viernes, 18 de noviembre de 2011

AFECCIÓN POLA HERÁLDICA





Estudiabamos, cando eramos uns mociños, alá en 3º e 4º do antigo bacharelato elemental, na década dos setenta do pasado século que había unhas ciencias auxiliares da historia, como a xeografía, a cronoloxía, a numismática, a epigrafía, a heráldica,... A min sempre me atraeu a heráldica, aínda que confeso a miña supina ignorancia no tema, aínda que me guste.

O pouquiño que sei, transmítollo cada ano, no primeiro trimestre do curso a uns alumniños e alumniñas de sete anos, que prestan moita atención e aprenden catro cousiñas, unha moi pequena e moi somera introducción á heráldica.

Programamos un PASEO POR VILAGARCÍA. Empezamos pola rúa Vista Alegre, avanzamos e paramos fronte ao muro do convento das relixiosas "Agustinas Recoletas", o que está preto das escalinatas que van cara o Montiño e o Castro de Alobre, berce da cidade, e descuberto e estudiado por Fermín Bouza Brey. Alí explícolles como recoñecer os escudos eclesiásticos, observando os tres que alí podemos observar. Escudos cos seus bordóns (que eles chaman cordiñas con nudos). Camiñamos un pouquiño máis e examinamos a fachada da igrexa conventual e topamos con outro escudo eclesiástico. Dígolles que os edificios antigos fálannos cos seus símbolos de pedra, como os escudos que nos falan de personaxes e da súa xenie. Xirámonos e miramos cara as fachadas dos edificios que forman parte do Pazo de Vista Alegre, o pazo dos marqueses de Vilagarcía e encontramos outro tipo de escudos, os escudos civís, mirámolos ben e por contraste recoñecemos as súas diferencias cos eclesiásticos; os escudos civís ("non teñen cordiñas con nudos") e estes rematan cunha coroa, neste caso a coroa de marqués. Dun xeito sinxelo aprenden a distinguir os dous tipos de escudos e que hai máis coroas que as de rei e que son distintas.
Fixáronse máis detidamente nos escudos, nos que quizais antes non repararan e que Vilagarcía ten a súa riqueza heráldica, malia os nobles e antigos edificios que se teñen destruido.
Logo fixámonos na placa que hai no muro norte da igrexa conventual, onde se fala de D. Fernando de Andrade y Sotomayor, que chegou ser arcebispo da arquidiócese de Compostela, pertencía á familia do marquesado de Vilagarcía, foi o fundador do convento e da igrexa de Vista Alegre, os escudos son os seus escudos; así queda a testemuña histórica do seu nome e apelidos nos muros destes edificios antergos do século XVII, dos poucos que quedan en pé en Vilagarcía, sobre todo os de carácter civil.

Deixamos a rúa Vista Alegre, cruzamos o río do Con, atravesamos a rúa Castelao, a praza de Galicia, a rúa Rey Daviña, Castor Sánchez; por fin, chegamos á Casa do Concello, onde nos recibiron o Sr. Alcalde, a Sra. Concelleira de Educación e o Auxiliar de Protocolo, fomos recibidos no Salón Noble do Concello. Alí dannos explicacións sobre o escudo de Vilagarcía, coa súa coroa real, os distintos cuarteis: o superior coa representación dos tres castros, a chave, o pino e as frechas, o barco, a espada sobre fondo vermello, que indica as loitas patrióticas pola defensa da cidade (sobre todo a Guerra da Independencia, 1808-1809),...

Os nenos descubriron un mundo novo e abraiante; o dos escudos, o da heráldica. Cando teña máis tempo afondarei nesta ciencia auxiliar da historia.

Regresamos, non sin antes pasar por diante da igrexa parroquial de Santa Eulalia de Arealonga, igrexa barroca, que na súa fachada principal ten dous escudos xemelgos, que xa nos soan, porque son da familia do marquesado de Vilagarcía, xa que o arcebispo de Andrade y Sotomayor foi promotor e sostén da súa construcción. Na fachada de entrada á capela do Pilar ou de San Miguel atopamos un escudo eclesiástico. Así, finalmente, podemos repasar os sinxelos contidos sobre escudos civís versus eclesiásticos.

Oxalá algúns destes meniños e meniñas poidan chegar a ser historiadores expertos en heráldica. Nós pretendimos espertar o interese por coñecer un pouco a súa cidade e poder albiscar o que nos contan as pedras que tamén falan e contan as súas historias.

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

- Viana Martínez, Víctor, Clopés Burgos, Juan José: EL ARZOBISPO ANDRADE, UN VILAGARCIÁN ILUSTRE. Pontevedra, Concellería de Cultura / Concello de Vilagarcía de Arousa, 2004.

- Naveguen pola WEB do CEIP O PIÑEIRIÑO:

www.centros.edu.xunta.es/ceipopineirino

No hay comentarios: