martes, 28 de abril de 2015

ALONSO SOBRE FILGUEIRA







XESÚS ALONSO MONTERO DIANTE DOS FEITOS DE 1936 COMPRENDE A FILGUEIRA


O luns 27 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos do VI edificio do Museo de Pontevedra asistín á presentación do libro de Xesús Alonso Montero: Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, publicado por Xerais e no que o profesor Alonso Montero manifesta a grandeza da vida e da obra filgueirianas e da súa repercusión positiva na nosa cultura, trátase dunha valoración entusiasta e dun alegato da figura do pontevedrés frente a polémica desatada pola dedicación do Día das Letras Galegas como homenaxe ao seu labor literario e erudito, Alonso comprométese na súa defensa argumentada obxectivamente.

Presisdiu a Mesa a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, acompañada ademais de polo autor, por Xosé Fernando Filgueira Iglesias, fillo do biografiado e presidente da súa Fundación, Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo e discípulo de Filgueira e o Sr. Bragado, editor. Da moi interesante e longa intervención de D. Xesús, fixareime en dúas datas, 1936 e 1942 ás que fixo especial referencia.

Primeiro, todo historiador ten que ter en conta a análise do contexto e das circunstancias históricas nas que se producen os feitos e se desenvolven as vidas das persoas. Na liña da exposición de Alonso Montero, poderiamos preguntarnos a altura de 1936:

Quen é o heroe que arrisca a vida e a facenda diante da guerra e da ditadura? “Eu fun catedrático na época de Franco como Filgueira foi alcalde na época de Franco”. Filgueira de 1936 ata ben entrados os anos corenta amósase  moi prudente e cauteloso. “Sabía que a historia ía para longo e nunca choveu que non arraiara”. “Filgueira era un posibilista”. Sabía agardar por situacións mellores e máis favorables.

A guerra e os primeiros anos da postguerra foron terribles. Empezan outros aires e modos cando se albisca a derrota dos países do Eixo e os Estados Unidos pasa a ter un papel moi preponderante no escenario da política internacional.

“A violencia é o fracaso da palabra. É bo polemizar, pero non cair na descalificación gratuita e nas aseveracións sen probas nin datos obxectivos. Temos a sorte de que o Día das Letras Galegas festexamos ás palabras. O fracaso das palabras dalle paso á violencia”.

“Ramón Piñeiro diante da inhumanidade da guerra cae na depresión da que o salva o seu capitán, Antonio Rosón, quen o axudaría máis veces, como por exemplo na reducción da pena cando foi condeado  e Piñeiro pasaría na cadea desde 1946 a 1949”. Logo sigue a minar desde dentro o franquismo”.

“Desde dentro pódese erosionar o franquismo, tal como fixeron, entre outros, Piñeiro e Filgueira, por eso podemos considerar a Filgueira un quintocolumnista. Está en desacordo co réxime, non nos aspectos relixiosos. Filgueira atópase igual que en 1935, a favor do galeguismo e da República e en contra do Frente Popular. Por eso, en certo modo era quintocolumnista, erosionaba a ditadura con prudencia e sagacidade. Dinamita desde dentro con prudencia e sen suicidios innecesarios”.

Piñeiro acolle como un fito para a cultura galega a edición e publicación en 1942 do Cancioneiro musical de Casto Sampedro y Folgar rescatado por Filgueira, “quen se atopou cunha morea de fichas de Sampedro que ordenou e sistematizou”. É unha obra importante desde o punto de vista da literatura, da música e do folclore. Filgueira elabora unha importantísima introducción, inclúe notas e aparato crítico así como a bibliografía. Constitúe unha obra valiosa e unha positiva aportación para a nosa cultura. Filgueira era deudor do estilo do Seminario de Estudos Galegos, nótase na súa metodoloxía científica, na interdisciplinariedade e no compromiso co país.

Nos anos corenta e cincuenta Galicia é un ermo cultural. Piñeiro dase conta de que calquera cousa que se fixese a prol da cultura galega, ben feito estaba. Por eso aplaude en 1942 a aparición do Cancioneiro. Como aplaudirá, desde a revista Grial, en 1970 a intervención de Filgueira Valverde nas Cortes Españolas e invocando a Sarmiento para introducir no sistema educativo a utilización e estudio da lingua galega.

D. Xesús di que sería conveniente estudiar a relación entre Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, traballando, por exemplo, no seu epistolario. Comenta D. Xesús que cando teña tempo adicarase a ese labor.

Logo de recibir os merecidos aplausos pola súa extraordinaria disertación, D. Xesús firmou exemplares desta súa obra dedicada a Xosé Filgueira Valverde, de quen festexamos os milleiros e milleiros de palabras que escribiu e pronunciou en tantas conferencias e actos ao longo da súa extensa e fructífera vida.

No hay comentarios: