viernes, 15 de diciembre de 2023

I CONGRESO DE CIDADES DOS MUCHACHOS, 12-14-DECEMBRO-2023

 



Foi unha satisfacción poder asistir e participar en liña a este I Congreso das Cidades dos Muchachos do Mundo, desde Estados Unidos a BOYS TOWN, fundada polo padre Flanagan en 1917, desde a BENPOSTA DE COLOMBIA, fundada nos anos 60 do pasado século, despois dunha visita do Circo dos Muchachos do padre Silva, quen fundara en 1957 a BENPOSTA galega en Ourense e finalmente a CEMU DE LEGANÉS, fundada polo tío Alberto nos anos 70. Foi un pracer compartir as tardes dos días 12, 13, e 14 de decembro de 2023, desde as catro ás sete da tarde escoitando as experiencias dos muchachos, dos seus dirixintes e responsables e afondando na liña pedagóxica destas institucións, onde o neno é o centro e onde se pretende un ensino vital de democracia e liberdade e de respecto e tenrura cara os demais, mesmo dos máis necesitados. Como utopía vese necesario o goberno dos nenos na busca da construción dun mundo novo e mellor.





Animado a participar polo meu director de tese, o Dr. Xosé Manuel Cid Fernández, Decano da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo e coordinador do meu Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento, quen coa súa aportación neste Congreso introduxo a idea da interxenaracionalidade nas Cidades dos Muchachos, e que a arquitectura das cidades debes estar adaptada aos nenos nas liñas propostas por Francesco Tonucci e o propio tío Alberto; pero, que hai que dar un paso máis, facer cidades máis humanas, amables e sostidas para os cidadáns de todas as idades. Esta proposta do Dr. Cid foi moi ben acollida no Congreso. As propostas pedagóxicas, didácticas e metodolóxicas da experiencia Cidades dos Muchachos son moi válidas e interesantes como paradigmas das accións educativas no noso maltreito mundo. A idea da docencia familiar interesoume moito e considéroa moi axeitada para a infancia e mocidade con problemas. A infancia con carencias afectivas e a infancia traumatizada tan necesitada de afecto e dunha correcta educación que lle motive a levar adiante un proceso vital que lles faga sentirse persoas realizadas e con protagonismo na sociedade para a súa promoción persoal, que lles axude a sentirse e a ser cidadáns útiles e aceptados para a construción dun mundo mellor, como arelaba o lembrado padre Silva.

Oxalá a Asociación Cultural Padre Silva, logre recuperar e rehabilitar a cidade de Benposta, a poucos kilómetros da cidade de Ourense.


Parabéns a todos os que fixeron posible este I Congreso de Cidades dos Muchachos do Mundo. Un mundo que queremos mellor, máis humano, máis amoroso, máis libre e máis xusto. Un lugar habitable e fermoso onde teñan cabida todos os seres humanos sen distincións nin discriminacións de ningún tipo. Poderémolo lograr!








VIDEO CLIPS



















No hay comentarios: