lunes, 13 de agosto de 2012

EXISTE UNHA ESCOLA GALEGA HOXE?

Os anceios dos galeguistas, dos homes e das mulleres que amaban a Galicia e pola que moitos deles entregaron a súa vida como verdadeiros mártires, alá, polos primeiros anos do século XX, e sobre todo, na década que vai dos vinte aos trinta, reivindicaban que houbera unha escola galega, onde se falara a súa querida lingua e onde se ensinaran as materias, as ciencias, as técnicas, as artes propias e útiles para Galicia. Abrir as fiestras dun escola arcaica para que entre dentro o aire fresco de Galicia, que traballe pola renovación e por un bo porvir para Galicia e para as súas xentes. Que a escola non lle dea as costas unha vez máis á malfadada Galicia. Aqueles egrexios galeguistas quería unha escola galega na que se estudiasen e vivisen a lingua galega xunta á nosa xeografía, a historia, a ciencia, as técnicas, as artes, os costumes e a cultura da Nosa Terra, co fin de traballar por unha terra próspera, que supere a tradicional miseria material e espiritual na que vivía e aínda vive Galicia. A Nosa Terra estaba olvidada e aldraxada. Os galeguistas querían un mellor porvir e este pasaba por ter unha escola galega, con mestres galegos que levaran dentro do seu corazón e da súa mente, no seu sentir e no seu vivir a Galicia, unha Galicia para a vida. Podemos dicir hoxe que temos esa escola galega? A lingua galega é cooficial na nosa comunidade, ensínase oficialmente nas escolas, hai contidos curriculares referenciais de Galicia. Pero, sentimos e vivimos Galicia como desexaban aqueles homes e mulleres bos e xenerosos, íntegros galegos? Penso que non. Falo da miña experiencia. A moitos mestres non lles queda máis remedio que impartir algunhas áreas en galego, se realmente cumpren coa legalidade. A administración pública fai o paripé legalista, mais as súas ideas e o seu sentir son outros. A Administración Educativa de Galicia semella máis unha sucursal da administración da Súa Graciosa Maxestade Británica ou uns aprendices avantaxados da Escola de Chicago e o neoliberalismo. Non aman a Galicia, non sinten Galicia; sérvense de Galicia para os seus fins partidarios. É o que é máis triste a nosa infancia e a nosa mocedade están alienadas, invadidas e colonizadas maiormente pola música, literatura, modas e medios de comunicación alleos; principalmente anglosaxóns: americanos e británicos. Non hai uns medios de comunicación, tan influintes hoxe, realmente galegos. Espallan outras culturas e outros modelos de vida totalmente alleos. Formalmente é posible que exista unha escola galega, na lei morta; pero, no fondo e na práctica quedan moi lonxe de se cumprir as arelas daqueles homes e mulleres que soñaban cunha escola galega e cunha puxante Galicia. Precísase seguir a reivindicar a Galicia e mais a escola galega que querían, entre outros: Villar Ponte, Johan Viqueira, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira, "Roxerius",... Temos que seguir a soñar, a arelar esa Galicia, esa escola galega polas que compre traballar e loitar día a día, todos os días.

No hay comentarios: