MALDITO BURACO!
Era
un meu profesor de Sánscrito, un profesor que somentes se preocupaba de cobrar a nómina á fin de
mes. O alumnado na súa inconsciencia e na súa mocidade facía todo o posible
para rir as gracias, os pretendidos chistes e demais historias que lle facían
crer ao mestre que era un home moi simpático e ocorrente.
E
nós a rir ata escachar co fin de perder o tempo, o máximo tempo de clase. O
profesor contábanos unha ridícula historia dunha formiga que el chamaba Fis.
Tamén nos contaba o tipo de panos de man, que eran de tea de Cachemira que lle
mercaba a súa dona,... e nós a finxir moita atención no que nos contaba e a rir
sen parar, como parvos, facendo un grande estrondo e a pasar o tempo; o tempo
pasaba, pasaba, soaba o timbre; fin da clase e así tantos minutos acumulados de
perda de clases, tempo que se nos descontaba a nós, o docente cobraba mes a
mes, puntualmente.
Un
día de exame, mentres nós pretendiamos responder ás nosas preguntas, o mestre,
desde a súa mesa, lía con fruición o xornal que tiña entre mans.
A
maioría da clase aproveitaba para copiar ao máximo, dadas as circunstancias do
illamento lector do docente, que non deixaba para nada o xornal. Mais, cando
deu a nota dese exame todos os que copiaran aparecían suspensos; como podería
ser?
Un
día o profesor deixou esquecido, riba da mesa un xornal. Cando marchara, todos
nos precipitamos sobre a mesa e observamos con detemento o maldito xornal e
tiña un buraquiño no medio, por aí foi como pillou a todos os copistas do
exame. Todos exclamamos vaia c. ...!
Pero,
seguimos a rir para que pasara o tempo...
Aquel
tempo da inconsciente e feliz mocidade que xa non tornará!
Xermán Manuel Torres