En Santiago, nunha excursión do grupo do catecismo da Laxe
En Chapela, nunha excursión de fin de curso da Escola Ponte de Xitanos
Coñecín a Esther Guadalupe de las Cuevas Ortiz, cando eu tiña 14 ou 15 anos, ela era relixiosa filipense da Comunidade de Vilagarcía de Arousa, comunidade que rexía e rexe o Colexio Sagrada Familia da mesma cidade. Coincidimos no que chamaremos Club Xuvenil Parroquial de D. Daniel, a este colectivo xa lle dedicamos a nosa atención nunha entrada anterior deste blog. Guada, así chamabamos nós á nosa querida madre Guadalupe, quen acompañou a D. Daniel Luís Espiño Otero a pastorear e a coidar deste grupo de mozos, primeiro, e xa despois, de mozos e mozas. Guada e Daniel axudáronnos a medrar como persoas, despois dos nosos pais, eles cumpriron unha misión educadora integral con todos nós. Eles foron e son nai e pai de todos nós e sempre os quixemos e queremos como tales. Ao facer esta lembranza véñenme as bágoas aos ollos, pero Guada nos quería alegres, que nos sentiramos salvos polo Cristo Resucitado, o Cristo que vive para sempre e nos conduce á Vida. Guada, modelo de crente, confiaba plenamente no Señor da Vida.
Guada axudounos a amar e respectar aos demais e a ter preferencia polos máis humildes e pequenos, seguindo o modelo, a mensaxe e o estilo de vida do Xesús vivo. A palabra Vida-vida era moi importante para Guada. Foron moitas as actividades daquel Club, que nos marcou para sempre (actividades para descubrir, coñecer e amar a Galicia a ao galego, catequeses nos barrios, festivais benéficos, clases particulares a necesitados, construcción da Escola Ponte de Xitanos de San Pedro de Cornazo e colaboración coas comunidades xitanas, contrucción da sociedade Contra Vento e Marea da Laxe e do seu local social, fundación e colaboración co grupo folclórico de Trabanca Badiña Os de San Miguel, creación e participación dun Grupo Social da Mocedade de Vilagarcía con xuntanzas e convivencias, colaboración co grupo folclórico Mocedade da Torre, colaboracións cas festas da Amizade de A Torre-Trabanca Badiña, participación activa nas I e II Pascua Xoven, celebración e organización das Feiras do Libro en Vilagarcía,... E a añorada e tenra convivencia diaria no Club: estudos, celebracións, xogos, excursións, música, folclore... Xesús que tempos!
Foi tanto o que aprendín dela! Cando me fixen mestre, falabamos de educación, de pedagoxía e psicoloxía, programabamos conxuntamente actividades e unidades didácticas para os nosos alumnos. Que fermosas e inesquecibles xeiras de traballo educativo na Escola Ponte de Xitanos de Cornazo! Compartiamos ideas, experiencias. Tamén tivemos en común o traballo en Cáritas, a atención aos máis pobres e marxinados. Ela foi para moitos presidiarios, enfermos, mozos con problemas de drogas, o único contacto, a palabra agarimosa, os consellos e os coidados de nai, o seu labor calado, pero constante no roupeiro de Cáritas de Arousa e sempre as súas palabras conciliadoras e amables, pero esixentes, o seu exemplo vital. Amor, outra palabra clave na fructífera e exemplar vida da nosa amada Guadalupe.
Tanto nos queriamos, tanta confianza nos tiñamos que non me afago a non tela presente. Foi unha nai, unha mestra, unha amiga da vida e para a vida. Ela agora ten Vida plena, está na Casa do Pai e desde alí velará, coidará e pedirá por todos nós.
Guada, sempre te terei presente no meu corazón e na miña mente e que siga a aprender de ti a ser consecuente co binomio de palabras clave, que teñen que ser experiencia, vivencia de Cristo vivo: VIDA-AMOR. Para ti esta lembranza agarimosa, confiada e alegre, dentro do sentimento agridoce da túa asusencia de aquí, da Terra, pero ti xa estás no Ceo. No colo da miña nai escoitei que morreras por min / e aínda é hoxe o día que creo en TI.
No hay comentarios:
Publicar un comentario