lunes, 16 de febrero de 2009

"PONTEVEDRESES UNIVERSALES" (1956-1996), UNHA SERIE DE ENSAIOS BIOGRÁFICOS NOS QUE FILGUEIRA NOS DESCOBRE A RIQUEZA HISTÓRICA DA NOSA PROVINCIA





(Na imaxe José Antonio de Mendoza y Sotomayor, Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú e a súa rúbrica, tal como figuran no tomo XXXVII de “Pontevedreses Universales”)


Filgueira comeza en 1956 unha colección de biografías de personaxes históricos relevantes da provincia de Pontevedra, que se publicaban puntualmente cada 12 de outubro, coincidindo coa chamada festa da hispanidade, a edición auspiciada pola Deputación Provincial, o Concello de Pontevedra e o Goberno Civil. Os persoeiros e os feitos polos que destacaban eran, a maioría, descoñecidos para o gran público e, ás veces, tamén para os especialistas; por tanto, eran un descubrimento co que nos regalaba Filgueira cada outono, e no que se poñía de manifesto a erudición histórica do polígrafo pontevedrés. Dende aquí recomendamos a súa lectura e consulta.
Filgueira era un gran coñecedor de todo o que concernía á cidade de Pontevedra e a toda a provincia. Precisamente, nos seus últimos días, estando xa coa saúde e coas forzas moi minguadas, Filgueira tiña entre mans unha nova entrega para a colección, un traballo sobre novos aspectos dun tema que xa tratara, San Telmo e do chamado lume de San Telmo, pois viña de descubrir novos matices sobre o asunto en bibliografía francesa que estaba a consultar. Pero, segundo nos manifestaba o seu fillo a memoria traicionábao (el que fora durante toda a súa vida posuidor dunha feliz memoria) e nas cuartillas manuscritas que tiña feito (de moi difícil lectura) repetía ideas e conceptos dun antigo traballo e non era quen de saír de aí. Xosé Fernando Filgueira Iglesias comentáballe ao seu pai que non ía ser capaz de rematar dito traballo e menos o podería ler no pazo provincial polas dificultades físicas que lle afectaban. Filgueira traballador e loitador incansable solicitaba un administrativo a quen lle dictaría os textos e falaba dunha cadeira de rodas, non lle faltaba a ilusión deica o derradeiro momento. Era toda unha lección como un home minado pola saúde e practicamente sen folgos quería seguir mantendo viva a súa actividade intelectual.

Nós quereriamos subliñar hoxe o tomo XXXVII das conmemoracións de “Pontevedreses Universales”, correspondente ao 12 de outubro do ano 1992 e que leva por título: CUATRO VIRREYES PONTEVEDRESES EN AMÉRICA. E dos catro personaxes dos que trata Filgueira, destacar un, pola súa relación con Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés, falamos de José Antonio de Mendoza y Sotomayor (13 de marzo de 1667 – 14 de decembro de 1746), Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú.
Imos entresacar as primeiras páxinas do traballo (XXV-XXVI), nas que se fan referencia as orixes e relacións familiares. Mais, antes diso indicar que o seu virreinato foi moi accidentado e con moitos problemas, porque como dicía Filgueira, “gobernó en tiempo aciago”. Imos cos temas familiares deste nobre que toma posesión do virreinato de Perú en 1736:




“LOS MENDOZA, SEÑORES DE VILLAGARCÍA

Don José Antonio de Mendoza y Sotomayor era descendiente del Mariscal Suero Gómez de Soutomayor, Tenenciero del Señorío de Pontevedra y de García Camaño, ‘el Hermoso’, fundador de Vilagarcía por una carta puebla de 1461; y sobrino del gran do Fernando de Andrade, Capitán General y Arzobispo de Santiago. Heredaba el Marquesado de Villagarcía, el Vizcondado de Barrantes y los señoríos de Vistaalegre, Rubianes, Lamas y Vilanova. Fue Marqués de Monroy y de Cussano por su casamiento con doña Clara Barrionuevo y Monroy. Los Mendoza alcanzaron auge en Galicia, desde la presencia del Arzobispo don Lope en Compostela, en el siglo XV; los Caamaño que pretenden un origen helénico y se ufanan en descender de posesores romanos, pueden remontar sus genealogías hasta la alta edad media.
Aunque siempre se tuvo por gallego, y lo fue por linaje y títulos, nació en la casa materna de Vegas de Matute (13, marzo, 1667); su padre, sí, fue bautizado en Pontevedra. Los cargos que desempeñó señalaban ya el futuro del hijo; porque don Antonio Domingo de Mendoza fue Embajador en Venezuela y electo de Francia, y Virrey y Capitán General del Reino de Valencia.

Sus hermanos ocuparon también puestos importantes: Álvaro fue Arcediano de Trastámara y Sumiller de la Casa Real; Francisco, Arzobispo de Farsalia; María Antonia casó con el Conde de Villardompardo”.

O ensaio sigue relatándonos as peripecias do virreinato de Don José Antonio e outros aconteceres da súa vida. Traballos deste xeito, de carácter divulgativo, pretenden darnos a coñecer aspectos que doutra maneira quedarían para sempre no anonimato. Os pontevedreses deberamos manifestar a nosa gratitude ao traballo sen desmaio de D. Xosé Fernando Filgueira Valverde que conservou o patrimonio histórico da nosa provincia para goce das xeracións vindeiras.

No hay comentarios: