jueves, 7 de mayo de 2009

UN LIMIAR DE FILGUEIRA






(Nas imaxes a portada do meu libro sobre o noso teatro, publicado en 1996 e un meu retrato a lapis de Filgueira Valverde)

Velaquí un libro necesario e desexado. Xermán Torres de Aboal acode a enche-lo valeiro dunha “guía” para o Teatro Galego. Faino cunha alongada visión e, asemade, con primorosa habelencia, tanto no manexo da bibliografía como no emprego dos medios que a técnica de hoxe pon ó alvance do investigador dilixente.

Porque o autor sabe partir do concepto de que o teatro non é somentes unha forma literaria senón todo un macrosistema –unha “arte integral”-, no que a fala vai servida e , ás veces, substituída, ou levada, por todo un complexo de signos alleos á semioloxía oral. E que ofrece todo un horizonte de valores: relixiosos, sociais, didácticos… De xeito que o investigador ten, como neste caso, que apartarse da liña da pura “literaturidade” para entrar en eidos moi diversos nos que agroman.

Non esquece, Torres de Aboal, a precaria historia “literaria”, do noso teatro, coñecido por moi raros e cativos testemuños dos “séculos escuros” e serodios –costumista e histórico-, careza razoada pola falla de compañías estables. E para telo houbo que agardar ó ano 1882, no que é premiado o drama “A Fonte do Xuramento” de Francisco de la Iglesia, e ó 1886, no que redacta Álvarez Giménez, “María Castaña: unha revolta popular”. Mais… É unha dramática que non sempre chega ós escenarios.

Cómpre lembra-las orixes rurais e sagras de teatro e que Galicia, como tódolos pobos, tería, de vello esas manifestacións ventureiras. Rafael Dieste, que sabía tanto do tema, espallou en páxinas certeiras a evocación desta nacencia da “representación leda ou heroica”.

“De cómo un danzador de vendimia se halló con la tragedia”:

“En algunha vendima se cuentan episodios festivos de los ausentes y de los muertos.

El que los cuenta, va y viene, se agita y representa. Y hay un instante de júbilo y de embriaguez en que todos se reconocen con sorpresa, porque se recuerdan. Entonces narran unos el mito de los otros, porque se representan. Y es tan gracioso verse representado y que tu amigo sea, un instante de gozo compartido, que casi gimes con la risa, pero de pronto estás a punto de verte en el espejo de la muerte. Porque también se recuerda a los muertos y a los héroes…”.

Aquí o feito que se repite dende a alonxada noite dos tempos, nas vendimas, as escasulas, as fiadeiras, e as muiñadas que os vellos vivimos. O traballador ou a moza de mellor voz e xesto “representaría”, renovando, decote, as orixes mesmas do teatro. Logo virían os “mimos”, documentados aquí dende o século VI, os “arremadillos”, os xograres e soldadeiras; o teatro litúrxico, as antroidadas, e os momos, de corte e pazo, ligadas ás festas do ano ou “de circunstanciais”… Todo un tesouro que podemos adiviñar, pero que, de seu tiña un destino efímero, e non perdurable, no que a “letra” ía acompañada dunha “instrumentación”, coa entonación dos recitados, os acenos, as posturas, os xestos, expresión, o movemento, os bruídos, sen que falasen en moitas ocasións os decorados e a música. Porque nesta arte só a letra nos entrega un dos códigos da mensaxe.

A obra de Torres de Aboal contén, pois, un esquema histórico e bibliográfico do teatro en Galicia; mesmo con referencia ós seus precedentes. Sendo de tanta valía e utilidade non é de certo, ese o cerne da obra, moito máis cobizosa. Nela podedes atopar unha “Introducción ó Teatro”, compridos esquemas e unhas certeiras nocións de teoría e técnica. Teñen interese as informacións “sobre grupos teatrais, certames, e institucións”. Non faltan a referida base de datos e “unha serie de actividades para desenrolar, individualmente ou en grupo”, que refrenda o xorne eminentemente didáctico, e mesmo “pedagóxico”, do traballo.

Non é estrano porque Torres de Aboal é, por riba de todo, un mestre que coñece a función do teatro, dende a declamación ó “pensum” e da actividade comunitaria, de grupo, ó senso dos caracteres representados.

O autor amósase sempre como un mestre: a finalidade, o contido, a mesma disposición do “Achego” pregóano. Vilagarcián de trinta e oito anos, leva doce de ensino na garrida cidade nativa, namentras cursa a Licenciatura da súa especialidade. Fundador e director, asiduo do teatro escolar, na propia escola, compuxo para ela algunhas pezas e participou activamente en iniciativas como “Itaca”.

Dende que Leandro Carré publicou o primeiro ensaio sobre o “Teatro Galego”, á situación de agora, foron moi fondos os troques. Era mester un libro como o que Torres de Aboal, entrega, cheo de saberes e de fervor galego. Un libro que non acougará, deixado, nos andeis das bibliotecas, senón que será prontuario manual de vizosas xeiras. Un libro de hoxe e para hoxe, o de Torres de Aboal.

XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE

No hay comentarios: