Foto de
El Correo Gallego
Sempre é triste a despedida dunha persoa e máis esta despedida podemos dicir que definitiva. Agustín naceu en Vilalba en 1947, levábame dez anos, e o seu pasamento neste 2016 na cidade onde traballou e viviu a última etapa da súa vida, en Vigo. Admiraba a Agustín como escritor e como docente, non sei o que é primeiro, o que si que o seu oficio de docente imprimía un toque especial á súa obra. Coñecía ben a quen se dirixía na súa grande obra de literatura xuvenil. Aínda que é moi difícil encadrar a obra literaria. A obra é para quen a le e eu teño disfrutado moito meténdome nas historias de Agustín. Aquela primeiriza e premiada co Merlín,
As flores rediactivas. Tamén destacaría
Contos por palabras e
Rapazas como tamén atopo moi interesante e recomendable,
Trece anos de Branca e non me podo esquecer da desacougante historia de
Cartas de Inverno. Agustín fuxía da recomendación ríxida de libros de lectura, nas súas clases deixaba caer, como quen non cree a cousa, variados menús con moitas propostas de lectura e animaba aos seus alumnos a que propoñesen tamén os seus suculentos menús. Fóisenos un gran autor en lingua galega, un home que gozaba e facía gozar coa lectura e coa escritura.
Tiñamos afeccións comúns, ademais da lectura, diríamos outras lecturas, o mundo do cine e o universo do cómic, os dous valorabamos extraordinariamente o albume de Hergé
As xoias da Castafiore e dos seus textos teóricos subliño:
Para lermos cómics e
Os cómics nas aulas. E logo destacaría as súas recomendacións en
Os libros infantís galegos.
No principio dos anos 90 colaborei con Agustín e con outro gran mestre, Miguel Barros na organización de xornadas, cursiños e demais actividades para os Equipos de Normalización Lingüística percorrendo colexios da comarca de Arousa e da zona de Pontevedra e Vigo, compartindo ideas, programacións,... El poñía moito empeño no que facía e desexaba facer os cousas moi ben. Por iso dedicamos xeiras aos cómics, aos periódicos e revistas escolares, ao traballo na nosa lingua, á descuberta da nosa literatura, a motivar para ler e escribir en galego. Intentando amar fondamente a nosa lingua e a nosa literatura. El entregoulles a súa vida con paixón e con amor. Se queredes saber cal era o seu modelo de escola e a educación na que el cría, lede a súa entrañable:
A escola dos piratas.
E remato esta lembranza dun home que me fixo máis rico ao contaxiarme o seu entusiasmo pola nosa literatura, mantiven con el varias entrevistas sobre libros no desaparecido
Curruncho dos libros dos magazins sabatinos de Radio Arosa - SER e inviteino a manter encontros literarios coas comunidades educativas dos colexios O Piñeiriño e A Escardia de Vilagarcía, e ofrezo, finalmente, un menú da cociña do amigo que se foi para o mundo misterioso do alén, este sería un dos posibles, que todos o disfrutedes, é grazas a Agustín Fernández Paz, cando o degustedes, lembrádevos del.
In memoriam.
- Obra poética completa de José Valente.
- Arraianos de Méndez Ferrín.
-
A illa misteriosa de J. Verne.
-
A illa do tesouro de Stevenson.
-
Morning Star de Xosé Miranda.
-
Rebeldes de Susan Hinton.
-
O vixía no centeo de Salinger.
-
A metamorfose de Kafka.
Que aproveite!