Mostrando entradas con la etiqueta Xermán Manuel Torres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xermán Manuel Torres. Mostrar todas las entradas

domingo, 26 de octubre de 2025

CRÍTICA REPRESENTACIÓN GRUPO TEATRO ANÓNIMO: MEDEA - Auditorio de Ribadumia, 19-10-2025 20:00

 



CRÍTICA TEATRAL

SÍNTESE DA TRAMA:

As desgrazas de Medea non minguan o seu forte carácter e as súas firmes resolucións de por en marcha a súa sede de vinganza nin da renuncia polo seu grande amor, por Jasón, por quen mata e por quen morre.
Versión baseada no mítico personaxe clásico da traxedia grega e da súa tráxica e accidentada existencia.

REPARTO POR ORDE DE APARICIÓN EN ESCENA:

- Manuela Hermida
- Popeta G. Gregorio
- José Rodríguez
- Fernando Oubiña

DIRECCIÓN: Fernando Oubiña

GRUPO: Teatro Anónimo


DIÁLOGOS:

O peso desta versión teatral reside nos diálogos e nos monólogos, que constitúen a súa base. Coidada e grandilocuente expresión lingüística, que nos fai lembrar que estamos diante unha obra de corte clásico. Grandes parrafadas dos protagonistas que nos poñen en situación e nos van narrando e desvelando esta triste e arrepiante historia, baseada na traxedia clásica grega.
Boa expesividade lingüística, excelente dicción con boa entoación, con boa altura e timbre de voces, que fai que se escoite e entenda perfectamente o parlamento de cada un dos catro actores.




TRABALLO DRAMÁTICO DOS ACTORES:

- Xa está referida a boa expresión lingüística, así como a excelente entoación, claridade e axeitada altura das voces, a ton con cada personaxe, enténdendose e escoitándose perfectamente as voces das dúas actrices e dos dous actores. Gran esforzo na memorización e subsanados excelentemente os pequenos erros de memoria, que pasaron de forma axeitada desapercibidos, anque os houbo. Coidada expresión nos diálogos e monólogos, acertados para o tipo de obra da que se trataba.



TRABALLO DE DIRECCIÓN:

O director Fernando Oubiña, coa súa longa experiencia no mundo da farándula e do espectáculo amosa un claro dominio da linguaxe dramática e do xénero dramático. El foi fundador do grupo Teatro Anónimo, foi un activista cultural de Paradela de Meis, valedor e sostedor das representacións vivintes da Paixón de Cristo, na Semana Santa da parroquia de Paradela, durante moitos anos representou o papel de Cristo nesta popular representación da Paixón na Semana Santa da parroquia; el foi o artífice da posta en marcha e do mantemento desta coñecida e recoñecida recreación da Paixón ao aire libre.
Nesta obra nótase o peso da experiencia de Fernando, domina a técnica teatral e os recursos de expresión dramática, nas súas distintas modalidades: técnicas de actuación (el mesmo é un grande actor, que tamén o amosa nesta obra), escenografía, iluminación, son, efectos especiais, vestiario, caracterización, marketing, difusión,... El éo todo nesta obra, sen el nada sería posible. Parabéns Fernando, segue así por moitos anos, homes de teatro coma ti necesitámolos na cultura galega, o teatro popular na comarca do Salnés débeche moito. Grazas.

    



- EXPRESIÓN CORPORAL:

Popeta no papel de Medea, que interpretou de forma maxistral, adoptou boa expresividade facial, desprazamentos axeitados polo escenario, enchía a escena, ás veces, un pouco esaxerados. Revisaría o excesivo braceo para facelo un pouco máis natural. Mais, tratouse dunha súa extraordinaria actuación, que como protagonista principal levaba o peso da obra.

Manuela Hermida fixo un papel extraordinario como ama de Medea. Cunha expresión e movementos moi naturais e con moita versosimilitude. Gustoume moito a súa interpretación, moi crible.

José Rodríguez, no papel do rei Creonte estivo a un gran nivel ao igual que os seus compañeiros. Quizais un pouco estático e inexpresivo por veces, debería enfatizar un pouco máis.

Fernando Oubiña, no papel de Jasón, mantivo unha posición de dignidade do seu personaxe, cunha excelente expresividade. Ten madeira de actor e nótase a súa longa experiencia. Dou signos de verosimilitude e de grande actor.




- MOVEMENTO ESCÉNICO:

En liñas xerais, movementos mínimos e escasos no escenario, a acción e a narración véñennos dadas polos diálogos e polos monólogos. Moito estaticismo. Agás na última escena onde hai máis acción cos asasinatos dos dous nenos, que se nomean, pero que non aparecen en escena, o suicidio de Medea e axeitada queima do carromato. 
As dúas actrices pasan gran tempo sentadas nas súas banquetas a carón da fogueira. Non hai moita acción.
O acuchillamento da ama é pouco crible e inverosimil por un detalle que se pode subsanar. O puñal vese totalmente limpo sen rastro de sangue, podía coidarse este aspecto e traballalo por algún medio ou recurso que lle dea un maior senso de verosimilitude.
O que sucede sábese fundamentalmente por medio dos diálogos e dos monólogos, tal vez, un exceso de verbalismo.
Os asasinatos dos nenos e o suicidio de Medea por medio da tea transparente do carromato e do xogo da iluminación suxírense e intúense perfectamente, como tamén a forma de denotar a queima de todo o carromato. Foi un recurso moi axeitado e ben manexado.

- VESTIARIO:

Sinxelo e moi correcto, induce e nos sitúa ben no contexto da época, no mundo clásico. Nos parece moi axeitada a caracterización da ama e co seu caxato, un dos papeis, ao meu parecer máis logrados. Tamén a representación parécenos dignamente lograda, dándolle o aire que precisaba ao personaxe. Medea nunha caracterización dominante, revelando o poder do personaxe que enche o escenario, unha personalidade de xenio, de forza. A caracterización e vestiario de todos os actores merécenos unha valoración positiva, estaba consonte á natureza da cada uns dos personaxes, que podían identificarse ben.




- MAQUILLAXE:

Axeitada, moi natural. Gustounos o fondo de ollos dos actores que representaban a Medea e a Jasón, estaba moi logrado e acorde coa natureza dos personaxes. Ese fondo escuro facilitaba a expresividade facial e outorgáballe dignidade e clasicismo aos personaxes.

- ESCENOGRAFÍA:

Na liña do minimalismo do teatro actual. Poucos elementos e economía de medios que non restan realismo e versosimilitude ao que ocorre no escenario, hai un xogo coa denotación / connotación.
Existían tres grupos de elementos que daban unha boa representación e nos situaban onde estabamos.
1.- A fogata coas banquetas, os caldeiros e a simulación do lume, paréceme correcto, tal vez incluiría un efecto de fume e de arrecendo, nun efecto sinestésico. Luz, arrecendo-cheiro, son... habería que xogar coa sinestesia e cos sentidos para favorecer a versosimilitude. Estes elementos de primeiro plano ocupan o centro da escena onde ocorre gran parte da acción.

2.- A carreta, recurso ben deseñado. Coa forma da carreta e co xogo das transparencias e dos efectos de luz e sombras, que permiten intuir e captar o que alí sucede. Algo importante para o desenlace da obra.

3.- O tendal coa roupa complementa a idea do lugar do exilio, da marxinación e do paso.

ILUMINACIÓN:

Tamén minimalista e sinxela, favorecendo á verosimilitude e a intuición do que pasa. Os tons escuros predominantes coinciden co ton da obra. A iluminación que se focaliza en Medea reforza e magnifica a grandilocuencia do personaxe. As transparencias, o xogo de luz vermella e sombras no carromato permite captar e denotar o que se quere narrar.

SON:

Nítido e claro. Escoitábase perfectamente e dun xeito natural, sen estridencias. A sala parece ter unha boa acústica e unha boa dotación de materiais de son o que permitiu seguir, escoitar e entender perfectamente os parlamentos dos actores.
A ambientación con música galega, de temas populares facíanos volver a realidade e establecía unha conexión de tempos o da ficción coa realidade do público, axudaba a contextualización, dando un salto, conectando o mundo clásico coa realidade actual. E que os grandes conflictos, os problemas das xentes, as emocións e os sentimentos son algo universal e común ás distintas culturas, aínda respectando as características propias de cada pobo e e as diatancias de tempo / lugar.

Falando de recursos técnicos eu botaría man da sinestesia, combinando efectos visuais, acústicos, olfativos. Poñer en xogo o máximo de sentidos, acordes co que sucede no escenario.

Globalmente unha actuación de dez.




AFORO: O Auditorio Municipal de Ribadumia ten un aforo de 346 espectadores e unha superficie de dous mil metros cadrados. Foi inaugurado o 27/04/2007, sendo alcaldesa Salomé Peña e Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra Rafael Louzán. Un auditorio moi digno para o que é a poboación total de Ribadumia. Mais, hai que fomentar a asistencia ao teatro e demais actos culturais e artísticos.
Asistencia de público o día de hoxe na representación de Medea, moito menos de 1/4 de entrada.

Acollida moi favorable do público asistente desta formidable representación que nos ofreceu Teatro Anónimo, tendo que saír a saudar varias veces os actores e as actrices diante dos repetidos e entusiastas aplausos do público.

E veño sostendo desde hai xa moitos anos que hai que apoiar moito máis ao teatro en lingua galega e ao teatro en xeral. O teatro é moi positivo para todos, favorece a expresión e a expresividade e serve como catarse colectiva.

ARRIBA O PANO!









domingo, 6 de octubre de 2024

lunes, 24 de abril de 2023

CASTRO LABOREIRO, ONDE A ACOLLIDA E A SOLIDARIEDADE IDENTIFICAN A UN POBO (I)








Os días 21, 22, 23 deste mes de abril de 2023, tiven a sorte de descubrir un pobo fermosísimo: CASTRO LABOREIRO, cunhas impresionantes paisaxes de montaña. Un pobo moi interesante por moitos motivos históricos, antropolóxicos,... Un pobo da raia portuguesa, doutro lado o pobo de ENTRIMO da provincia de Ourense. A Raia crea vínculos coas xentes dun e doutro lado con historias de contrabando, de refuxiados,... de vivencias inesquecibles.

Pero, descubrín que a maior riqueza do pobo de Castro Laboreiro, pertencente ao Concello de Melgaço do fraterno PORTUGAL é a das súas xentes, persoas acolledoras, solidarias. O demostraron amplamente cando por mor da nosa triste Guerra Civil (mellor Incivil) do infausto ano de 1936, un ano que nos marcou a fogo, acolleron aos pobres refuxiados galegos, que escapaban da barbarie e da senrazón dunha represión cruel e dunha posterior criminal ditadura. Entre eses refuxiados e guerrilleiros houbo moitas mestras e moitos mestres perseguidos e represaliados. E foron acollidos, ocultados e defendidos polo exemplar e heroico pobo de Castro Laboreiro. Serva esta humilde entrada para amosar agarimo, respecto e admiración por estes nosos irmáns portugueses.

Brindoume esta inesquecible vivencia o Programa de Doutoramento de Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coordinado polo recén reelexido Decano, o Dr. Cid Fernández, que ademais é o meu director de tese. Agradézoche que me facilitara esta grata e ricaz experiencia, aparte doutras moitas que xa temos vivido. Desenvolvemos o día 21, en Castro Laboreiro, un Seminario de Intercambio sobre teses doutorais.

Mais, como o Dr. Cid é un home polifacético e dinámico, aproveitamos a oportunidade para celebrar alí mesmo os días 22 e 23 o XXXIV ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS DE EDUCADORES POLA PAZ, organizado pola NOVA ESCOLA GALEGA (con múltiples actividades, mesas redondas, puntos de encontro, un excelente roteiro por Castro Laboreiro para amosar os lugares en que foron ocultos e protexidos os nosos refuxiados e guerrilleiros, naqueles momentos de tanta penuria e miseria en ambos os dous lados da raia, e tamén un interesante acto do Couto Mixto, como foi a admisión como académica da Academia de Ciencias Sociais do Couto Mixto, da antropóloga e profesora portuguesa Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, que pronunciou un extraordinario discurso, que foi respostado polo presidente do Couto Mixto, Luis García Mañá. Tamén tivemos unha festa da Paz, onde o pobo de Castro Laboreiro agasallounos nun seu rancho, con ledas músicas, cantos e danzas, onde chegamos a participar todos cos nosos extraordinarios anfitrións, dos que estaban á fronte o inesquecible experto historiador do pobo, Américo Rodrigues, a quen acompañaba a Presidenta da Junta da Freguesía de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro.

TESTEMUÑA GRÁFICA



Os profesores Antón Costa, Cid e Xosé Manuel Malheiro

Xosé Manuel Malheiro e Antón Costa


O profesor Antón Costa Rico disertando sobre o mestre republicano Luis Soto, quen estivo refuxiado en Castro Laboreiro


Foron tres días moi intensos, cheos de emoción, de convivencia e de fraterna relación entre irmáns portugueses e galegos e tamén dalgún asturiano que andaba por alí. Iremos dando conta en outras próximas entradas.














 

lunes, 13 de febrero de 2023

PETO

Obra plástica de PLATIS

FLASH DUN VERÁN

Xermán Torres

Peto, In memoriam

 

Na praia de Compostela nun solpor de calquera día dun verán da década dos 70 do pasado século XX.

A néboa do tempo tan só me permite contemplar a catro de entre outros mociños xuntos, sentados na daquela fina e dourada area da praia de Compostela.

Embaixo da terraza do Balneario vexo a Peto coa súa inseparable guitarra, ao meu curmán Alfonso con algunhas das súas frautas, Xulio coa súa non menos inseparable cámara fotográfica, máis eu coa miña frauta doce e coa miña harmónica.

Parolabamos do divino e do humano, sobre todo de música e faciamos soar os nosos instrumentos, sobre todo Peto, era un virtuoso coa guitarra. Pasabamos as longas e cálidas tardes de verán na nosa praia. Estabamos placidamente alí ata a noitiña. Incluso nos temos bañado nalgunha daquelas madrugadas de mocidade.

Eu pedíalle a Peto, tócaa para min, amigo Peto, tócaa outra vez... e interpretaba maxistralmente na súa guitarra para min, porque sabía que me gustaba moito A casa do sol nacente de Animals. E así pasabamos de vagar aqueles pracenteiros seráns da canícula arousán dun tempo pasado, perdido; mais inesquecible.

Agora, alá, no alén, Peto interpretará para sempre, nun tempo sen fin calquera canción nos seus máis de trescentos instrumentos de corda de case todas as latitudes. Quizais A casa do sol nacente de Animals...


 

lunes, 21 de noviembre de 2022

COLEXIATA DE SANTA MARÍA DEL MERCADO DE BERLANGA DE DUERO

Casa do Concello de Berlanga


 Berlanga de Duero é un concello e unha vila da provincia de Soria na Comunidade Autónoma de Castela-León. Constan nesta zona poboamentos da etapa prehistórica; pero, a vila cobra singular importancia na etapa medieval, onde os Tovar e os marqueses de Berlanga chegan a ter moito poder e influenza ao vincularse e relacionarse estreitamente cos Condestables de Castela.

Unha das prazas


Berlanga posúe unha enorme riqueza patrimonial. Nós ímoslle prestar especial atención á Colexiata de Santa María del Mercado xa que fixemos unha visita moi detida e un percorrido moi atento por tan impresionante monumento o sábado, 22 de outubro de 2022.

O impoñente castelo


Pero, entre outros tesouros patrimoniais, tamén contemplamos dun xeito máis xeral o Castelo, que preside este fermoso e interesante pobo. Tamén e digno de especial interese o Pazo dos marqueses de Berlanga.

Foi a parte cultural da nosa visita ao CEINCE, ao que xa lle temos dedicado unha entrada.

A Colexiata é construída grazas ao apoio económico e ao interese dos Señores de Berlanga, titulares do Castelo e da estirpe dos Tovar e co fin de afianzar o seu poder e a súa influenza e vinculacións coa Igrexa.

Altar maior da Colexiata


O arquitecto da obra é Juan de Resines. É un templo de estilo gótico-renacentista. Impresionan as súas naves e principalmente a súa nave central cunhas extraordinarias e grandes columnas que semellan unhas enormes palmeiras, que sosteñen unhas fermosas bóvedas.



Destacar o coro de madeira cos 63 asentos para os cóengos, estando só decorado o dedicado ao prior, que consta con dúas esculturas que representan a San Pedro e a San Paulo.



O altar maior está presidido pola escultura tardorrománica da Virxe do Mercado de fins do século XII. O retablo de estilo churrigueresco de madeira de pino sen policromar, datado en 1704. Cunha pintura no centro que representa á Asunción de María, atribuída a Antonio Palomino. Sinalar, finalmente, o retablo hispano flamenco da capela de Santa Ana.





Como curiosidade, preto da porta norte e no interior amósase o “Lagarto de Frei Tomás”, trátase dun caimán negro desecado que foi traído de América por frei Tomás de Berlanga en 1543. Frei Tomás foi o terceiro bispo de Panamá, quen chegou ser conselleiro de Carlos V e descubridor das Illas Galápagos.


Capela das tumbas dos nobres xemelgos

Sarcófagos dos nobres xemelgos




(Foi posible a redacción destas liñas grazas ás exhaustivas e amplos datos ofrecidos polo guía da Colexiata que nos acompañou no noso percorrido ese día).

 

E todo tivo lugar grazas á viaxe formativa e informativa a Berlanga de Duero organizada polo Dr. Cid Fernández, Decano da Facultade de Educación e de Traballo Social do Campus Sur de Ourense da Universidade de Vigo e pola acollida e as suxestións do Dr. Escolano Benito “alma mater” do CEINCE e ilustre veciño de Berlanga de Duero.

sábado, 8 de octubre de 2022

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (FINAL)

 O COLEXIO O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

Nunha excursión de 8º de EXB, a mediados dos anos 90 do pasado século

Nunha sesión dun grupo de mimo que eu organizaba no meu querido colexio


“Volver la vista atrás es bueno a veces”

 

Mirar cara atrás para deterse a observar o camiño percorrido para revivir sobre todo as gratas vivencias e experiencias compartidas con tantas persoas (compañeiras e compañeiros, alumnado, familias, inspectoras e inspectores, autoridades educativas, querido conserxe e persoal de servizos) é algo gozoso e un exercicio de ledicia e de certa nostalxia.

Sucédeme isto ao lembrar os máis de 31 anos vividos na miña segunda casa, o CEIP O PIÑEIRIÑO da miña querida cidade natal. Dos 39 anos de exercicio no ensino público a maioría o foron no meu querido e lembrado colexio.

Sirvan estas palabras de cariño como a miña homenaxe á comunidade educativa de dito colexio, meu colexio. De recoñecemento a tantas queridas compañeiras e queridos compañeiros, ao alumnado co que compartín tan gozosas experiencias educativas e coas familias, miñas queridas e lembradas familias, cada unha coas súas peculiaridades e características. Tamén a relación co conserxe tan dilixente e disposto sempre a axudar, unha relación tan entrañable. Todos eramos como unha grande familia.

Cheguei alí o 1 de setembro de 1990, unha data que non esquecerei endexamais. O colexio impresionoume pola súa beleza, a súa amplitude, os seus xardíns, a súa luz. Foi a primeira impresión, as magníficas e coidadas instalacións. Despois fun coñecendo ás persoas, o máis importante.

Empecei impartindo Lingua e Literatura Galega e Relixión na segunda etapa (6º, 7º, 8º) da antiga E.X.B., logo, máis tarde, pasei a encargarme algúns cursos de 1º e 2º da Educación Primaria, etapa engaiolante por ser a do traballo na consolidación do proceso da lectura e da escritura, que a min tanto me gustaban.

Desde o 1 de setembro do 2000 e ata a miña prexubilación o 1 de xaneiro de 2022 encargueime da Xefatura do Departamento de Orientación, sendo o primeiro orientador do Centro, así como do CEIP A ESCARDIA e da Escola de San Pedro de Cornazo, centros dos que tamén gardo moi grata lembranza.

Foron moitas as actividades desenvolvidas nestes felices e lembrados anos, ademais dos actos educativos e función orientadora cotiás, realizábanse no colexio moitas actividades extraescolares e complementarias; vou sinalar algunhas das que máis pegada deixaron en min:

-          A posta en marcha do grupo de teatro escolar “Brétema”, con tan excelentes montaxes e representacións que realizamos, recibindo varios premios. As viaxes con este grupo.

-          O obradoiro de mimo e monicreques, especialmente dirixido ao alumnado de Educación Infantil, etapa tan querida e apreciada por min e onde tan ben o pasei!

-          O Coro Escolar, co que fomos premiados no Concurso de Vilancicos de Vilaxoán, cantamos algunhas misas na Residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa, que tamén visitabamos periodicamente para compartir panxoliñas no tempo de Nadal. Tamén participamos cun repertorio de cantigas galegas nas homenaxes organizadas pola Mesa das Verbas e o Concello ás personaxes ás que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. As viaxes culturais con este grupo.

-          Os percorridos para ir coñecendo Vilagarcía, deténdose dun xeito moi sinxelo para coñecer os escudos de Vilagarcía, rudimentos da heráldica para aprender a distinguir os escudos eclesiásticos dos civís, actividade desenvolvida principalmente con 2º de Ed. Primaria.

-          O traballo na Biblioteca Escolar, conseguindo que entrara no PLAMBE, de mellora de bibliotecas escolares patrocinado pola Consellería de Educación.

-          A posta en funcionamento e desenvolvemento da Escola de Pais e Nais.

-          A colaboración na posta en marcha e funcionamento da Robótica Educativa.

-          E as numerosas visitas culturais e excursións. As de fin de curso e fin da EXB cos oitavos, as de fin de Primaria cos sextos, as visitas anuais ao Museo de Pontevedra e ao Museo do Pobo Galego, visitas á Casa das Ciencias, Casa dos Peixes e Domus na Coruña, visitas e encontros con escritores como Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa en Grés – Vila de Cruces, visita ao centro de escritores como Manuel María, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xesús Alonso Montero,...

-          Sinalar como moi importante no centro o coidado do medio ambiente. Mantemento dos xardíns, acuarios, charca, paxareiras,...

-          E os obradoiros e circuítos científicos, literarios e lúdicos que se organizaban nalgún momento no colexio, como na festa de fin de curso.

-          A preparación dos números do xornal escolar O REDACTOR e  O REDACTOR DIXITAL.

-          Os momentos de convivencia e festa, as Romarías das Letras Galegas, as comidas campestres do profesorado á fin de curso, celebradas moitas veces en Fontefría, os actos de conmemoración por toda a comunidade educativa co gallo do XXV aniversario do Centro.

-          Os banquetes pola xubilación de compañeiras e compañeiros.

 E tantas outras que sería difícil enumerar aquí.

Foron moitos anos de convivencia e de labor docente neste fermoso colexio O PIÑEIRIÑO, instalado no popular barrio homónimo, tamén coñecido como As Pistas.

Meu cariño e miña lembranza a esta comunidade educativa que para sempre levarei dentro do meu corazón. Longa vida e feliz vida docente para O PIÑEIRIÑO!!!     









viernes, 24 de junio de 2022

XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE OU O SENTIDO RELIXIOSO DA VIDA

 

Filgueira Valverde na procesión do Corpus de Pontevedra en 1947

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) foi desde neno ao igual que a súa familia un home de fonda fe relixiosa. Ese sentimento relixioso foi unha constante na súa vida e unha opción preferente, anteposta a calquera outra cuestión ou perspectiva da vida. A vivencia coherente da súa fe cristiá foi un compoñente esencial da súa existencia; por iso pode ser encadrado na corrente do humanismo cristián.

A súa nai, Araceli Valverde Yaquero (1870-1946), foi unha muller de gran sentimento relixioso, dunha práctica moi estrita e austera, chegou a profesar na congregación das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl e prestou os seus servizos e o seu apostolado no Hospital Provincial de Pontevedra, onde chegaría a coñecer a Xosé María Filgueira Martínez (1871-1938), querido e recoñecido médico humanista de Pontevedra co que casa en 1903, D. Xosé Mª antes de dedicarse á Medicina, realizou estudos eclesiásticos no cenobio bieito de Tenorio e cursou tamén os estudos de Filosofía no Seminario de Tui, tal como tamén recoñece Xosé Núñez Búa, de grato recordo en Vilagarcía de Arousa, no seu libro Revoeira (1971): D. Xosé Mª “abandonou o hisopo polo termómetro”. Os pais de Filgueira Valverde son determinantes na súa educación que tiña moi en conta o factor relixioso e a vivencia da fe católica. El chega a recoñecer e a valorar como unha homenaxe que os seus primeiros e mellores mestres foron seus pais.

Filgueira Valverde recibiu o sacramento do Bautismo na mañá do día 1 de novembro de 1906 na igrexa parroquial de Santa María a Maior de Pontevedra.

Sendo un neno participa no convento dos franciscanos de Pontevedra na catequese do padre Luís María Fernández (home de gran cultura e de amplos coñecementos musicais).

Fai a súa Primeira Comuñón o día do Sagrado Corazón, na igrexa de San Bartolomeu o 30 de maio de 1913. E axiña entra en contacto cos xesuítas exclaustrados e expulsados de Portugal que lle transmiten moitos coñecementos, os primeiros contactos coa obra de Camoens, da que chegará ser unha autoridade e tamén lle ensinan un método de lectura veloz.

Ten mestres e amigos de grandes conviccións relixiosas como Antón Losada Diéguez (1884-1929), seu mestre querido e admirado; Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)  e o polifacético Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971) con quen e inspirados no filósofo e teólogo galego Amor Ruibal idean e manteñen unha revista galega de pensamento cristián Logos (1931-1936), á que podemos considerar como un antecedente da revista actual Encrucillada, na que tamén chega a colaborar e que foi fundada e dirixida polo teólogo galego Andrés Torres Queiruga (1940), a quen tiña en alta consideración Filgueira Valverde.

Un dos seus mellores amigos e condiscípulos Luís Pintos Fonseca (1906-1959) chegaría ser sacerdote e entraría en contacto con el no ano 1917, cando coinciden como alumnos do Instituto de Pontevedra, do que ambos os dous chegarían ser profesores. Compartindo entre eles unha formación lateral, influíndose mutuamente.

Filgueira Valverde participou desde sempre e moi activamente na vida relixiosa da súa cidade natal. Andando o tempo e xa como catedrático de Lingua e Literatura Española e director do Instituto de Pontevedra crea nos anos 50 do pasado século XX a Confraría do Espírito Santo coa que participa moi activamente na Semana Santa pontevedresa e que recibiu a aprobación eclesiástica por parte do seu bo amigo o tan lembrado cardeal galego Fernando Quiroga Palacios (1900-1971), que sendo un noviño sacerdote colaborara na xa citada revista Logos.

Tamén pertenceu dun xeito moi activo á Conferencia de San Vicente de Paúl, sendo nesta asociación relixiosa benfeitor e visitador de pobres. Acompañaba asiduamente ao Viático para consolar aos enfermos e moribundos.

Desempeñou un papel determinante na consideración e creación de Real Basílica para o templo da súa querida parroquia de Santa María, do que era un experto e amplo coñecedor, sendo autor de interesantísimas monografías de dita igrexa e parroquia dos Mareantes.

Falamos de amizades de dignidades relixiosas, mais non podemos esquecer nin deixar de citar o seu agarimo especial polo arcebispo compostelán, tamén de grata lembranza, Manuel Lago González (1865-1925), quen foi elixido membro do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), organismo cultural da máxima importancia para Galicia e do que foi artífice e máximo valedor Filgueira Valverde.  

Cando crea o seu propio fogar (1938) imprímelle un carácter moi relixioso, compartido coa súa dona María Teresa Iglesias de Oscáriz (Lugo, 1908-Pontevedra, 1995), quen era unha gran devota do rosario ao igual que a súa primoxénita Araceli. De sempre, no fogar Filgueira-Iglesias rezouse o rosario diariamente e acudíase en familia aos actos relixiosos.

Na visita do papa San Xoán Paulo II a Galicia en 1982, Filgueira Valverde acudiu ao aeroporto de Lavacolla para recibir ao papa como Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, asunto que lle causa grande satisfacción e escribe con tal motivo algúns ensaios e artigos xornalísticos.

E na magna obra escrita de Filgueira Valverde hai moitos escritos con alusións e de contido relixioso, foi un dos mellores expertos nas Cantigas de Santa María de Afonso X. A súa tese de doutoramento, xoia da literatura comparada, segundo lle teño oído ao profesor e erudito Xesús Alonso Montero (1928), está dedicada á Cantiga CIII (1935-1936).

O espírito relixioso e a conciencia cristiá determinan e configuran o devenir da vida de Xosé Filgueira Valverde, profesor humanista, a súa coherencia e fidelidade vital orientan a súa acción docente cara o humanismo cristián, que poñía por riba de todo e como centro á persoa. O alumnado era o esencial da súa extensa e produtiva vida docente (1928-1976).

Sempre tivo a máxima preocupación polas vidas, traxectoria e evolución do seu alumnado e das súas familias.

A súa coherencia e autenticidade relixiosa que antepoñía a calquera outra cousa supuxéronlle moitas ledicias e benestar persoal, pero tamén moitas incomprensións e rexeitamentos.

Nunha sociedade democrática deben respectarse ás persoas e aceptar o manifestar as propias ideas e a súa defensa pacífica. Filgueira Valverde foi un home tolerante e como humanista amaba ao ser humano e comprendía as súas grandezas e as súas miserias.