domingo, 24 de octubre de 2010

FRATERNO PORTUGAL




Os galeguistas como Filgueira entendían que Galicia debía estreitar os seus vínculos con Portugal e que este país debera de deixar de ser un gran descoñecido para unha grande parte dos galegos. Non debemos esquecer que o Reino de Galicia estaba formado polo que hoxe é o Norte de Portugal (chegando case ata Porto) e a nosa Galicia contemporánea, sen deixar de lado a actual comarca leonesa do Bierzo. Estas comunidades deberan establecer políticas activas de relación para potenciar a cultura e as linguas (galego e portugués) así como a economía, a política e sobre todo a educación e a investigación. De xeito, para tentar esto mesmo que vimos comentando, xurdeu, en certa medida, o chamado EIXO ATLÁNTICO. Pero, coidamos que este organismo creado dentro da Unión Europea non está moi desenvolvido e as súas funcións adolecen de certa febleza. Todos nós deberamos ser conscientes do positivo que sería unha verdadeira relación nesta eurorrexión, conformada polos concellos de Galicia e do Norte de Portugal.
Lembramos a semana de Galicia en Portugal, celebrada en 1935 en Porto. Nas diversas actividades daquel evento participaron eminentes galeguistas entre os que salientamos a Vicente Risco, Filgueira Valverde e Fernández del Riego.
Filgueira mantivo contactos frecuentes co gran sabio portugués, o Dr. Santos Junior, que eu tiven a sorte de coñecer na miña nenez en Caldas de Reis. Filgueira fixo frecuentes viaxes a Portugal, moitas delas foron viaxes culturais cos seus alumnos do Instituto de Pontevedra.

Nunha nosa reciente viaxe ao Norte de Portugal, poidemos comprobar, unha vez máis, a súa riqueza cultural (artística, gastronómica,...). Paramos a comer e logo percorrer a cidade de Caminha, descubrindo algunha das súas xoias arquitectónicas e a súa interesante historia.
Tanto Galicia como o Norte de Portugal teríamos que promocionar un turismo de calidade e dar a coñecer os nosos bens culturais e paisaxísticos, aínda que dun xeito humanizado e equilibrado, respectando o medio ambiente e todos os bens históricos-culturais.
Formar axeitadamente aos profesionais da hostelería e aos axentes turísticos para aprender a tratar correctamente aos visitantes. (En Caminha, o trato recibido en algúns dos seus restaurantes non foi o máis adecuado, o que é mágoa; pois, a vila atesoura verdadeiros encantos, como a igrexa que podemos apreciar nas imaxes e da que imos dar algúns datos).

A chamada "igreja matriz de Caminha", a igrexa de Nosa Señora da Asunción ou dos Anxos foi construida nun período de tempo que se extende de 1488 ata 1556; polo que nela, podemos atopar distintos estílos artísticos e arquitectónicos, diversos estilos perfectamente harmonizados: o gótico final, nas súas expresións mendicante e manuelina, o estilo renacentista e mesmo podemos atopar o "mudéjar". É unha xoia constructiva, moi fermosa. A padroeira é a "Nosa Senhora dos Anjos", cuxa imaxe podemos contemplar nunha das fotografías que ilustran esta entrada. O conxunto foi declarado como Monumento Nacional polo Decreto de 16-06-1910.

No hay comentarios: