sábado, 31 de octubre de 2009

VIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE. 28-10-2009



OFELIA REY CASTELAO (Universidade de Santiago de Compostela): O PADROADO DE SANTIAGO: ORIXE, DESENVOLVEMENTO E CONSECUENCIAS.

Inicia o acto o Dr. Valle Pérez, indicando que as conferencias están estructuradas para repartir campo entre a Idade Media e a Idade Moderna. A conferencia de hoxe, correspóndese co tempo histórico acoutado en segundo lugar.
Segue coa presentación da conferenciante de hoxe, da que comenta que os seus estudos e a súa carreira sempre estiveron vinculados coa universidade compostelá, sendo discípula de Eiras Roel, comezou a traballar no que se denomina Historia rural para posteriormente abrirse a novas parcelas de estudo. A súa tese de doutoramento xira sobre: A renta agraria na España da Idade Moderna. E traballando sobre este tema atopouse co voto (imposto) de Santiago. Leva sobre trinta anos investigando nestes temas. E decatouse de que os galegos tiveron que pagar un tributo que xurde dunha falsificación do século XIII, había que pagar unha renta por mor dunha acción interesada e falsaria.
A Dra. Rey Castelao é autora dunha interesante monografía que reflicte a grande pegada das peregrinacións e do culto a Santiago.
Vai xa moito tempo que nos coñecemos e aproveito para darlle as grazas por estar hoxe connosco para ilustrarnos sobre o tema.

Intervén a Dra. Rey Castelao, principiando por dicir que a agradecida é ela por ter sido invitada a participar no memorial, confirma a vinculación co Dr. Valle dende vai moitos anos. Precisa que non é unha autoridade na materia que nos convoca hoxe e que si que o era D. Xosé, a quen cita moito na súa tese.
Indica que neste ano celébrase o centenario dun feito moi importante e que está relacionado co que imos falar, tratase do centenario da expulsión dos moriscos que data do ano 1609.
O tema do padroado é moi complexo, parecía que quedaba claro cos estudos de Filgueira, pero o asunto colleu novos derroteiros.
Tamén é interasante subliñar, porque ten a súa importante significación nos temas do padroado, que no 2012 celebrarase o centenario da instauración do padroado de España a favor de Santa Tereixa de Xesús. Tamén a loita de España no século XVII porque fose aprobado e recoñecido o dogma da Inmaculada Concepción.
Na Idade Media dase o inicio do padroado de Santiago, tendo indicios do mesmo nos seguintes indicadores:

- Himno do Dei verbum de fins do século VIII
- Invocacións ao apóstolo, século IX
- As crónicas dos séculos XII-XIII
- Nacemento da Orde de Santiago, 1170
- Privilexios dos Votos, 834/1140
- Iconografía ecuestre, tímpano do 1220

O padroado e o voto de Santiago constitúen unha falsificación e un fraude que se estende dende o século XIII.
É fundamental para extensión do padroado a figura de Santiago de a cabalo en posición de batallador, divúlgase por distintos intereses a iconografía bélica da figura do Apóstolo Santiago.
A Orde de Santiago, ten só o nome, pero moi pouca relación con Santiago. Hai máis relación con Extremadura e o sur da península.
Nos privilexios cóntase a intervención de Santiago na victoria de Clavixo, o que ocasiona a promesa do rei do pago do tributo á Igrexa Compostelá. A nova figura belicista rompe coa iconografía de Santiago peregrino ou como escribente da epístola.
Houbo un pleito grande que condenou a pagar tributo de Santiago aos territorios do sur do río Teixo.
No século XIII vaise consolidando o padroado militar. Na crónica de D. Lucas, bispo de Tui, de 1204 oficializa o Santiago Matamouros. Non hai que esquecerse de que era parte interesada, xa que o bispo de Tui cobraba os votos de Santiago. Esta visión de Matamouros servía como icentivo para as hostes que loitaban pola Reconquista.
Ao padroado de Santiago vanlle saír competidores, Afonso X promove o padroado mariano, non hai que esquecer que Toledo era lugar de culto á Virxe.
Cos Reis Católicos prodúcese un retroceso, unha volta atrás; pois prometeran pagar o voto a Santiago se caíse Granada. Como así sucedeu, lexitiman e legalizan o fraude dos privilexios. Ademais en competencia con Roma, emprenden loitas co papado, esixindo o privilexio real de nomear os bispos, iníciase o proceso de nacionalización das ordes militares.
Os Reis Católicos recuperan a figura belicista de Santiago, que conviña aos seus intereses e litigan coa dinastía dos Fonseca que gobernaban en Santiago. Coa construcción do Hospital Real, instauran un territorio rexio mesmo fronte a Catedral de Compostela.
Na batalla de Lepanto tamén se fai unha invocación especial de Santiago.
Na conquista de América introdúcese a figura de Santiago; pero, non vai máis alá que da intención de trasladar o voto de Santiago ás terras americanas.
A crise da peregrinación vaise acentuando co tempo, pero no século XV fálase dunha peregrinación interior.
Coa Reforma Protestante retráense as peregrinacións das zonas de Centroeuropa, mesmo de Francia. A partires de 1528 tamén en Inglaterra se frenan as peregrinacións.
No Concilio de Trento preténdese reforzar o armamento ideolóxico católico fronte ao Protestantismo. Xurde unha nova relixiosidade. Depúrase o santoral e o martiroloxio. A festa do Apóstolo do 25 de xullo pasa a ser festa local, non xeral. E recoñécese que a tradición de Santiago é simplemente unha tradición piadosa. Combátense as peregrinacións longas e propóñense as peregrinacións curtas, dun día (xurden así mil e unha romería, estendidas por todo o territorio), controladas polo clero, polos párrocos.
Irrumpen con forza os novos santos da Contrarreforma para satisfacer a novos grupos de presión e de poder:

- Santa Tereixa de Xesús, reformadora do carmelo
- San Ignacio de Loiola, fundador dos xesuitas
- San Isidro Labrador
- San Francisco Xabier

Outro inconveniente para a causa xacobea e o poder que ostenta o influinte cardeal, Caesare Baronio (1538-1607), coa súa importante e ben fudamentada obra: ANALES ECLESIÁSTICOS. Na que chega a argumentar que a tradición xacobea non ten fundamentación histórica, é unha paidosa tradición. Pero, o cardeal Baronio non era unha parte inocente, apoiaba ao papado na súa reclamación do territorio de Sicilia. Felipe II trataría de manter as posicións de España.

Co fin de restaurar a forza das peregrinacións e o culto a Santiago xurden toda unha serie de falsos documentos e de fraudulentas testemuñas históricas que mirados cos ollos de hoxe fraco favor lle fan a historiografía e a causa xacobea. Entre eles podemos citar:

- Os Libros Plúmbeos de Granada, en realidade eran unhas pranchas de chumbo.

Unha fonte aínda estudada hoxe, aparecidas as pranchas nunha suposta excavación. Son defendidos ditos libros por Pedro de Castro, arcebispo de Granada, quen funda a Colexiata do Sacromonte, baseada nunha solemne patraña. Incluso o dos Libros Plúmbeos podería ser unha herexía para misturar nunha nova relixión sincrética elementos do cristianismo e do islamismo. Pretenden amosar que Santiago antes de chegar a Compostela estivera en Granada, reivindican o Santiago granadino. Chega ata o extremo o asunto que tratan de identificar Santiago con Mahoma.

Aparecen falsos cronicóns, procedentes de supostas crónicas medievais, de documentos que pereceron queimados no incendio dun mosteiro, poñamos por caso, do territorio alemán. Falsos infundios carentes de toda cientificidade.

Pola Igrexa non está recoñecida a parte histórica da realidade xacobea aínda hoxe, por carecer dunha consistente fundamentación.

Felipe III era un rei pacifista; polo tanto, a figura de Santiago lle era incómoda, por múltiples razóns frústrase a súa prevista visita a Compostela en 1610. En 1617 e pola poderosa influencia dos carmelitas (o carmelo tiña moito poder en Europa e especialmente en Italia) nas Cortes de Castela recoñéceselle o padroado de Santa Tereixa de Xesús, cuxa entronización prodúcese en 1618, sendo copatrona de España xunto a Santiago Apóstol. Era todo cuestión de relacións políticas, e de pugnas entre Igrexa-Estado, Monarquía-Cortes. Deste tema hai referencias literarias, de entre outros, Quevedo, Lope de Vega; o propio Cervantes ironiza sobre el no Quixote. Non debemos de esquecer que mesmo Portugal reinvindica que Santiago cristianizou primeiro o país lusitano, razoando que alí habia a presencia dunha comunidade xudea.

Felipe IV era un rei culto que se desentende do poder, deixando o goberno do país en mans do seu valido, o Conde-Duque de Olivares, que era quen en realidade mandaba. O rei no ano 1626 en Zaragoza declara a Santa Tereixa como patrona; pero, quen estaba detrás de dito padroado era o Conde-Duque, quen posuía unha relixiosidade mística. Contemplaba como verdadeiros mediadores as propias crenzas e conviccións. Pretendíase unha verdadeira unificación dos reinos.

San Francisco Xabier é canonizado polo poder dos xesuitas. E canonízase tamén a San Isidro Labrador, un pacífico campesiño.

Pero, toda a política do Conde-Duque de Olivares fracasa dun xeito clamoroso, que vén a rubricar o estalido en 1635 da Guerra dos Trinta Anos contra os irmáns protestantes, que se converten nos novos inimigos, despois de moriscos e xudeus.

Quevedo, como cabaleiro de Santiago, e defendendo os seus propios intereses e conviccións, sae en defensa do espírito xacobeo e aproveita para combatir todo o que pode ao Conde-Duque de Olivares.
A batalla vaise decantar cara os santiaguistas, incluso co apoio de Francia. Temos que contemplar que os franceses reivindican a presencia de Santiago en Toulouse.

En 1630 o propio papa Urbano VIII acaba por apoiar o padroado do Apóstolo Santiago.

O acordo do privilexio do padroado fora adoptado polas Cortes de Castela, non era unha cousa de España, asunto que historicamente provocará varios conflictos e pleitos.

A representación na ofrenda de Santiago foi ostentada durante longo tempo polo Capitán Xeral de Galicia. Ata o século XIX non acude a monarquía a ofrenda de Santiago.
O templo compostelán nunca cobrou o voto. As rentas ían parar directamente ao arcebispo de Santiago de Compostela e ao Cabildo catedralicio. O voto dos Reis Católicos foi na súa maior parte para o Cabildo. O diñeiro do voto era financiado polos impostos pagados polos galegos e ía a parar á barriga dos coengos de Santiago.

A coroa de Aragón, Asturias, Santander e País Vasco non pagaron o voto de Santiago. No século XIX dito voto e a ofrenda sufriron o vaivén das circunstancias políticas, pagábase ou deixábase de pagar en función de quen tivese o poder. Neste século perde o arcebispo de Santiago a dignidade de metropolitán.

No hay comentarios: