viernes, 17 de julio de 2009

TEÑO UN BARCO DE XOGUETE


É ben sabida a atracción que Filgueira e os seus amigos Fermín Bouza Brey e Antón Fraguas sentían pola Antropoloxía cultural e social e pola Etnografía. Gusto que transmitiron aos seus discípulos, por tan só citar a un dos máis próximos, como é Xosé Fuentes Alende. No momento actual, en Vilagarcía, podemos citar ao noso benquerido amigo e condiscípulo, Carlos Rey Cebral, persoa interesantísima, que debía ser mellor tratada e considerada polas autoridades culturais. Pero, xa sabemos para que se utiliza moitas veces a cultura, para ser instrumentalizada.
Despois de citar a algunhas persoas valiosas no campo da Antropoloxía, conxeturar que hoxe os nenos e a mocidade pasan moito tempo con tecnoloxías que inducen á pasividade e á comodidade e que os alonxan de practicar artes que promoven a manipulación de certos materiais e favorecen a creatividade.
Non refugamos das chamadas TIC; pero, queremos sinalar que non hai que deixar de lado outras cousas como o debuxo e a pintura, a música, a arte de ler e de escribir…
A nenez do noso país dos anos 50 e dos anos 60 do pasado século XX, sobre todo a pertencente ás clases populares, era quen de fabricar e de utilizar moitos dos xoguetes cos que se divertían grandemente.
Vou narrar unha miña experiencia vital sobre este asunto, vivida na década dos 60 por moitos nenos e nenas de Caldas de Reis. Pois ben, aquelas criaturas collían cascas de piñeiros e con navallas e coitelos traballaban e esculpían nesas cascas barcos que logo poñían a navegar polo chamado río Pequeno na vila termal. Hoxe xa poucos tramos quedan dese río e seguramente, case ningún neno fai con cascallos de piñeiro un fermoso barco, que botar a navegar cos dos outros compañeiros nun río calquera.
Remato esta fermosa anécdota da infancia cuns non menos fermosos versos de Manuel María, tal como eu os recordo:

Teño un barco de madeira
nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
quen me verá navegar!

No libro editado por Xosé Fuentes Alende (2008), do que xa temos falado noutra entrada, nas pp. 73-74, indícansenos outras maneiras artesanais de como os rapaces facían barcos aproveitando todo tipo de materiais e poñendo en xogo a imaxinación, a creatividade, e diríamos, a economía de medios.

2 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Meu amigo... aprezado Xermán, logo de un breve descanso estival torno con novos folgos a este universo de verbas e maxia que recende a frescura.
Atópome cos teus gratos e sempre amables comentarios no noso blog e cunha gran morea de interesantes artigos no teu. Unha grande ledicia sen dubida!
Ollando o teu artigo: "Teño un barco de xoguete" Veñen a min lembranzas dos meus tempos de cativo revirado, intres de xogos inventados e mocidade de heroes feitos realidade nos xoguetes que faciamos. Espadas de pau, arcos de Ballestas de vellos paraugas (para cazar nos Duráns as ras e outros diaños acuáticos). Ou aprender inxenieria aeronáutica facendo avións de papel. Barcos enormes no noso maxín (feitos, como ben dis, en madeira ou simplemente follas sabiamente transformadas en fermosos veleiros.
Tempos idos... tempos de niñez, de imaxinación, de soños e de meigas e diaños i aquelarres. Un pracer e unha apreta. Manoel Xosé.

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Benvido, agardo que o descanso fose reparador. Os tempos idos das lúas soñadas e dos tempos de vagar en xogos e conversas. Como Proust debemos andar á busqueda do tempo perdido. Pero o presente tamén merece ser vivido; porque calquera tempo pasado non foi mellor, si distinto.
Unha apreta agarimosa e sorte.
Xermán