lunes, 25 de julio de 2016

A FARSA DAS ESPADAS - CARRIL-25-07-2016-19:30 H.

Todo está preparado para comezar

O párroco de Carril efectúa os pasos de rigor

Os farsantes en acción diante da imaxe de Santiago

Xa lle temos dedicado en outras oportunidades a nosa atención a este acontecemento cultural que mantén vivo o pobo de Carril. Trátase da coñecida farsa da Danza das Espadas, que efectúan na honra do Santo Patrón o día sa súa festa, dita danza que ten unha antigüidade de máis de catrocentos anos goza de moito apoio do pobo de Carril que a mantén viva. Trátase dunha danza de orixe gremial, tema que teñen estudado grandes etnógrafos e antropólogos galegos. Filgueira Valverde fala das danzas brancas, vinculadas moitas delas ao mundo do mar, consérvanse hoxe, por exemplo en Redondela e en Marín. Son moi fermosas e populares, de grande riqueza etnográfica e antropolóxica, dignas de estudo e de eloxios. Nos damos os nosos parabéns ao pobo de Carril  por manter viva esta tradición dos devanceiros, que sigan mantedo a farsa por sempre. Conversando un pouco máis das oito da tarde co meu amigo, o etnógrafo Carlos Rey Cebral, precisamente sobre as orixes e a antigüidade desta farsa, manifestoume que hai documentación dela desde o século XVI, pero que seguramente será moito máis antiga.

Persoalmente, a min gústame moito esta tradición carrilexa, igualmente era moi do agrado do meu querido e lembrado pai, Germán Torres Painceira, quen me ten falado moito dela, gozaba moito véndoa danzar, como tamén me ten informado doutras moitas cousas do noso querido Concello de Vilagarcía de Arousa. Sirva esta entrada como lembranza e homenaxe paterna. Sempre hai forma de facer presentes aos devanceiros, a farsa de Carril é unha forma máis, e unha forma moi artística e valiosa. É unha danza de grupo, comunitaria, onde os individuos colaboran e unidos e perfectamente coordinados logran o seu fin. Que llo digan aos carrilexos que hoxe nola ofreceron, cantos ensaios, canto esforzo persoal e social? Todo nos fala da unidade dos mariñeiros, da unidade na confraría; a unión fai a forza, e xuntos, un pobo consigue o que quere, como manter este centenaria e fermosa tradición.

No hay comentarios: