martes, 23 de agosto de 2016

150 ANOS DE COMBATE NAVAL EN VILAGARCÍA, 1886-2016




Todo o mundo estaba espectante no complexo das praias da Concha-Compostela de Vilagarcía de Arousa para contemplar o espectáculo de fogos artificiais combinado con música, que constituirían o Combate Naval que poñería un dos colofóns á popular Festa de San Roque de 2016. Cento cincuenta anos despois da primeira experiencia. O combate naval é unha tradición moi querida polos vilagarciáns e polos asiduos ás festas patronais de San Roque. (Vilagarcía ten outra patrona, Santa Baia, que salvo os veciños do querido barrio de A Laxe, ninguén se lembra de festexar). 

Pero ao que iamos, o Combate Naval -2016 (teño que puntualizar que hai anos eu non era moi partidario de gastar tantos cartos en lume, habendo tantas necesidades que atender, pero bueno tamén hai que divertirse e atraer visitantes á vila por se deixan algúns beneficios na hostelería e nos comercios, que tamén tanta falta hai). Pero vaiamos co conto, a eso das 00:00 h. do domingo 21 de agosto de 2016, unha voz familiar, a gran voz de Julio García, actor (e tantas cousas máis) e responsable do grupo de teatro Clámide atrona na calorosa madrugada para anunciar o grande espectáculo de luz e son que nos tiña preparado a pirotecnia Penide para conmemorar esta importante efeméride festiva, sendo como é Xulio tan delicado e educado agradece aos devanceiros pola iniciativa, a todos os presentes por participar das festas vilagarcianas e a empresa Penide polo interese que pon cada ano, ultimamente, en innovar e atraer xente ao Combate, que homenaxea á nosa Armada que loitou na batalla naval do Callao alá no século XIX.

A idea de combinar fogos de artificio con música non é nova, Haendel (1685-1759), na súa etapa inglesa, compón unha chamada "Water Music", "Música Acuática" escrita para un paseo da Corte polo río Támesis no verán de 1717 e en abril de 1749 organízanse uns extraordinarios fogos de artificio en Londres, aos que asiste o propio rei, e para os que Haendel compón a "Fireworks music", "Música para os Fogos Artificiais". Parece ser que nesa ocasión, a música soou antes de prender os fogos; disfrutaron previamente da música. Aquí en Arousa Bay quixemos combinar fogos e música o que é unha boa iniciativa e unha boa intención, tamén se fai algo así en Compostela nos fogos do Apóstolo. Como digo a idea paréceme persoalmente moi ben. Pero nesta ocasión, a combinación non estivo ben sincronizada (asunto difícil de realizar) e logo a música escollida non foi moi apropiada. Gustoume máis cando coincidiu co fragmento de Carmina Burana, penso que o que mellor lle acae é unha boa música clásica e iríalle tamén ben fragmentos de música celta, con tantos e bos grupos galegos que hai. Como primeira experiencia, plausible e a seguir así, mellorando. Ah! o son podía estar un pouco máis baixo, mellor regulado. Non obstante, parabéns e noraboa á Pirotecnia Penide e ao Concello de Vilagarcía que é quen contrata e quen acolleu a idea favorablemente.



No hay comentarios: