domingo, 30 de agosto de 2009

ESCOLA DE DANZA "PERLA DE AROSA"



En Galicia posuímos un rico folklore dotado de fermosas cantigas e de fermosas danzas. Lembremos o recoñecido cancioneiro recopilado por D. Casto Sampedro y Folgar e editado primorosamente por Filgueira Valverde como homenaxe póstuma ao seu querido e respectado mestre. Hai outros recopilatorios de grande valor e de distintas épocas e autores.
No traballo de investigación e de espallamento do noso folklore hai varias perspectivas ou enfoques, un punto de vista purista que trata de recoller as cantigas e as danzas dun xeito fiel, interpretándoas o máis parecido posible as súas orixes, respectando letras, músicas, ritmos, pasos, vestiario, etc. Outra máis recreativa, máis innovadora versionando con aires e formas novos e seguindo os avances, as tendencias e as técnicas máis modernas.
Ámbolos dous puntos de vista son perfectamente compatibles e aceptables e poden convivir sen ningún tipo de problemas. Cada un ten o seu propio campo de traballo, e ámbolos dous enriquecen a nosa arte nacida do pobo. Un deles trata de manter a pureza e o enxebrismo orixinal. O outro máis creativo e estilizado trata de actualizar e investigar enfoques novos.
Grupos representativos da primeira perspectiva serían os moitos e importantes grupos folklóricos tradicionais que existen en Galicia dende hai moito tempo.
Un dos representantes da segunda tendencia, das que hoxe falamos, e renovador da danza galega foi, o tristemente xa desaparecido coreógrafo, Rey de Viana e seu famoso e lembrado ballet, no que tantos bailaríns se formaron e levaron polo mundo adiante o nome da nosa querida Galicia.
Unha vez desaparecido o mestre, moitos dos seus discípulos fundaron e colaboraron con grupos e escolas de danza para honrar así ao mestre e perpetuar o seu estilo e o seu legado artístico.
Tal sucedeu con Elena Parada antiga bailarina do Ballet “Rey de Viana” e discípula do gran mestre, quen na década dos 80 funda e consolida en Vilagarcía de Arousa a coñecida Escola de Danza “Perla de Arosa”, que xa ten cumpridos os seus vinte anos co obxectivo de formar nenos e mozos tanto en ballet clásico (que Rey de Viana tomou como base de formación, inspiración e estilismo) como en danza galega, seguindo o estilo do grande artista.
En Vilagarcía de Arousa, dita escola é xa un referente e teñen saído varias fornadas de bailaríns que nun efecto multiplicador espallan, viven e sinten o estilo “Rey de Viana”.
Este grupo e a asociación que o ampara deberan contar co apoio e respaldo de todos e co soporte das autoridades para poder seguir cun traballo innovador e enriquecedor da danza galega contemporánea. Sen dúbida, contribúen a revitalizar o panorama artístico vilagarcián.

domingo, 23 de agosto de 2009

CORTEGADA, DEITADA NO MAR








É unha moi boa iniciativa do Concello de Vilagarcía de Arousa a de achegar aos cidadáns á fermosa Illa de Cortegada, pertecente ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, organizando visitas guiadas a este patrimonio natural de todos os galegos.
Cortegada, a “Corticata” da antigüidade, é mencionada na súa Historia Natural polo historiador romano Plinio o Vello, segundo nos confirma o noso amigo e historiador, Xosé Lois Vila Fariña. De feito téñense atopado preto da illa varios obxectos da época romana, como diversas ánforas que se atopan no Museo de Pontevedra, dun barco romano afundido na costa de Cortegada.
A illa estivo poboada dende antigo; obrigouse aos seus dezasete derradeiros poboadores a abandonala co asunto da “donación” da Illa de Cortegada ao rei Alfonso XIII co obxectivo de que se construise nela a residencia de verán da familia real. Adiantáronse os santanderinos e ofrecéronlle ao rei o pazo da Magdalena, que este aceptou, quedando o tema de Cortegada en mero proxecto, emporiso o rei non devolveu a illa, apropiándose dela e facendo un coto privado de caza. Durante moitos anos houbo un garda coidador e se concedían arbitrariamente permisos para poder visitala, case sempre a persoas pudientes e grandes magnates que viñan aquí de caza.
Andado o tempo, o herdeiro da coroa, D. Juan de Borbón, Conde de Barcelona, vendeu a illa a unha inmobiliaria por sesenta millóns de pesetas dos anos 80, en compensación ao Concello de Vilagarcía donoulle unha miseria de cartos para rehabilitar o antigo edificio de Aduanas para servizos comunitarios. A recuperación da illa para o dominio público foi un proceso moi laborioso e costoso, que puido completar a Xunta de Galicia baixo a presidencia do Sr. Pérez Touriño. A Illa de Cortegada é integrada ao fin no Parque Natural e o pobo pode disfrutar do seu dominio, aínda que a inmobiliaria, a parte de manchea de millóns que recibiu, reclama moito máis, alegando que só lle pagaron o solo e que lle deben o pago da madeira que alberga como riqueza a fermosísima illa, cando non se fan ben as cousas por parte de a quen lle correspondía, sucede o que sucede. E gracias á plataforma cidadá que tanto loitou pola recuperación da illa!

As cantigas populares e os poetas non deixan de cantar á Illa acostada no fondal do mar, á nosa Illa de Cortegada, mirade que ben dicía Álvaro Cunqueiro:
Si miña señor a i-alba de Arousa beilar
poñereille, belida, un ventiño no mar.
¡A dorna vai e ven
que meu amor ten!
Poñereille unha frauta e máis un reiseñor
¡unha longa soedade coma a do mar maior!
¡A dorna vai e ven
que meu amor ten!
Na illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor das mareas co seu remo na man.
¡A dorna vai e ven
que meu amor ten!
Poñereille unha gaita no bico da ría
¡unha abelaneira no medio do día!
¡A dorna vai e ven
que meu amor ten!

martes, 18 de agosto de 2009

VERBAS




RECHOUCHÍO.- Unha fermosa verba que ten como orixe unha onomatopeia: “chi”, que imita a voz dos paxariños. O diccionario define así este substantivo masculino: “Chío continuado dos paxaros e, por extensión, calquera tipo de son agudo e continuado e situación en que se produce”.
É unha palabra composta do prefixo re e o substantivo chío. Aínda que o rechouchío dos paxariños pode ser algo agradable no contexto, por exemplo, dunha carballeira á beira dun río nestes días calorosos do verán, pode converterse en algo molesto cando nos referimos ao barullo armado por parte de persoas berrando ou discutindo ou ao balbordo producido polos meniños ou meniñas coas súas voces agudas.
É unha verba sonora, agás o “a” posúe todas as vocais, levando o acento na vocal breve “i”, o que potencia o son agudo que remeda ao chío seguido dun paxaro.
A beldade da palabra, a súa sonoridade reflicte a vida natural; ás veces, case sempre, un queda abraiado pola grandeza e curiosidade da natureza e da linguaxe humana, o interesante da creación e evolución dos idiomas e mesmo o nacemento da linguaxe humana.
Pertencen á familia léxica desta verba: rechouchiar, rechoucheiro e as palabras fonte son chiar, chío.
Rematamos cunha selección de versos que inclúen as verbas das que fixemos referencia:

Co seu rechouchiar
os paxaros algareiros
a vida fanme aledar
preto dos vellos piñeiros.

Con estes seus rechouchíos
os fermosos paxariños
danme novos bríos
para seguir os meus azarosos camiños.
"Cóllense antre os paxariños
aqueles que millor trían.
Morre afogado antre as pallas
o pitiño que non chía.
Pois si vós foras pitiño,
dígovos, miña velliña,
que dese mal non morreras;
que chiar, ben chiarías." CANTARES GALLEGOS. Rosalía de Castro

jueves, 6 de agosto de 2009

XXIII CERTAME DE POESÍA "FELICIANO ROLÁN" - A GARDA / 2009







O noso admirado D. Xosé Filgueira era un namorado da poesía, e un bo poeta el mesmo, encadrado na poesía trobadoresca xunto cos seus amigos Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro e Xosé Mª Álvarez Blázquez. Comparto con eles a miña paixón pola poesía. Ás veces aventúrome neste campo, e hoxe vai o froito dese atrevemento, dous poemiñas, que foron agasallados co 1º Premio no XXIII Certame de Poesía “Feliciano Rolán”, organizado pola Agrupación Cultural Guardesa. Alí na Garda co motivo das Festas do Monte, organizouse o acto cultural de entrega de premios o mércores 5 de agosto de 2009 a partires das 21:30 h. Pasei uns intres moi ledos e agradables, no medio dun recital poético combinado cun concerto de piano a cargo de María Alonso, mestra gardesa. Julia Sobrino e todos os membros da Agrupación Cultural, o Alcalde e o Concelleiro de Cultura, o familiar de D. Feliciano Rolán, o público asistente foron uns magníficos anfitrións. O Certame e o acto de entrega de premios din moito dun pobo como o da Garda, que sabe honrar á poesía e a un eximio poeta como Feliciano Rolán. Moitos parabéns á Garda por saber conxugar nas festas actos culturais tan interesantes como e que vimos de mencionar.



DE PROFUNDIS

I

TRAVESÍA CARA NINGURES


Confusión, tristura…
quero marchar, fuxir
e non sei cara onde;
escapar de min mesmo,
afogar aos demos
que poboan a miña cabeza.

É a noite na miña alma,
hai escuridade na miña mente,
desasosego no meu espírito.

O meu eu abandoa o meu corpo,
non estou de acordo
conmigo mesmo;
non sei que facer,
descoñézome
e navego por augas turbias,
a miña vida é unha cloaca,
augas pestilentes circúndanme
e sigo a navegar cara a nada.


Hastío e ventos sen aire,
quero chegar,
destino descoñecido,
brumas, negras sombras,
berros inaudibles.
Alzo as miñas mans
Asideiro baleiro.

En ninguén nin en nada
me podo apoiar.
Angustia, nubes grises,
Día anódino
e sigo a navegar
sen rumbo,
sen orixe, sen destino.

Noite sen lúa e sen estrelas,
non hai mencer para min,
o barco á deriva,
de súpeto, alguén
fíxase en min,
seus ollos nos meus ollos,
sorrisos e verbas de acollida.
Sinto que o rumbo cambia,
desta travesía cara a nada
ao fin descubro
que existo,
que os outros me rodean
e interésanse por min;
algúns incluso me aman.

Despois do túnel escuro
albisco a luz,
a costa énchese de faros,
a rosa dos ventos
énchese de puntos.
O sextante reflicte
cos seus graos
a miña situación.

Xa hai un lugar de partida,
xa teño un lugar de destino
e alí estou eu,
quizais me agarde alguén;
quizais me agardes ti.










DE PROFUNDIS

II

PRECISAMENTE, NON UNHA BATALLA DE FLORES


Dame noxo contemplar as fermosas camelias
mentres no mundo morra un neno polo odio das guerras.

Inxustiza dunha aldea
ou dunha cidade destruída polas bombas.
Berros dos pais e bágoas de chumbo das nais.
Boicot ás guerras, xuntos racharémolo círculo
infernal da violencia.

Dame noxo contemplar as fermosas camelias
mentres no mundo morra un neno polo odio das guerras.

Casas feitas cascallos,
macetas de flores esnaquizadas,
o xardín destruído dos soños,
vidas segadas polas furias desatadas,
retrato dunha familia destrozado,
cristais, pedras, polvo,
berros e máis berros confundidos cos balbordos das batallas.

Dame noxo contemplar as fermosas camelias
mentres no mundo morra un neno polo odio das guerras.

Escolas esmagadas,
furor de primitivismo descontrolado,
vidas rematadas,
choros que firen,
mans alzadas ao ceo
de impotencia de seres maltratados,
humanidade perdida e
rostros que expresan fracaso,
angurias, penas; futuro hipotecado…
Marte que percorre campos de dor e de miseria.

Dame noxo contemplar as fermosas camelias
mentres no mundo morra un neno polo odio das guerras.

Esfollo unha camelia carmesí,
un pétalo por cada vida perdida
no absurdo das guerras,
endexamais as guerras.
Cada pétalo, como pingas de sangue derramado,
espálloo pola nosa Ría
en lembranza
de cada neno, de cada nena, de cada muller, de cada home
sacrificados pola envexa, polo rancor, pola violencia.
Dou un berro desgarrador
Para que se espalle polas ondas do vento
e do mar,
non máis guerras, non máis odio.
Boicot, non loitaremos, rebelarémonos
contra dos líderes violentos que nos dominan,
contras das causas espurias que provocan dor,
nunca nos dividiremos, nunca; boicot.

Dame noxo contemplar as fermosas camelias
mentres no mundo morra un neno polo odio das guerras.
Con pétalos de Albas plenas constrúo
unha pomba de PAZ.

Xermán Torres

jueves, 30 de julio de 2009

DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL (III)




Algúns veciños de Carril interesáronse pola nosa reportaxe sobre a Farsa / Danza das Espadas e indicáronnos que na comitiva hai nenos e nenas moi noviños, que era necesario poñer un límite de idade mínimo para participar. Moitos dicían que deberan participar mozos e mozas a partires dos 16 anos e os máis cativos observar e aprender para que se siga mantendo na memoria esta antiga danza; pero, que hai que regulala un pouco. E a xente que sabe do asunto que investigue para que se respecte ao máximo a tradición e non se cometan certas aberracións. Para algúns é negativo que os mantóns se leven como "pareos" parece ser que non era así. Sobre as faixas moitos comentaban que habería que estudar cando se introduciron as de cor vermello e amarelo. Non deixaban de comentarnos un sinfín de detalles e facernos moitos comentarios.


Sen ánimo de polémicas, para seguir a manter a pureza da farsa habería que estudar e documentarse, que se busquen fotos antigas, artigos de prensa, documentos de todo tipo. Na parroquia e na confraría é posible que se atope algún tipo de documentación.


Mais, sobre todo, parabéns para o pobo de Carril.

miércoles, 29 de julio de 2009

DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL (II)






Filgueira e moitos dos seus amigos e discípulos foron e son grandes defensores do patrimonio cultural e inmaterial de Galicia, constitúen un exemplo para todos nós. Filgueira era un intelectual de envergadura, sendo un modelo de científico humanista do que a nosa mocidade pode aprender moito. No seu tempo, Filgueira non puido disfrutar dos avances tecnolóxicos dos que gozamos hoxe; nembargantes, el fixo todo o posible e aproveitou os medios dos que dispoñía para publicar e dar a coñecer súa magna obra.
Despois deste breve limiar, porque nunca cansarei de valorar e tomar como modelo a Filgueira, imos retomar o tema da danza ou farsa das espadas de Carril, que tivemos a sorte de contemplar, unha vez máis, o pasado 25 de xullo de 2009, data tan significativa para todos os galegos. Esta vez, fixemos tomas fotográficas e videográficas desta antiga danza branca de carácter gremial e procesional, que ten un gran valor etnográfico e antropolóxico.
O pobo mariñeiro de Carril honra ao seu patrón, Santiago Apóstolo, ofrecéndolle como homenaxe dos homes de das mulleres do mar esta fermosa farsa, que souberon conservar como un tesouro de tempos ben antigos. A vila de Carril énchese de corido e beleza para ofertar esta reliquia, que é a Danza ou Farsa das Espadas, transmitida de xeración en xeración. De certo, é algo que non debe perderse e do que queremos deixar testemuña.
Compre estudar ben as orixes e formas da farsa para recuperar elementos que nos acheguen a como era nos seus inicios. Hai pouco recuperáronse os mantóns orientais de ricas e variadas cores. Habería que estudar ben como se colocaban. Sería interesante recuperar como era o antigo chapeu dos mariñeiros. Tamén habería que propagar o uso das zapatillas de esparto con fitas de cor vermella. Os danzaríns van todos unidos, collidos dunha fita fixada nas tres espadas, que dan nome á danza. Así, unido debe permanecer o pobo de Carril, transmitindo á mocidade as costumes dos devanceiros.
Sabemos que pola Asociación de Danzas Brancas estase a documentar ben esta farsa carrilexa, é necesario fixar ben a música, os ritmos, os pasos, a coreografía; investigar de cómo era e é esta danza para buscar a pureza e a fidelidade á tradición. Pero, sobre todo, parabéns as xentes de Carril que tan ben souberon conservar ao longo do tempo esta senlleira danza mariñeira.

viernes, 24 de julio de 2009

A DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL







Filgueira era un namorado da cidade de Santiago de Compostela e de todos os temas relacionados co Apóstolo e cos camiños de peregrinación a Compostela. Incluso escribiu un libro: “EL LIBRO DE SANTIAGO”, dedicado a temas composteláns, foi moita a ilusión e moitos os traballos que adicou á capital xacobea e que os santiagueses souberon valorar e premiar, otorgándolle unha medalla de ouro da cidade e dedicándolle unha rúa. En Santiago viviu e exerceu a docencia un gran seu amigo, compostelán de adopción, Antón Fraguas Fraguas, de tan grata lembranza para todos.
Nós, hoxe, imos falar de Santiago, de Santiago de Carril; pero, fixándonos nun dos aspectos máis chamativos desta parroquia arousana, que está nun lugar preminente da chamada ruta marítima xacobea, como é a súa antiga Danza das Espadas, danza procesional, realizada todos os 25 de xullo na honra do apóstolo Santiago.
Esta danza, catalogada dentro das chamadas danzas brancas (pola cor da vestimenta dos participantes), é executada polos entusiastas veciños desta vila mariñeira, que perpetúan no tempo a herdanza deste patrimonio inmaterial recibido dos devanceiros.
Son varios lugares de Galicia que comparten a realización de distintas variantes destas chamadas danzas brancas, como a danza das espadas e as penlas en Redondela, na provincia de Pontevedra hai outras vilas con danzas destas características, como, ademais das xa citadas, as de Marín, Cangas, Ponteareas, Baiona, Dena-Meaño,... sen ser exhaustivos e por mencionar algunhas das vilas máis importantes no que se produce este feito etnográfico e folklórico de orixe gremial, en moitos casos relacionados co mundo mariñeiro.
En Carril, a danza tamén se coñece como farsa, e é representada por un grupo de homes en número que vai dos trinta a cincuenta individuos. (Rencentemente, incorporáronse á comitiva da farsa tamén mulleres). Parece ser que comeza a representarse esta danza procesional na data de 1666 ou incluso antes. Os danzantes van vestidos con pantalón e camisa brancos, a camisa coa estampación da cruz vermella de Santiago, tamén levan faixas de distintas cores, tradicionalmente, ían calzados con alpargatas de esparto que levaban unhas cintas vermellas e cubrían a cabeza cunha boina negra (antes levaban un chapeu típico dos mariñeiros). Infórmanos o noso amigo, Carlos Rey Cebral, tan versado en temas etnográficos e folklóricos, que os mantóns de orixe oriental, que levaban antigamente os mariñeiros que participaban nesta danza, levábanos desde a ombreira e cruzados por riba da camisa branca, podían levar un ou dous, neste caso superpoñéndose un ao outro.
A representación comeza no adro da igrexa parroquial, a saída da procesión do santo patrón, os farsantes fan unha xenuflexión diante da imaxe do santo e arrinca así a farsa, que é acompañada por un toque peculiar e típico das castañolas que tocan os acompañantes dos espadachíns. Os danzantes fan varias figuras, como as do caracol ou a estrela, para rematar cun acto simbólico no que o párroco pasa por riba das espadas debidamente colocadas no chan, a continuación pasan por debaixo das andias que portan a imaxe de Santiago Apóstolo. Despois da danza, o grupo de farsantes acompaña ao Apóstolo durante a súa procesión polos principais lugares da vila carrilexa, tamén van na comitiva un grupo de xigantes e cabezudos.
É un espectáculo digno de ser comtemplado, é outro aliciente máis para achegarse a vila mariñeira de Carril, que conta con inmellorables paisaxes, unha excelente gastronomía e con bos servizos de hostelería.
Lembramos a famosa cantiga, que todos os arousáns aprendemos e cantamos desde pequenos:

Se vas a Carril, nada máis chegar,
verás Cortegada deitada no mar.
Deitada no mar, mirando para ela,
van os mariñeiros en botes de vela.

PARA CONSULTAR:

AA.VV.: “Danza” en DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALEGO UNIVERSAL. Tomo 20. Vigo, Ir Indo, 2003, p. 45.

FRAGUAS FRAGUAS, Antón: “DANZA”. En GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. Tomo 8. Silverio Cañada, Vitoria, 1974, pp. 223-226.

XFV: "AS PENLAS DE REDONDELA" en ADRAL. A Coruña, do Castro, 1979, pp. 148-151.