lunes, 7 de diciembre de 2020

REMEMBERING FILGUEIRA VALVERDE - RELEMBRANZAS DE FILGUEIRA VALVERDE

 

Derradeira conferencia de Filgueira Valverde en Vilagarcía de Arousa

(17-NOV.-1994)


Agora, en tempos de invernía e ao carón do lume agarimoso da lareira, facemos lembranza dun grande “obreiro da causa galega” como foi Xosé Filgueira Valverde.

A primeira vez que tiven contacto con Filgueira Valverde debeu ser no verán do ano 1967, tiña eu 10 anos, cando eu frecuentaba a parroquia de Santa María de Caldas de Reis, da que era párroco daquela D. Marcelino Torres Villar. Dicía inquedo don Marcelino, vai vir o alcalde de Pontevedra... e chegou don Xosé coa súa cámara fotográfica enfundada nunha cartucheira de cor marrón e lle reprochaba ao crego o abandono e a mala colocación dunhas pedras, que estaban tiradas preto dun valado no adro, medias cubertas de silvas, segundo Filgueira Valverde tiñan moito valor e era indigno que estiveran así, reprochaba duramente ao crego aquela situación e pedíalle un mellor trato para aqueles valiosos restos.

Andando moito tempo e lendo un Adral (en concreto o primeiro, de 1979, páxs. 263-266) de D. Xosé, dinme conta do que eran aquelas abandonadas pedras, nada máis e nada menos que un baldaquino do século XV e que hoxe pódense contemplar nun dos muros interiores da nave central da igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis.

A segunda vez que tiven a sorte de establecer contacto co sabio pontevedrés foi no ano 1978, nunha visita que realicei ao Museo de Pontevedra cuns nenos da miña academia de Trabanca Badiña de Vilagarcía de Arousa. Nesta oportunidade falabamos con el sobre o Pazo de Patiño dese barrio vilagarcián, amosabámoslle unhas moedas que alí atoparamos e as fotos do escudo da dita casa señorial, atendeunos con moita amabilidade e explicounos as cousas de interese para facer un estudo dos restos do pazo, que hoxe lamentablemente xa non existe ao ser derruído por unha especulación inmobiliaria o seu espazo está ocupado por unha anódina urbanización de chalets.

Coincidimos no ano 1980, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Afonso X, das súas cantigas era Filgueira Valverde un grande especialista, á CIII dedicoulle a súa renomeada tese de doutoramento en 1935. Con tal motivo, era eu daquela presidente do Club Xuvenil Vilagarcián, inviteino o 9 de maio a dar unha conferencia (a 875) no Salón de Actos (gran salón de actos) que a Caixa de Aforros de Vigo tiña na rúa Dr. Tourón en Vilagarcía.

 

Nos anos 1993, 1994, 1995 e 1996 mantiven con el un trato frecuente epistolar, telefónico e presencial. Fixo o prólogo para o meu libro Ó GALEGO POLO TEATRO (Cumio, 1996), o 17 de  novembro de 1994, inviteino a pronunciar unha conferencia, a número 1.544 (a derradeira en Vilagarcía) co motivo dunha homenaxe que lle rendemos na parroquia de Santa Baia de Arealonga a Aquilino Iglesia Alvariño.

 

Tamén é posible que na década dos 60 do pasado século XX coincidira con el nalgún acontecemento académico no colexio San Fermín dos Padres Somascos en Caldas de Reis; pero, era eu moi neno e xa non teño recordos.

 

Gábome de ter mantido unha relación de amizade co home que máis sabía de Galicia e á que deixou para agasallo da súa cultura unha magna obra.