, pero sabemos, intuímos que é a casa.

Cun axeitado xogo de luces, cores, sons e música delimítanse moi ben espazos e escenas.

Nin que dicir ten que cando chegamos á sala, co pano aínda pechado, escóitase moi suave o bater da auga do mar, algo xa suxerente que predispoñía o ánimo, era un son moi, moi débil case imperceptible, pero estaba aí, de súpeto ábrese o pano, todo a escuras, luz... estamos nunha tenda calquera, dun aldea calquera de Irlanda (vs. Galicia)...

MÁIS INFORMACIÓN:

 https://www.coruna.gal/portal/es/agenda/proximos-eventos/detalle-agenda/ciclo-principal-o-tolleito-de-inishmaan/suceso/1453609550139?argIdioma=es