domingo, 13 de febrero de 2011

AUXILIA, BREVE PERO ILUSIONANTE EXPERIENCIA EN AROUSA



Nas décadas dos 70 e 80 do pasado século, levouse a cabo en Vilagarcía de Arousa e comarca unha experiencia digna de lembrar e que foi mágoa que esmorecera por falta de relevo. Dita experiencia era alentada polo equipo directivo do Colexio Sagrada Familia, estaban á fronte dúas filipenses de grata lembranza, a madre Lourdes e madre Aurora, participaban tamén alumnos/as, ex alumnos e amigos da comunidade filipense. Formouse naqueles anos un grupo estable de AUXILIA, institución de orixe belga moi arraigada en Barcelona e aquí en Galicia había grupos notables en Lugo, Ourense, e Vigo. Dita institución perseguía e aínda persigue, mágoa que aquí xa non haxa grupo, a plena inclusión e promoción das persoas discapacitadas fisicamente, na experiencia vilagarciana tamén traballamos e disfrutamos con discapacitados psíquicos. Daquela, na nosa comarca, as persoas discapacitadas estaban totalmente abandonadas e á maioría das familias dáballe vergoña manifestar que un dos seus membros era discapacitado e moitas veces trataban de os ocultar.

AUXILIA (cando non había centros específicos de educación especial nin con moito se falaba de inclusión das persoas con necesidades especiais nos centros ordinarios de ensino) ofrecía clases a domicilio e a distancia (por correspondencia) co apoio dunha revista propia que levaba o mesmo nome que a organización, para estas persoas discapacitadas, abandonadas e olvidadas pola sociedade. Existía un voluntariado que colaboraba de bo grao coa filosofía de AUXILIA, todos estabamos moi unidos, monitores e persoas con algún tipo de discapacidade. Traballábase con nenos e mozos, pero tamén con persoas adultas.

Eu participei moi activamente naquela grata e inesquecible actuación con persoas como nós, quen non ten algún tipo de discapacidade! Eu pensaba xa daquela e agora aínda máis, quen non é discapacitado en maior ou menor medida? AUXILIA axudoume a tomar conciencia dunha realidade, moitas veces oculta. Eu algo aportei, pero foi moito o que recibín.

Os membros de AUXILIA ademais de dar clases, tentabamos de que os discapacitados participasen activamente na vida social, que atoparan algún traballo ou actividade acorde coas súas características persoais, pero, tamén na vida do ocio e da diversión. Íamos todos aos bares, discotecas, canchas deportivas, actividades culturais e relixiosas; paseos polas vilas, baños nas praias, organización de colonias de verán,... Buscando unha vida o máis normalizada e autónoma posible.

Que eles se incluiran na sociedade, que non houbera “ghetos”, organizabamos viaxes e as tan queridas e lembradas colonias de verán. Eramos todos amigos en plano de igualdade, deso se trataba. Eu podería contar mil e unha anécdotas e vivencias que foron moi importantes na miña vida e na visión que me fun facendo dela. Xa dixen que non só daba, senón que recibía, moito máis do que eu poidera dar. Foi algo moi enriquecedor para todos e moi bonito no tempo que durou, lástima que non tivera continuidade, os camiños da vida, novos destinos; en fin, unha pena que alguén non continuase coa experiencia.

Nese precioso tempo pasado, fixemos moitas cousas. Atendéronse moitas persoas e familias, faciamos reunións periódicas no colexio filipense, festas para todos. Organizamos unha subasta para recadar fondos, que fora todo un acontecemento na cidade, na pista polideportiva (que se usaba como sala de usos múltiples) do antigo Liceo Marítimo, na súa antiga sede de Ravella, algúns festivais no antigo Cine Arosa, cedido gratuitamente para tal fin. Un deles, se non me falla a memoria o 6 de maio de 1978, que presentamos Mª José Rubianes e mais eu (tal como se comproba nunha das imaxes). Neste festival participaran grupos artísticos da zona e tivera unha sonada actuación o mítico Xan das Canicas. Outro festival moi emotivo por múltiples circunstancias foi o que contou coa actuación totalmente xenerosa do lembrado cantante galego, Suso Vaamonde, envolto naqueles intres en dificultades, pero non faltou á cita e encadilou ao numeroso público asistente.

Eu mantiven unha relación moi especial, cun amigo, Juan Luis Seoane, un carrilexo, ao que a vida non lle resultou nada fácil, agardo que donde estea todo lle vaia ben, xa fai moito tempo que non sei nada del (na imaxe estamos xuntos, nun dos nosos numerosos paseos, que dabamos pola nosa cidade), tamén eramos asiduos seguidores do fútbol do noso Arousiña. Que tempos aqueles, xa non voltarán! Quédannos as lembranzas, a amizade, os tempos de loita, nos que se ían dando pasos e conquistando novas metas e rachando con tantos prexuízos, cousas que hoxe están asumidas, naqueles tempos costaban moitos sacrificios e incomprensións. Pero, pagou a pena e AUXILIA fixo un gran labor que compre lembrar e recoñecer.

AUXILIA pretendía e penso que pretende, aínda que eu agora estou totalmente desvinculado da asociación, facer xustiza cos máis débiles, e tiña un soño, a plena inclusión dos discapacitados na sociedade por medio dos estudos, do traballo, da vida social e de lecer. Unha sociedade para todos, onde os distintos tamén contan, e todos somos distintos. Ese ideal que vivín de mozo, con outros mozos, aínda é posible, ese soño de M. Luther King, dunha sociedade igualitaria e xusta, na que todos cabemos, é un soño polo que compre traballar, e eu ademais de noutros sitios, mameino na añorada AUXILIA.

No hay comentarios: