miércoles, 8 de abril de 2009

LETRAS GALEGAS-2010, DEDICADAS A FILGUEIRA VALVERDE




De xeito sintético, imos expoñe-las razóns polas que Xosé Fernando Filgueira Valverde é merecente de que se lle dedique canto antes o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

Xa van cumplirse, no próximo setembro, os trece anos do pasamento do ilustre pontevedrés, quen tanto laborou pola nosa cultura.
Foi a “alma mater”, entre outras, das seguintes importantes institucións:

Seminario de Estudos Galegos (1923-1936)
Museo de Pontevedra (1940-1986)
Instituto de Pontevedra (1940-1976)
Consello da Cultura Galega (1990-1996)

O seu traballo intelectual non deixa de asombrarnos:

· Escribiu máis de 300 libros
· Pronunciou máis de 1.500 conferencias
· Participou e promocionou multitude de actos e acontecementos culturais
· Tomou parte en numerosos programas de radio e televisión
· Foi articulista asiduo en xornais e revistas desde 1923 ata o ano do seu falecemento (1996)

A súa obra literaria, aínda que pouco numerosa se a comparamos co seu traballo erudito e investigador, é dunha grande calidade, onde amosa o seu gran dominio da lingua galega, chea de matices e cun léxico moi rico. Coñecía a fondo cada expresión, cada acepción. A esto axudaba que D. Xosé era un gran latinista e etimoloxista.
Na súa obra ensaística, recollida en grande parte nos nove Adrais publicados, non deixa de lembrar e facer constancia de persoeiros, ditos e feitos da nosa cultura e da nosa historia.
Foi un extraordinario medievalista, deixounos estudos e inmellorables traballos sobre as cantigas medievais, especialmente sobre as Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio.
Outras das súas queridas especialidades foron o vate lusista, Camoens e o gran ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento.
A súa curiosidade sobre Galicia e sobre todo o galego enchéronno de amor pola Nosa Terra, a súa lingua e a súa cultura.
Dificilmente atoparemos un polígrafo humanista cunha obra tan considerable en cantidade e calidade; por todo elo, D. Xosé é merecente de ser homenaxeado como un autor e persoeiro galego que entregou todo o seu saber ao servizo da súa Galicia amada.

PARA SABER MÁIS:

· FORTES ALÉN, Mª Jesús (coord.) et alt.: O DR. FILGUEIRA VALVERDE NOS SEUS NOVENTA ANOS (1906-1996). TRABALLOS. ELOXIOS. Pontevedra, Caixa de Aforros de Pontevedra, 1996.



· FUENTES ALENDE, José: BIBLIOGRAFÍA. CURSOS, CONFERENCIAS Y CURRICULUM DE JOSÉ FILGUEIRA VALVERDE (HOMENAJE DE SUS DISCÍPULOS). Vigo, 1976.


· http://www.museo.depo.es/

No hay comentarios: