lunes, 15 de noviembre de 2021

POBRIÑA DA TOLA! Unha lembranza da infancia en Caldas de Reis

 


Manoliño, o de Inés, era un dos meus amigos da infancia dourada en Caldas de Reis. Era un rapaz curtido nas rúas de Caldas, posuía grandes habilidades para moitas cousas. Era moi mañoso en cuestións manuais para artellar xoguetes (espadas de madeira, variados obxectos con casca de pino, arcos de frechas con ballestas dos paraugas, facer pompas de xabón, monicreques de cartón e madeira, ...). 

Foi tamén, ao meu ver, o "monaguillo" que mellor repicaba as campás do campanario da igrexa de Santo Tomé.

Pero, hoxe quero lembralo, unha vez máis, por unha picardía de cativos, el era capaz das máis enseñosas falcatruadas. Pois ben, vou relatar un feito verídico no que tomei parte.

Na casona do lugar da Canle, zona coñecida en Caldas de Reis porque alí atopouse o tesouro prehistórico que se conserva no Museo de Pontevedra, (a casa aparece nas fotografías desta entrada, en imaxes tomadas por min o 15 de novembro de 2021), había nos anos 60 do pasado século unha muller que dicían tola e que era moi fermosa. Esta muller gustaba andar espida pola súa casa.

Meu amigo Manoliño o de Inés


Un día, Manoliño, que era un pouco maior ca min, levoume á casa da Canle para ver á tola. Polas fiestras podiamos ver á muller núa. Recordo que tiña unha longa e bonita melena. Estivemos alí uns intres, observándoa, era realmente fermosa.


E nós alí como paspáns en modo "voyeurs". Manoliño dicíame que el ía ás veces por alí para ver á pobre da tola. Tamén me invitaba a ir pola noitiña ao parque xardín para espiar ás parellas. Esto para min era difícil, case que imposible porque a esas horas eu facía os deberes do cole, estudaba e lía na compaña do meu avó. Ademais ceaba cedo e axiña ía para a cama. Así que nunca puiden acompañar a Manoliño nas súas correrías polo parque naquelas noitiñas de espionaxe aos amantes que gozaban da súa compañía naqueles fermosos e escuros paraxes.

Manoliño finou novo, mágoa que desexei xuntarme con el pasado moito tempo co fin de lembrar esta e miles de anécdotas que atesourabamos daquelas vivencias da infancia caldense dos anos 60. Que tempos!

Manoliño un gran "monaguillo" repicador




sábado, 6 de noviembre de 2021

ELIGIO VILA ESTREA "EL RINCÓN DE LOS ESPÍRITUS"

 

Imaxe de Xosé Luis Sanz

Eligio Vila Vázquez (Lantaño, 1943). O compositor, vilagarcián de adopción, vén de estrear a súa obra "El Rincón de los Espíritus" no Concerto da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía de Arousa, que lle rende como homenaxe e que tivo lugar o venres, 5 de novembro de 2021, a partires das 21:00 h. no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa con máís dos 3/4 de entrada.

Eligio conta cunha experiencia docente na vila arousá de moitos anos e a súa última etapa como profesor de Música do Instituto "Castro Alobre" (antes "Calvo Sotelo"). A paixón pola música venlle a Eligio desde moi neno e co devenir do tempo pode á fin dedicarse ao que sempre quixo e ao que sempre debeu de dedicarse: á composición musical.

Nesta obra, Eligio demostra que domina todos os rexistros da composición, probando, na súa dilatada traxectoria, que ten competencia, máis que sobrada, nos distintos estilos musicais. A súa valía e as súas evidentes cualidades artísticas son quen de deleitar ao público máis esixente. É un compositor moi sensible, que sabe transmitir os seus sentimentos, ás súas emocións. Con pinceladas sonoras transmítenos as súas fondas impresións e aquelo que o conmove ou o inquieta. Con rasgos expresionistas nesta obra vangardista e contemporánea fainos sentir o mundo dos espíritos, que revolotean nos diálogos e nos contrapuntos dos violíns coa viola e co cello, parece que os sentimos, que están aí. Eligio crea unha atmosfera misteriosa que nos fai tremer nese recuncho onde habitan e se amosan os espíritos rebuldeiros que van de aquí para acolá, as notas que os denotan percorren toda a sala de concertos, o público expectante e conmovido é quen de premiar con sonoros e abundantes aplausos o apunte de misterio e de inquedanza. Todos quedamos abraiados e contentos por ter un conveciño que demostra a súa sensibilidade e a súa creatividade na composición dunha fermosa peza musical. E el e a súa música están aquí, moi preto, neste recuncho dos espíritos.

Breve fragmento de "El Ricón de los Espíritus", interpretado por Quatuor Mona

O cuarteto de cordas, Quatuor Mona, fai unha interpretación moi apreciada e aplaudida polo público asistente. Foron eficientes executantes do que Eligio nos quixo transmitir.

Para información sobre o grupo visitar:


Para datos biográficos de Eligio Vila, poden consultar:

Vila Fariña, X. L. et Viana Martínez, V. (2001). Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés. Deputación Provincial de Pontevedra, p. 307.

Tamén poden visitar:












lunes, 1 de noviembre de 2021

Xosé Filgueira Valverde, profesor innovador (1928 - 1976)

 


Participei no Congreso Internacional promovido pola Universidade Complutense de Madrid, os pasados días 6, 7, 8 de outubro de 2021, cunha ponencia na que defendo que Xosé Filgueira Valverde foi un profesor innovador debido a súa práctica docente que pode ser encadrada no que se denomina movemento pedagóxico da Escola Nova.

A práctica docente do vello profesor Filgueira Valverde foi innovadora polas seguintes razóns:

- Estaba centrada no educando, trataba de coñecer ao seu alumnado e ás súas familias. Interesábase pola súa traxectoria académica e persoal.

Profesorado e alumnado na primeira época de XFV en Pontevedra (1928-1935)

Promovía un ensino activo da Lingua e da Literatura por medio da práctica, do uso. Fuxía dun estudo meramente memorístico. O seu alumnado levaba un caderno para notas e apuntamentos e outro para os exercicios. Seguía o método de fichas personalizadas e individualizadas, seguindo o método Dottrens.

Practicaba a crítica literaria e o comentario de textos. Poñíalle ao seu alumnado gravacións onde os propios autores lían as súas obras.

Realizaba teatro lido nas clases. E facía representacións teatrais co seu alumnado.

Alumnado do Instituto de Pontevedra nunha representación nas ruínas de Santo Domingo

Promovía a composición escrita e a pronuncia de conferencias do seu alumnado, despois de facer pequenas investigacións en bibliotecas e arquivos.

Creou as bibliotecas de aula xestionadas polo propio alumnado.

Instituiu a figura dos alumnos colaboradores.

Como profesor humanista e gran coñecedor do mundo clásico fomentaba a práctica deportiva e a Educación Física no seu instituto. Dáballe suma importancia á música (fundou o coro dos Cantores do Instituto, 1955). E o seu instituto compraba un cupo de bonos para que o seu alumnado puidese asistir aos concertos da Sociedade Filarmónica de Pontevedra.

Coa copa que acreditaba ao Instituto de Pontevedra como campión nacional dos Xogos Escolares
(1957)

Coa Rondalla do Instituto

Como xestor e director de instituto promovía o traballo en equipos multidisciplinares.

O seu labor educativo ía máis alá das aulas. Tiña unha idea global e integradora do que é a educación. Unha educación para a vida, para ser mellores.

No seu instituto era moi importante a organización de excursións e viaxes culturais.

Fomentaba a organización de exposicións.

Foi un docente, un mestre cunha gran formación cultural, foi un intelectual polígrafo, escritor compulsivo non deixa de publicar desde 1923 (con apenas 17 anos, foi un home moi precoz en todo).

Escribiu numerosos manuais escolares da súa especialización en Lingua e Literatura.

Tivo unha gran proxección social e política. Trataba de que o seu instituto tivese unha proxección na comunidade, na súa época, o instituto tivo un grande protagonismo na cidade de Pontevedra.

Coñecía as correntes e movementos pedagóxicos, estaba ao día, era un ávido lector e manexaba abondosa bibliografía. Estivo vinculado á Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE), tiña solicitado unha bolsa para realizar estudos nos Países Baixos sobre os seus pequenos museos; pero por múltiples circunstancias non consta que realizara dita viaxe de estudos.

Gustaba de participar en congresos e en múltiples actividades e experiencias de carácter educativo e formativo. 

Preocupábase pola Psicoloxía, chegou a homologar o título de Diplomado en dita disciplina. 



Na súa etapa como catedrático en Lugo (1935-1939)

Foi o artífice da fructífera colaboración entre o Instituto e o Museo de Pontevedra. (O primeiro alumno colaborador dun Museo en España foi o ex alumno e discípulo de Filgueira Valverde, Alfredo García Alén -1923-1981-).

Moitos e moitas ex alumnos/as de Filgueira chegaron a ser grandes profesionais e persoas cunha grande traxectoria social e política. Consideraban a Filgueira Valverde como un mestre inxubilable, un mestre a perpetuidade. Ensinaba de palabra e de obra, predicaba co seu exemplo e tivo sempre un gran respecto polo seu alumnado e polas súas familias. Foi profesor de moitas xeracións de pontevedreses e director do seu instituto durante moitos anos. 

A súa querencia de traballar en equipo e formar grupos diversos e multidisciplinares era unha influencia do importante Seminario de Estudos Galegos (SEG), que tanto o influiu e que axudara a fundar e a manter cos seus compañeiros de xeración e cos seus mestres da Xeración Nós (Losada, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas,..). Tamén influiron nel e na súa práctica docente os seus amigos e mestres pontevedreses Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle, así como os catedráticos da Universidade Armando Cotarelo Valledor e Salvador Cabeza de León. E el recoñecía que os "seus primeiros e mellores mestres foron seus pais".