sábado, 5 de agosto de 2023

CO GALLO DO DESEÑO DO EX LIBRIS

 


RECORDO DA INFANCIA

Naquela caixa de cartón
na que gardaba os meus primeiros libros,
biblioteca encantada
que alimentaba soños e ilusións.

Este meu gran tesouro
gardaba debaixo da miña cama
como cada noite
despois de gozar coa lectura.

Unha tráxica noite ou non sei cando
miña gatiña querida
pare na máxica caixa dos meus libros,
quizais quixera que os seu gatiños amaran a lectura.

Volvo da escola,
vou con todas as ansias
debaixo da miña cama,
onde estaban os meus tesouros.

Prantos, berros, desacougo...
A caixa non estaba alí (¡¡¡???),
miña avoiña da alma ao verme así,
meu netiño a caixa tiña o aire...

Naceran sete preciosos gatiños nela.
Túa nai tirouna ao río
para que non colleras o aire.
Aire, que aire?

Gran berro desconsolado,
polo río abaixo vai
a miña caixiña dos soños,
miña primeira biblioteca.

Que tristura!
Consoloume meu avó, gran lector,
cando lle daba meu beixo de boas noites
sempre estaba a ler.

Non te preocupes, dicíame,
empezaremos de novo
e sempre terei un libro para ti.
E hoxe teño libros por toda a casa.

Os libros, sempre foron e serán
os meus compañeiros da alma,
xanelas de vida e liberdade;
que non veñan aires que couten os nosos soños, a nosa liberdade!

Declamando Galicia dos Soños na Gaiola de Manuel María
Acompañado á guitarra por meu amigo Xosé Duarte Rañó
Na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa
na CXXXIV MESA DAS VERBAS (04/08/2023  20:00 - 21:15)