miércoles, 22 de agosto de 2012

JULIA BECERRA MALVAR, A CONDESA DO POBO

Julia Becerra Malvar veu a primeira luz no pazo familiar de Salcedo (Pontevedra) no ano 1889, era filla de Manuel Becerra Armesto, quen era alcalde de Pontevedra cando naceu Filgueira Valverde en 1906, e de Josefa Malvar de la Maza, da familia do recoñecido arzobispo Malvar, que ocupou a mitra compostelá e promoveu a estrada que une Pontevedra coa capital de Galicia. A condesa de Creixell finou na súa casa de Madrid en 1974. Como argumenta o noso amigo, Xosé Lois Vila Fariña, no seu libro: EL VALOR DE UNA MUJER: JULIA BECERRA MALVAR. NOTAS PARA SU BIOGRAFÍA, trátase dunha muller adiantada ao seu tempo, ben relacionada coa intelectualidade galega, moi amiga do poeta Ramón Cabanillas, por exemplo. Tiña moi bos contactos con personaxes dos distintos sectores políticos, cabe mencionar aquí a súa colaboración e participación no chamado pacto de Barrantes, alá polos primeiros anos trinta do pasado século. Sabida a súa afección pola música e máis concretamente polo "bel canto". Tamén gustaba da vida sinxela do campo, amante da Natureza e dos traballos campesiños, disfrutaba moito co contacto das xentes da bisbarra de Barrantes, o seu pai deulle como agasallo de voda o pazo de Barrantes. Era unha muller boa que axudou a moita xente nos tempos terribles da Guerra Civil (1936-1939) e nos da ulterior dictadura. Foi unha benefactora de Ribadumia e Barrantes, onde cedeu numerosos terreos onde se construiron instalacións e equipamentos para diversos servicios públicos do concello ribadumiense e foi artífice de moitas accións que redundaron no beneficio dos seus queridos conveciños. Para saberes moito máis desta ilustre muller compre ler o libro de Vila Fariña, que foi presentado oficialmente o pasado venres 17 de agosto na Casa da Cultura de Ribadumia. Xunta ao autor estaban na Mesa Presidencial, a Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña Muñiz, quen presidiu o acto de presentación, a ex directora do CPI "Julia Becerra Malvar", Emilia Martínez Pazos, promotora da publicación e do acto, e o xornalista vilanovés, Benito Leiro Conde, quen colaborou con Vila Fariña para rematar a publicación desta monografía. Entre os numerosos asistentes a esta presentación atopábanse familiares e descendentes da condesa, entre eles, María Cristina Cebrián Sagarriga "Coca", sobriña da biografiada, quen facilitou numerosas informacións e abundantes materiais documentais ao noso bo amigo Vila Fariña, que é un exemplo de superación para todos nós diante das dificultades da vida, do que tamén sabía bastante a boa de dona Julia. Noraboa e parabéns para Xosé Lois Vila Fariña, "Ulisis Figueroa".

No hay comentarios: