domingo, 9 de noviembre de 2008




VII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE

Apuntamentos, 5/11/2008

“Arquitectura en Galicia en tempos de Alfonso VI”

XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ

Museo de Pontevedra

(Nas fotos o Dr. Valle Pérez, na conferencia e no concerto do día 6.)



Empeza o Dr. Valle indicando que por razóns de espazo e de tempo tivo que suprimir no título da súa conferencia a palabra arte e deixar tan só a referencia a arquitectura, que é do que vai falar.
Comenta, que como quedou claro nas outras conferencias antecedentes, na época de Alfonso VI, prodúcese unha nova configuración territorial, e na súa ponencia el vai a circunscribirse ao que hoxe coñecemos como Galicia, territorio que se vai delimitando no reinado do rei Alfonso.
Fernando I recibe as reliquias de San Isidoro e crea a igrexa-panteón de San Isidoro de León, no que conflúen elementos arquitectónicos que siguen modelos ou tipoloxías asturianos con elementos do neovisigotismo, podendo falar dun estilo que poderiamos chamar neoasturiano, aínda que no mobiliario e nos materiais hai tendencia cara o románico.
Desta época son as Torres do Oeste en Catoira, Xelmírez naceu aí, o seu pai estaba encargado de dita fortaleza, na que tamén podemos localizar elementos do arte asturiano.
Nesta etapa histórica, os territorios da Península Ibérica, incluida Galicia, van manter contactos co exterior, máis alá dos Pirineos, tratase de homologar o de aquí co que sucedía noutros lados. Entón atopamos dúas notas características:

- A reforma litúrxica, adoptándose a chamada liturxia romana, que nos cantos supón a implantación do gregoriano.

- Benedictismo, por medio da crecente influencia dos abades de Cluny. Importancia, pois, do clero foráneo, esencialmente dos monxes cluniacenses.

Un edificio onde detectamos as innovacións, que nos veñen de Europa, é, por exemplo, a igrexa do Mosteiro de San Antoíño de Toques. Nun documento datado en 1067 comprobamos que neste mosteiro galego rexía a observancia da regla benedictina.
Nestes intres Galicia comeza a homologarse cos outros territorios peninsulares. Antes da presencia física dos monxes benedictinos, cousa que sucede na década dos 70 do século XI, xa atopamos na década anterior elementos arquitectónicos tales como:

- arquiños na cornisa
- perpiaños
- ventás

Mostras de que nos estamos introducindo no románico e que se superpoñen con elementos prerrománicos.

San Martiño de Mondoñedo é un edificio complexo no que se superpoñen elementos constructivos de distintas etapas o que nos amosa que foi contruido en distintos momentos:

- Comeza a se construir no século X en tempos da San Rosendo.

- 1100, segunda etapa constructiva, sendo bispo D. Gonzalo, quen se formou en Sahagún, cuxo mosteiro procede do século X, e que está moi vinculado coa monarquía e máis concretamente coa de Alfonso VI. Por conseguinte dito bispo recibiu a influencia directa de Cluny.

- 1117 Siguen coas obras mestres que tiñan traballado na Sé compostelá.


A introducción do segundo románico ou románico pleno instálase pola influencia de Cluny, así como a adopción da liturxia romana, como xa temos visto.

San Bartolomeu de Rebordáns, tamén é un edificio complexo pola sucesión de distintas campañas constructivas. Sendo reformado en 1100 en tempos do bispo Alfonso, formado tamén no mosteiro de Sahagún, por tanto, recibe as influencias xa coñecidas. O estilo dos capiteis aseméllanse aos de San Martiño de Mondoñedo

Igrexa de San Xoán de Vilanova en Perbes, de comezos do século XII ou un pouco anterior.

Catedral de Santiago de Compostela, un dos fitos ou empresas culminantes da época. Comeza a edificarse en 1075, tal como se indica en dous capiteis da Capela do Salvador, un que se refire ao rei Alfonso VI (princeps Adefonsus) e outro que representa ao bispo Diego Peláez. O rei fai un xeneroso donativo á mitra compostelá, procedente do tributo pagado polo rei de Granada. Sabemos que a consagración definitiva da catedral tería lugar en 1211, por tanto, sucédense distintas fases constructivas. É deseñada coa planta das igrexas de peregrinación, xa que no século XI Europa ponse en movemento, bandadas de peregrinos de distintas nacionalidades diríxense a Compostela.
O Código Calixtino ofrécenos abondosa e importante información sobre a construcción da Catedral. O primeiro constructor, Bernardo o Vello, veu acompañado do seu aparellador, Roberto, e de cincuenta canteiros, sen dúbidas mestres de procedencia foránea.

- 1075/1088: Primeira fase constructiva, comézase pola capela do Salvador. Remata esta fase coas liortas entre o rei Alfonso VI e o bispo Diego Peláez, este cae preso por iniciativa do monarca.

- 1090: Nomeamento de Raimundo de Borgoña como Conde de Galicia e o acceso de Xelmírez a postos de responsabilidade. Retómanse as construccións coa Capela de San Bartolomeu. Empeza o traballo do afamado mestre constructor Estebo, finais do século XI. (En 1101 está documentada a presencia deste mestre en Pamplona).


Xelmírez é un excepcional estratega, co expolio das reliquias de Braga, que era unha competidora de Compostela, Xelmírez despraza a Braga como outro posible centro de peregrinacións e reforza así o papel de Compostela.

- 1100: Con Xelmírez como bispo hai un rexurdir das obras, ao finar Alfonso VI en 1109, as obras estaban moi avanzadas.

- 1112: O cruceiro estaba moi avanzado.

- 1117: Prodúcese o conflicto entre os composteláns e o arcebispo Xelmírez. A catedral é incendiada e sofre serios desperfectos.

O Dr. Valle Pérez vai rematando, comentando que perviviron epígrafes nos que se indica a construcción doutras igrexas das que non quedan restos, agás esas inscricións que restan como testemuñas. En concreto en Herbelo (Bueu) hai un epígrafe datado en 1104, e hai outro en Santa María de Alba datado en 1105. Con Alfonso VI o románico comenzou a divulgarse e a extenderse polos seus territorios.

Finalmente dase paso a quenda das preguntas, que en síntese tratou sobre o seguinte:

- Coméntase que San Antoíño de Toques foi sometido a numerosos roubos e expolios, como desgraciadamente lle sucedeu a tantos mosteiros e igrexas de Galicia. Indícase que este mosteiro estaba asignado ao poderoso mosteiro de San Martiño Pinario.

- Diante da pregunta de que se a chegada do mestre Mateo a Compostela estaba rematada a fachada oeste da catedral, chamada da Transfiguración, o Dr. Valle Pérez indica que el pensa que dita fachada simplemente non existía. Aymerico Picaud no libro V do Códice Calixtino, verdadeira guía Michelín daqueles tempos, a describe con xeneralidades, ceñíndose ao relato evanxélico sobre o tema. O mestre Mateo constrúe un tramo máis da catedral. As pezas destinadas á fachada occidental instalaríanse na fachada das Praterías, dita fachada non pasou de ser un proxecto.


Valle Pérez remata a súa intervención subliñando que a “autopista da información” no século XII era o Camiño de Santiago, auténtica vía de comunicación eran os Camiños que conducían a Compostela.

Invita tamén a todos ao CONCERTO NO IX CENTENARIO DA MORTE DO REI ALFONSO VI, que terá lugar o xoves, 6 de novembro de 2008 na Igrexa do convento de Santa Clara ás 20:00 h. e que correrá a cargo do grupo RESONET – MÚSICA ANTIGA.
Asistimos a ese interesante concerto, do que se atopa información na páxina WEB do Museo de Pontevedra. Nel indicouse que Alfonso VI favoreceu a introducción do canto gregoriano na Península Ibérica e constatouse que os reis, os príncipes, e os nobres medievais tiñan unha importante cultura musical. Cumpriuse totalmente o programa previsto, mais o grupo agasallounos cunha peza a maiores, o fermoso romance de Guiomar.


PARA CONSULTAR:


- CATOIRA en Gran Enciclopedia Gallega. TOMO 6. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 46.

- RIELO CARBALLO Nicanor: MONDOÑEDO Monasterio de San Martiño de, en Gran Enciclopedia Gallega. TOMO 21. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 149-152.

- PERBES, San Pedro de. Idem. TOMO 24. Idem. p. 166.

- GONZÁLEZ SANTISO, Aquilino: REBORDÁNS San Bartolomé de. Idem. TOMO 26. Idem. p. 106.

- FERNÁNDEZ DE VIANA, José Ignacio e José Carlos VALLE PÉREZ: TOQUES Monasterio de San Antoíño de, Arquitectura. Idem. TOMO 29. Idem. pp. 100-101.

No hay comentarios: