O COLEXIO O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA DE AROUSA
“Volver
la vista atrás es bueno a veces”
Mirar cara atrás para
deterse a observar o camiño percorrido para revivir sobre todo as gratas
vivencias e experiencias compartidas con tantas persoas (compañeiras e
compañeiros, alumnado, familias, inspectoras e inspectores, autoridades
educativas, querido conserxe e persoal de servizos) é algo gozoso e un
exercicio de ledicia e de certa nostalxia.
Sucédeme isto ao
lembrar os máis de 31 anos vividos na miña segunda casa, o CEIP O PIÑEIRIÑO da
miña querida cidade natal. Dos 39 anos de exercicio no ensino público a maioría
o foron no meu querido e lembrado colexio.
Sirvan estas palabras
de cariño como a miña homenaxe á comunidade educativa de dito colexio, meu
colexio. De recoñecemento a tantas queridas compañeiras e queridos compañeiros,
ao alumnado co que compartín tan gozosas experiencias educativas e coas
familias, miñas queridas e lembradas familias, cada unha coas súas
peculiaridades e características. Tamén a relación co conserxe tan dilixente e
disposto sempre a axudar, unha relación tan entrañable. Todos eramos como unha
grande familia.
Cheguei alí o 1 de
setembro de 1990, unha data que non esquecerei endexamais. O colexio
impresionoume pola súa beleza, a súa amplitude, os seus xardíns, a súa luz. Foi
a primeira impresión, as magníficas e coidadas instalacións. Despois fun
coñecendo ás persoas, o máis importante.
Empecei impartindo
Lingua e Literatura Galega e Relixión na segunda etapa (6º, 7º, 8º) da antiga
E.X.B., logo, máis tarde, pasei a encargarme algúns cursos de 1º e 2º da
Educación Primaria, etapa engaiolante por ser a do traballo na consolidación do
proceso da lectura e da escritura, que a min tanto me gustaban.
Desde o 1 de setembro
do 2000 e ata a miña prexubilación o 1 de xaneiro de 2022 encargueime da
Xefatura do Departamento de Orientación, sendo o primeiro orientador do Centro,
así como do CEIP A ESCARDIA e da Escola de San Pedro de Cornazo, centros dos
que tamén gardo moi grata lembranza.
Foron moitas as
actividades desenvolvidas nestes felices e lembrados anos, ademais dos actos
educativos e función orientadora cotiás, realizábanse no colexio moitas
actividades extraescolares e complementarias; vou sinalar algunhas das que máis
pegada deixaron en min:
-
A posta en marcha do grupo de teatro
escolar “Brétema”, con tan excelentes montaxes e representacións que
realizamos, recibindo varios premios. As viaxes con este grupo.
-
O obradoiro de mimo e monicreques,
especialmente dirixido ao alumnado de Educación Infantil, etapa tan querida e
apreciada por min e onde tan ben o pasei!
-
O Coro Escolar, co que fomos premiados
no Concurso de Vilancicos de Vilaxoán, cantamos algunhas misas na Residencia
Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa, que tamén visitabamos periodicamente
para compartir panxoliñas no tempo de Nadal. Tamén participamos cun repertorio
de cantigas galegas nas homenaxes organizadas pola Mesa das Verbas e o Concello
ás personaxes ás que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. As viaxes
culturais con este grupo.
-
Os percorridos para ir coñecendo
Vilagarcía, deténdose dun xeito moi sinxelo para coñecer os escudos de
Vilagarcía, rudimentos da heráldica para aprender a distinguir os escudos
eclesiásticos dos civís, actividade desenvolvida principalmente con 2º de Ed.
Primaria.
-
O traballo na Biblioteca Escolar,
conseguindo que entrara no PLAMBE, de mellora de bibliotecas escolares
patrocinado pola Consellería de Educación.
-
A posta en funcionamento e
desenvolvemento da Escola de Pais e Nais.
-
A colaboración na posta en marcha e
funcionamento da Robótica Educativa.
-
E as numerosas visitas culturais e
excursións. As de fin de curso e fin da EXB cos oitavos, as de fin de Primaria
cos sextos, as visitas anuais ao Museo de Pontevedra e ao Museo do Pobo Galego,
visitas á Casa das Ciencias, Casa dos Peixes e Domus na Coruña, visitas e
encontros con escritores como Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa en
Grés – Vila de Cruces, visita ao centro de escritores como Manuel María, Fina
Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xesús Alonso Montero,...
-
Sinalar como moi importante no centro o
coidado do medio ambiente. Mantemento dos xardíns, acuarios, charca,
paxareiras,...
-
E os obradoiros e circuítos científicos,
literarios e lúdicos que se organizaban nalgún momento no colexio, como na
festa de fin de curso.
-
A preparación dos números do xornal
escolar O REDACTOR e O REDACTOR DIXITAL.
-
Os momentos de convivencia e festa, as
Romarías das Letras Galegas, as comidas campestres do profesorado á fin de
curso, celebradas moitas veces en Fontefría, os actos de conmemoración por toda
a comunidade educativa co gallo do XXV aniversario do Centro.
-
Os banquetes pola xubilación de
compañeiras e compañeiros.
E tantas outras que sería difícil enumerar
aquí.
Foron
moitos anos de convivencia e de labor docente neste fermoso colexio O
PIÑEIRIÑO, instalado no popular barrio homónimo, tamén coñecido como As Pistas.
Meu
cariño e miña lembranza a esta comunidade educativa que para sempre levarei
dentro do meu corazón. Longa vida e feliz vida docente para O PIÑEIRIÑO!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario