jueves, 5 de marzo de 2026

XA ESTÁ AQUÍ MEU NOVO LIBRO! - BASEADO NA MIÑA TESE DE DOUTORAMENTO SOBRE FILGUEIRA VALVERDE- presentación na miña cidade natal o 7 de maio-2026

 




FILGUEIRA VALVERDE, PROFESOR HUMANISTA INNOVADOR E DIRECTOR DUN INSTITUTO MODELO (PONTEVEDRA, 1939-1976)

DOI

https://doi.org/10.35869/1188.787


O Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo fixo un extraordinario traballo de edición, maquetación, publicación e distribución deste libro polo que lle quedo por sempre moi agradecido.
A todas e a todos os meus amigos e a todas as persoas interesadas gustaríame que me acompañaran nos distintos actos de presentación que se están a preparar. Xa está en marcha un en Ourense e axiña haberá outros en Vilagarcía de Arousa e en Pontevedra.

Para todas as persoas que fixeron posible este traballo o meu agradecemento e o meu agarimo. Por este medio irei dando as novas e as grazas. Estou como un neno con zapatos novos!

PRÓXIMAS PRESENTACIÓNS



                              

HAI UN CAMBIO DE HORA NA PRESENTACIÓN EN OURENSE, SERÁ ÁS 16:30 H.


En Ourense, o libro pode mercarse en:

LIBRERÍA EIXO
R/ do Cardenal Quevedo, 36 - 32004 Ourense
988 255 983
info@libreriaeixo.com 

En Pontevedra pódese atopar en

LIBRARÍA PAZ
R/ da Peregrina, 29 - 36001 Pontevedra
986 860 471
info@librariapaz.gal


LIBRERÍA METÁFORA
R/ de Charino, 9 - 36002 Pontevedra
986 964 502
metafora@puentelibros.com


NOTAS DE PRENSA

La Región




DUVI - Universidade de Vigo






As presentacións na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense resultou un acto memorable e inesquecible, agradezo moi cordialmente aos poñentes que me acompañaron na mesa, a todos os representantes da familia Filgueira, ao alumnado da materia de Lingua Galega do Grao de Educación Infantil e a súa profesora, ás compañeiras de doutoramento, ao profesorado e unha mención especial ao Coro Universitario de Ourense que nos brindou súa magnífica actuación. A todos grazas!

Na Fundación Vicente Risco de Allariz tivemos un interesante parladoiro entre amigos, na que fora saliña de estar da casa da dona de don Vicente. Moitas grazas á Presidenta e ao Vicepresidente da Fundación pola súa acollida e polo extraordinario trato recibido. E grazas a Xosé Fernández Fernández polo agasallo do seu  imprescincible libro: VICENTE RISCO, MESTRE DE MESTRES, e pola súa tese de doutoramento sobre o ilustre ourensán e perpetuo director da Escola Normal de Ourense.

De Ourense sempre saín enriquecido, sempre me quedará Ourense!

NA FUNDACIÓN VICENTE RISCO FIXERON UNHA FERMOSA REFERENCIA NO SEU FACEBOOK, MOI AGRADECIDO Á FUNDACIÓN QUE TEN UNHA SEDE MAGNÍFICA.









A PRÓXIMA PRESENTACIÓN SERÁ NA CIDADE DE PONTEVEDRA, BERCE E FOGAR DE FILGUEIRA VALVERDE:

- O martes, 5 de maio de 2026
- A partires das 19:00 h.
- No corredor vidrado do Museo de Pontevedra

Coa colaboración musical do Coro Universitario de Pontevedra.

Distribución e venda de libros a cargo da LIBRARÍA PAZ  de Pontevedra.

Pontevedra, cidade filgueiriana por excelencia, cidade con moita significación e especial agarimo pola miña parte, aquí fíxenme mestre, aquí no Centro Asociado da UNED cursei a miña licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación, a miña relación cun "pontevedrés moi pontevedrés" o profesor Filgueira Valverde e a súa moi estimada familia, o Museo e todo o seu persoal que facilitaron e orientaron o meu acceso a toda a documentación do legado de Filgueira Valverde, ao IES Sánchez Cantón que me permitiu consultar o seu extraordinario arquivo... O engado dunha pequena e fermosa cidade cunha grande historia. E aínda sigo frecuentando a cidade do Lérez ao seguir vinculado á Universidade de Vigo por medio do Programa de Maiores do Campus de Pontevedra. Pontevedra per semper!



Despois da presentación na miña querida cidade de Pontevedra, o xoves 7 de maio de 2026, a partires das sete da tarde e no Salón García de Vilagarcía de Arousa, miña entrañable, querida e imprescindible cidade natal, na que me desenvolvín como mozo e logrei vida plena e feliz, presentaremos meu último libro, agardo estar moi ben acompañado e agarimado por familiares, amigos e interesados en asistir. Agardo que sexa un momento moi agradable e inesquecible. Contaremos co acompañamento das queridas amigas e amigos da Coral Rosalía de Castro, (grazas ao plan CULTUREA da Deputación Provincial) e tamén a inestimable colaboración do meu querido Concello, respaldados polo señor alcalde, Alberto Varela Paz e co auxilio técnico no Salón García de Ramón Caldas, encargado municipal da Sala e de todo seu magnífico equipo. E a miña gratitude ao Equipo da Concellería de Cultura polo seu labor de coordinación e difusión. E como non? Meu enorme agradecimento ás personalidades que me acomparán na mesa presidencial como poñentes. E de antemán grazas a toda a asistencia.


Para min Vilagarcía de Arousa significa todo, aquí nacín en 1957, despois da miña ausencia, volvín en 1971 con 14 anos, pasei a estudar no Instituto de Ensino Medio Calvo Sotelo (hoxe Castro Alobre), traballei un tempo en FUNALPA, un centro de fundición, logo en ALMACENES SIMEÓN, voltei aos estudos no Instituto, colaborei arreo coa parroquia Santa Baia e coa Igrexa Diocesana (Catequese, Cáritas, Liturxia, Sínodo Diocesano,...), lembro o meu paso polo Local de don Daniel e da Madre Guadalupe, onde máis que amigos fixen irmáns. Presidín un tempo (glororioso tempo) o CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO, colaborei como voluntario na Asociación AUXILIA pola inclusión de persoas con necesidades especiais, de tan grata lembranza, contactei coas comunidades relixiosas da Residencia Divina Pastora, do Colexio San Francisco, do Colexio da Sagrada Familia, co convento dos Claretianos. Colaborei na posta en marcha da emisora de radio local Radio Arosa-Ser (no outono de 1982). Xa mestre, permanecín no ensino público da cidade durante 37 anos (na Escola de Educación Infantil Vagalume, nos Colexios de Educación Infantil e Primaria: Arealonga, A Lomba, O Piñeiriño). Capítulo especial o meu colexio por antonomasia O Piñeiriño, alí pasei 31 anos de feliz docencia, era a miña segunda casa, e deses anos, case 22 anos como orientador. Da miña experiencia docente na miña cidade gardo unha especial lembranza, fun moi querido polas comunidades educativas e eu non as esquezo. Así mesmo, fun orientador no Colexio da Escardia e na Escola de San Pedro de Cornazo. Colaborei brevemente con Radio Ecca, cando se pretendía fundar unha sección aquí en Arousa e dando cursos para o sindicato FETE-UXT, para o Centro de Formación de Adultos cando xa estaba no IES Cotarelo Valledor. Coordinei durante séis anos o Seminario Permanente de Orientadores de Educación Infantil e Primaria da Zona Educativa de Vilagarcía de Arousa, cheguei ser Vicepresidente do Consello Municipal de Educación. Paricipei nos Servizos de Normalización e Dinamización Lingüística, con equipos de compañeiros fun introdutor e pioneiro da utilización da Informática e das Novas Tecnoloxías na escola. No meu centro O Piñeiriño, fundei as Escolas de Nais e Pais, elaborei o Plan do colexio PLAMBE para a dinamización e mellora da biblioteca escolar, tamén elaborei e desenvolvín cun equipo de compañeiros a introdución e utilización da robótica educativa no colexio. Do mesmo xeito, fun promotor do emprego do teatro, dos coros e do cine nos meus colexios, así como na introdución do xadrez. Da miña experiencia docente na miña cidade gardo un inmellorable recordo. Traballei moito, tamén me enriquecín moito como persoa e como mestre.
Logo, gústame vivir, gozar e participar da vida da miña cidade (un paraíso) en múltiples aspectos, culturais, deportivos, sociais. Socio do Liceo Casino (do que fun Vicepresidente e encargado de Cultura), aquí xurdeu a Asociación Cultural Mesa das Verbas, miña querida asociación, que presido na actualidade, son socio do Club de Fútbol AROSA S.C., con José Manuel Gómez Torres (antigo entrenador e presidente do Club) fundamos a Escola de Fútbol do Arosa, xérmolo do que é o fútbol base actual do Club, por iniciativa de Gómez, cando me licenciei en Pedagoxía colaborei na orientación deportiva de xogadores.
E algo do que me sinto moi satisfeito, axudei a fundar e presidín durante algún tempo a Asociación de nais e pais ATRIL da educación musical en Vilagarcía de Arousa e tiven a miña pequena ou grande participación nas xestións para que se puxera en funcionamento o Conservatorio Municipal de Música do grao profesional. Propiciei que se puxera en marcha e tivera unha breve pero proveitosa vida o CERTAME MUNICIPAL INFANTIL E XUVENIL DE TEATRO en tempos de Beatriz Rico, como Concelleira de Cultura, e que mantivo tamén a Concelleira Ramona Castaño. Sempre colaborei moito con practicamente todos os Concelleiros de Cultura e Alcaldes de Vilagarcía en temas de cultura, da Cabalgata de Reis, das Festas do Entroido, das Festas do Maio. E sigo nunha estreita colaboración coa actual Concelleira de Cultura Sonia Outón e co seu técnico de Cultura Carlos Varela Ulla, así como coa Concellería de Xuventude e a súa técnica Maite García Romero, coa que levo colaborando nas cinco edicións pasadas da Feira do Libro, VILAGARCÍA, CIDADE DE LIBRO, e na sexta que se está a preparar. A música tamén é moi importante para mín, por iso son socio fundador e tesoureiro da Asociación Cultural Filarmónica de Vilagarcía. Nada me é alleo do que pasa na miña idolatrada cidade natal, a súas xentes, a súa historia, a súa cultura, a súa vida, que trato de vivir intensamente, aquí nacín, aquí vivo feliz, aquí fundei coa compañía da miña amada esposa Carmen Sánchez (valorada e querida docente e catequista da cidade) unha fermosa familia, que pido a Deus a conserve e protexa. Pois, si, Vilagarcía de Arousa, unha cidade para vivir e para gozar, que é o que eu pretendo facer cada día.

Por todo, estou moi ilusionado coa presentación do meu último libro aquí, baseado na miña tese de doutoramento sobre meu admirado e lembrado vello profesor Xosé Filgueira Valverde, un mestre para todos, un mestre para sempre.

No Diario de Arousa fixeron unha reseña do acto de presentación en Vilagarcía de Arousa:







Meu bo amigo Jacobo Conde invitoume ao seu programa radiofónico "LA VENTANA DE PONTEVEDRA", estivemos a falar sobre o "vello profesor" don Xosé Filgueira Valverde e sobre as presentacións do meu libro en Pontevedra (05/05/2026  19:00) e en Vilagarcía de Arousa (07/05/2026  19:00). Agradezo a Jacobo e a Radio Pontevedra o convite para participar neste programa, que se pode seguir no seguinte vínculo:



En "La Voz de Galicia - Ciudad de Pontevedra", tamén recollen a nova da presentación na cidade do Lérez. E que curiosidade! Ao carón do meu querido amigo e compañeiro Manuel Portas, mágoa de que coincidamos os dous, mesmo día, mesma hora e mesma cidade, pero para min unha honra figurar na súa compaña.: