lunes, 12 de octubre de 2009

TEN FUTURO A TERRA?


Con estes niveis de crecemento e cos actuais sistemas de producción pouco ou nada sostibles hipotecamos a existencia das futuras xeracións neste planeta azul, cada minuto que pasa, menos azul.

Coa contaminación que provocan os países de economía occidental, fundamentalmente, Estados Unidos, Europa e Xapón estamos a destruir a vida no planeta e escravizando aos países empobrecidos. Esencialmente, as antigas colonias de África, que siguen a ser expoliadas polas chamadas potencias mundiais. Levámoslles fame, guerras, enfermidades. Roubámoslles coltan, ouro, diamantes, petróleo, cacao, café…

Máis lles valera a eses países empobrecidos que o home blanco non puxera endexamais neles o seu pe. E hoxe, o mellor que lles podería pasar é que marcharamos de alí e os deixaramos simplemente en paz; eso sí, devolvéndolles todo o que lles roubamos a través dos séculos de invasión e de colonización.

O sistema capitalista non é sostible, en vez de crecemento sostible, deberamos falar de decrecemento. Consumir menos, aforrar enerxía, empregar fontes de enerxía renovables, non contaminar (lembrémonos dos tres “r”: reducir, reutilizar, reciclar), levar un estilo de vida máis sinxelo; non desexar tantas cousas, contentarse con pouco e buscar a verdadeira riqueza.

Qué é a riqueza?

Cal destes homes é o máis rico?

a) Un oriental está sentado a entrada da súa tenda, toma pracidamente unha cunca de té, mentres fala de vagar cun estranxeiro que acolle na súa casa, a hospitalidade é sagrada. Entre grolo e grolo, observa con interese as estrelas dun ceo totalmente despexado. Conversa sosegadamente, explállase nas explicacións, cunha linguaxe ricaz e imaxinativa, non ten présa. Ofrécelle outra taza de té ao estranxeiro, invítao a que pernocte no seu fogar, mañán poderá emprender a súa viaxe coa luz do día. Ladran os cans e os dromedarios remóvense na corte.

b) Volve á casa despois de oito horas de duro traballo nunha fábrica ruidosa e contaminante. Está canso e desexoso de chegares á casa. Topa unha autorruta colapsada de tráfico, está dos nervos na retención, ruido e máis ruido de claxons e de motores, fume e máis fume, está estresado, doelle a cabeza. Aínda lle queda ata chegar á casa. Por fin, no fogar, berros dos nenos que están moi inquedos, non paran de facer un enorme barullo coa wii. A muller non deixa de queixarse do caro que está todo. Que ten que facer horas extra, senón o xornal non chega ata fin de mes. A cea, composta de patacas fritas, salchichas, hamburguesas. Bebe unha botella de viño, toma un café con caña de herbas, fuma un puro antes de ires para a cama, mentres olla coa muller telebasura, os nenos ainda berran antes de se durmir. No pequeno piso hai un arrecendo característico a fume de puro e “humanidade”. Son máis das 24:30 h., intenta o sexo na cama, queda durmido roncando coma un porco. A súa muller tamén cansa e frustrada, toma uns somníferos para poder durmir. Son as 7:45 h., soa o despertador. Volta a empezar un día tóxico e anódino.


O FUTURO OU É DE TODOS (PAÍSES RICOS E POBRES) OU NON É DE NINGUÉN.

MIGUEL A. MARTÍN

No hay comentarios: