Mostrando entradas con la etiqueta Xermán Torres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xermán Torres. Mostrar todas las entradas

domingo, 18 de octubre de 2026

UN MEU NOVO ARTIGO DE OPINIÓN EN PONTEVEDRA VIVA

TRAIZOAR O VELLO, O CADUCO

Por Xermán Torres


 

Na sinxeleza das cousas como nunha flor podemos atopar harmonía e paz

 

Debería de ser un desexo de todos, que os seres humanos puideran topar no fogar e na patria paz e tranquilidade; prosperidade e liberdade. Un lugar onde acougar e poder vivir sen sobresaltos e poder desenvolver unha vida plena e todos os sentidos da existencia humana. Ansia de todo ser humano poder vivir en paz, exercer o dereito de vivir en paz.

Podemos constatar a pesares de todas as eivas, dificultades e obxectivos por cumprir que en España, a partires de 1978, estase a desfrutar do período máis longo de paz e de prosperidade de toda a nosa longa e tumultuosa historia. A pesares dos múltiples problemas que hai, que houbo e que haberá gozamos dun momento único da nosa historia. Todos os problemas poden xestionarse e buscarlle solucións nun marco de paz e de concordia.

Para lograr este único período de paz houbo que traizoar o vello, o caduco, as rémoras do pasado, referímonos á liña de traizóns das que fala Javier Cercas na súa Anatomía de un instante (2009).

Os séculos XIX e XX foron séculos turbulentos e violentos no noso país, séculos de guerras entre irmáns na nosa querida España, dentro dun marco e dun contexto internacional non menos belicoso e onde un novo imperio estábase a facer co dominio e co control do mundo e impoñendo a súa lei.

Agora, no século XXI, máis pacífico no noso país e xa era hora, pero non así en moitos países do mundo (non aprendemos nada), o imperio dominante é un imperio apodrecido, decadente que vai perdendo o seu poder. Será o ocaso de Occidente?

Por Oriente, novos imperios emerxentes, están a loitar por abrirse camiño para irse facendo de paseniño e silandeiramente co dominio mundial. Uns imperios caen outros xorden con novos folgos. No mundo desde que é mundo naceron e morreron infinidade de imperios. Agora estamos a contemplar a caída dun imperio e as loitas doutros por abrise paso e dominar e colonizar de novo.

O chamado “sapiens, sapiens” ten moi pouco de sabio e un moito de depredador; como depredadores son todos os imperios “habidos e por haber”.

Mais, en concreto, en España e pese a quen lle pese estamos a vivir o momento máis pacífico e máis próspero da nosa recente historia.

Aínda así, no noso país e en Occidente temos un grave problema, moi serio: o declive demográfico. Estámonos a quedar sen xente, a este paso, somos unha civilización en risco de extinción, de desaparición. Os galegos somos unha especie cos días contados. España e Europa, se non cambian as tornas, vanse quedar sen xente. E para manter o nivel de vida, ese benestar que outros arelan, imos ter que aceptar (e xa está sucedendo) que outros seres humanos, irmáns nosos, chegados de lonxanas terras veñan traballar aquí para realizar traballos de profesións e oficios que están a desaparecer aquí e que veñan coidar dos nosos maiores, que veñan a cotizar para manter os servizos, para poder soster aos xubilados e se poidan pagar as pensións,...

A min fanme pensar moito cancións como Imagine de John Lennon e No me llames extranjero de Rafael Amor. Á fin todos somos cidadáns do noso pequeno, insignificante mundo dun planeta corrente, un punto perdido nun lugar perdido no inmenso Universo. Países, fronteiras e bandeiras, mesmo relixións son convencións, puro invento, orixinados por múltiples e arbitrarias razóns. Non as fronteiras e as bandeiras que dividen e matan.

Nunca, endexamais o asasinato, as violencias, a morte dun irmán; rematen unha vez por todas as infames e absurdas guerras. E relixións? As que prediquen e practiquen a irmandade, a paz e o benestar de todas as persoas, sen distincións e dun xeito efectivo o que prediquen que o cumpran, que o traduzan a feitos concretos, para que todos poidamos convivir e compartir os bens deste pequeno mundo dun insignificante e perdido planeta, pero, ao mesmo tempo tan fermoso, coidémonos todos e coidemos a nosa casa común, a preciosa e xenerosa Terra.  


https://www.pontevedraviva.com/es/opinion/traizoar-vello-xerman-torres_521608_102.html  

domingo, 15 de febrero de 2026

PALABRAS PARA DON XESÚS

Con don Xesús, nunha das súas visitas ao Colexio O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa
 


O moucho e as curuxas

da fraga de Ventosela

chían tristes porque o seu druída

foi durmir fóra,

está xa moi lonxe

ou quizais moi preto

fundido na Terra.

 

Fai bo “humus”

o corpo inerte do sabio da aldea

“como quen dis un ninguén”

cuberto de letras, de versos e de discursos...

 

A súa áurea pairea por todo o Ribeiro,

o eco da súa recia

e baril voz resoa

por todos os confíns de Auria

e esténdese por todo o territorio

da antiga Suevia.

 

As súas ansias de xustiza

da redención da boa

nazón de Breogán

van máis alá

no seu desexo universalista

de conseguir un mellor mundo

para todos.

 

As súas arelas

hano converter

á fin nun auténtico

e único comunista.

Alonso Quijano

foi aos soviets,

agora voa libre

e chouta polos outeiros,

polas fragas, polos montes

da súa querida Ventosela.

 

O pai Miño

coas súas xenerosas augas

rega o corazón morto do druída

que forte como un buxo

bate preto das estrelas

sucando os confíns do alén

e está a berrar:

-          Quero ser comunista! Quero ser comunista!

E conseguiuno.

El, meu caro amigo, estará por sempre

no meu corazón

e no corazón dos pobres

e de todos os traballadores do mundo.

 

Nun coro internacional escóitanse

como un laído os seus berros

e o seu puño no alto

pedindo a liberación

das cadeas que nos atan

e nos oprimen.

O Suso

coa súa bandeira vermella

lidera a manifestación.

 

Foise o druída de Ventosela,

quixo durmir fóra

e voar sempre ceibe

polos recunchos dun mundo máxico

onde se ha de atopar

con Curros, Rosalía e Castelao.

Tamén procurará a compaña

de Marx, Engels e Lenin.

Tamén estará a gusto

parolando con Dámaso Alonso

e con Rafael Lapesa.

Con todos

tentando topar xustiza

e loitando pola verdade

e pola emancipación

de todos os oprimidos

do mundo!

 

Descansa xa en paz

Suso de Ventosela

a túa semente

permanece aquí na Terra;

florecerá grazas a ti.

 

Xermán Torres

(No tren cara Vigo, 14/02/2026)



Con don Xesús no outono de 2014

Unha Cidade de Vigo para don Xesús







jueves, 15 de enero de 2026

HISTORIAS DE MESTRES DE VILAGARCÍA DE AROUSA (I)

 


Este artigo aparecido no Faro de Vigo o martes 13 de xaneiro de 2026 deume pé para retomar e reflexionar sobre un tema para min do máximo interese e para coñecer a historia de persoas próximas e coñecidas, moitas veces esquecidas e silenciadas. E houbo na historia da educación do Concello de Vilagarcía de Arousa moitas mestras e mestres dignos de ser lembrados e de coñecer o seu traballo como educadores. Este é un obxectivo que me marco ao comezar esta serie de artigos.


Houbo unha represión física, brutal contra os mestres e mestras, a partires dos tristes, lamentables, noxentos feitos, os chamados acontecementos de xullo de 1936. Pero, aínda máis cruel e nefasto foi o control que se realizou sobre a educación a partires deses sucesos, a castración, o dominio sobre o pensamento de docentes e alumnado, a falta de liberdade, a represión do espírito e das ideas. O medo estendeuse sobre a comunidade educativa. Xa nada volvería ser igual, aínda é hoxe un lastre que levamos con nós. A ver se coñecendo a historia de vida de tantos mestres e tantas mestras, a intrahistoria da educación aprendemos e tratamos de superar erros e por fin somos quen de respectarnos, de convivir pacificamente nunha sociedade democrática que nos faga traballar e construir unha escola inclusiva, onde residan todos e se confronten as distintas ideas e modelos de entender a vida dun xeito civilizado e con argumentos, co uso axeitado da linguaxe sen violencias, sen intrasixencias. Todos cidadáns que desexamos vivir en paz, con tranquilidade, sen medos, sen complexos. 
Eu penso que dos mestres e das mestras dos que falarei, imos aprender moito, e traballar por unha sociedade, por un mundo mellor onde cabemos todos.
Alá, no xa lonxano ano de 1998, cando eu remataba o meu primeiro programa de doutoramento na UNED e estaba a intentar escoller e decantarme por un tema para a miña futura tese de doutoramento e antes de terme inclinado polo FILGUEIRA VALVERDE, EDUCADOR, naqueles intres eu contemplaba a posibilidade de investigar no tema das mestras e dos mestres represaliados do Concello de Vilagarcía de Arousa despois da guerra de 1936-1939 e a conseguinte ditadura militar. Abandoei ise proxecto porque ao contactar cun profesor universitario galego versado neses temas, el díxome:

- Verás, para tratar sobre estes temas hai que ser de esquerdas. Ti es de esquerdas?

Ao tal oír e diante de tal inaudita resposta, foi cando definitivamente me decantei sobre o tema do meu querido e lembrado profesor Filgueira Valverde, quen tamén foi vítima daqueles escuros e violentos acontecementos. Que violentaron conciencias, persoas, familias, amizades. Filgueira Valverde non se puido amosar como era, padeceu represión e un exilio interior. Pensan que non sufriu co que lles pasou aos seus amigos? Entre outros Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Fraguas por tan só citar uns poucos exemplos.

Eu sabía e era coñecedor da historia e da traxectoria de algúns mestres e mestras que exerceron en Vilagarcía naqueles difíciles tempos da guerra e da posterior arbitraria e represora ditadura militar. Mestres como Segundo Abal Padín (1913-1938), Juana Argentina Villaverde Rey, Casimiro Martínez Altimir, Xesús Garrido Álvarez, Faustino Álvarez Blanco, Perpetua Ruiz Ortiz (estes dous últimos mestres serían do outro bando, pois a guerra supuso división, fractura, enfrentamentos), á fin todos afectados polos condicionantes e os feitos daquela "longa noite de pedra".
A algúns chegueinos coñecer persoalmente e mantiven unha relación de amizade, claro aos que sobreviviron como puideron naquelas lamentables circunstancias, aqueles tempos da nosa guerra incivil, da II Guerra Mundial, os miserentos anos 40 e 50 do pasado e cruento século XX, cando pugnaban por facerse co poder e ter o dominio sobre o mundo o capitalismo, o fascismo, o comunismo. Para a fin consolidarse o imperio dos EE.UU. e do capital.
Ese período histórico foi violento e sanguinolento, moi difícil e semella que aínda non aprendemos nada polo devir do noso mundo actual.

O de Segundo Abal Padín foi especialmente cruel e inxusto, ensañáronse con el, segaron a súa vida, frustraron o seu proxecto vital. O que lle sucedeu a este mozo mestre da Escola de Castroagudín cóntase en síntese no artigo de Carolina Sertal (Faro de Vigo, 13/01/2026, p. 31). Estando en capela e pouco antes de ser asasinado polas forzas rebeldes e traidoras escribiu unha conmovedora carta aos seus pais que foi difundida polas redes sociais, eu teño copia (se a atopo, incluireina nunha foto), unha carta a xeito de dolorosa despedida. Segundo, nesta carta, pídelles aos seus pais que coiden e protexan á súa noiva Otilia Vázquez. Quen curiosamente, refaría a súa vida e casaría con outro mestre, tamén represaliado e amigo de Segundo, trátase do coñecido mestre e director escolar de Vilagarcía, Casimiro Martínez Altimir, a quen tamén nos refereriremos e co que ao final da súa vida, case chegou a centenario, mantiven unha fonda amizade, durante moitos anos eu visitaba todos os domingos ao meu querido don Casimiro, co que tiven a oportunidade de falar moito. Algo que foi imposible con don Segundo Abal. Esta lembranza quere ser unha homenaxe e un recoñecemento a Segundo Abal, o mestre de Castroagudín. 
E remexendo nos meus papeis, claro que atopei a copia da triste carta de 1938, que Segundo Abal escribe como despedida aos seus pais e irmáns, tamén atopei un recorte de prensa de cando eu era secretario de formación en FETE-UXT de Arousa e lle dedicamos unha xornada formativa e de lembranza a tres mestres represaliados. Dita xornada celebrouse no meu querido e lembrado colexio de O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa. Aí van as copias de tales documentos:




Na carta de Segundo Abal Padín do 5 de maio de 1938, apreciase como foi cruel e vilmente censurada.

Xosé Álvarez Castro, no seu blog: PONTEVEDRA NOS ANOS DO MEDO, fala doutra carta de Segundo Abal Padín datada o 13 de maio de 1938:




 








jueves, 25 de diciembre de 2025

NA TERRA PRECISAMOS XUSTIZA, PAZ E BEN

 


Que haxa luz e pan en todos os fogares, que un avó poida durmir tranquilamente co seu netiño no colo, que a mocidade troulee con tranquilidade e ledicia, que os adultos poidan ter unha vida e un traballo digno, que os maiores poidan gozar da súa vellez vendo medrar con paz e harmonía ás súas familias.

Que a mensaxe evanxélica se faga por fin realidade: "GLORIA A DEUS NO CEO E NA TERRA PAZ A TODOS OS HOMES DE BOA VONTADE"

Que ninguén e en ningunha parte do noso maltreito planeta Terra se sinta estranxeiro. Todos fomos e somos migrantes, mesmo a Sagrada Familia tivo que fuxir a Exipto e antes Abraham foi un arameo errante. Todo home é  meu irmán. Viva a xente! PAZ E BEN!!! 



miércoles, 26 de noviembre de 2025

UNHA MIÑA INTERPRETACIÓN DE O MEU BURRIÑO


Xerais, 1994 (3ª ed.)

Dedicatoria de Manuel María, no meu exemplar de OS SOÑOS NA GAIOLA

Eu teño unha grata lembranza deste libro, nos meus longos anos de mestre no ensino público empreguei este poemario e o disco homónimo de Suso Vaamonde no proceso de ensino-aprendizaxe da nosa lingua e como divertimento nas clases para gozar da poesía e da música, tamén nos coros escolares que dirixín, que eu chamáballes: CANTAMOS XUNTOS, gozabamos coa poesía de Manuel María e coa música de Suso Vaamonde. Hoxe sigo facendo o mesmo cos meu netos e así pasamos uns intres de felicidade.

O meu alumnado, co auxilio da música, ademais de cantar, aprendían e recitaban fermosos poemas como este, que eu interpretei o pasado 21 de novembro na CLVI Mesa das Verbas, que celebramos no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa e que agora podedes apreciar grazas ao vídeo da miña querida amiga, a poeta Pilar Lojo.

Ah! Un dato, no mes de marzo de 1999, xestionei a visita e o encontro de Manuel María, acompañado de Saleta co meu alumnado do meu querido e inesquecible colexio de O PIÑEIRIÑO, acto realizado coa colaboración das Edicións Xerais de Galicia.











 

jueves, 2 de octubre de 2025

GALICIA NUEVA, 24-07-1933: artigo de Xaquina Trillo Sánchez

 Xaquina Trillo Sánchez, Ultre Eja. Galicia Nueva, luns 24-xullo-1933, portada.



Artigo de Xaquina Trillo sobre o cantigueiro e os trobadores medievais galego-portugueses e unha clara referencia a súa querida cidade de Santiago de Compostela, facendo alusións aos cantos e aos berros dos peregrinos a súa chegada á catedral do Apóstolo Santiago na cidade eterna galega que constitúe un compoñente galeguista moi significativo e que hoxe é a capital de Galicia.

Na portada do primeiro diario da cidade arousá, GALICIA NUEVA (1907-1938) do luns 24 de xullo de 1933, xunto ao artigo de Xaquina Trillo figuran textos de autores, como Vicente Risco, Ramón Villar Ponte, Curros Enríquez, Luis Peña Novo, que Galicia Nueva recolle nesa data "asociandose afervoradamente no Dia de Galicia as arelas de Futuridade, limpa e farta, que tremen alampadas no espirto da Raza".




Xaquina Trillo (Vilagarcía de Arousa, 1916-2004)





 


jueves, 21 de agosto de 2025

O MUSEO DE PONTEVEDRA, SEMPRE! A obra máis mimada de Filgueira Valverde (II)

 

Na miña visita do pasado 16/07/2025, ao fondo O TESOURO de Asorey

Pode dicirse con toda exactitud e propiedade que o Museo de Pontevedra é o Museo de Filgueira Valverde, el configurou e marcou a traxectoria desta grande institución da cidade e da provincia de Pontevedra. Non esquecemos o gran e exemplar labor do director antecesor Casto Sampedro y Folgar, mestre de Filgueira e do director sucesor Xosé Carlos Valle Pérez, discípulo de Filgueira.

E falando de mestres e discípulos, temos que dicir que un mestre remoto de Xosé Filgueira Valverde, por el recoñecido e por el admirado e querido é frei Martín Sarmiento (1695-1772), monxe bieito ilustrado, precursor dos estudos galegos e defensor da lingua galega e de Galicia. Sobre o que Filgueira ten escrito a súa biografía e publicado un epistolario en colaboración con María Xesús Fortes Alén como editora no Consello da Cultura Galega. María Xesús, outra muller importante do Museo, a súa arquiveira por antonomasia e estreita colaboradora de Filgueira Valverde, así como unha das persoas que mellor coñecen á persoa e á obra de Filgueira Valverde.

Sarmiento é unha das especialidades de Filgueira Valverde
(Busto custodiado e exposto no Museo de Pontevedra)

Loxicamente no Museo de Pontevedra non poden faltar referencias e moitos documentos sobre Frei Martín Sarmiento, o Museo de Filgueira é o lugar idóneo para indagar e investigar sobre o sabio bieito e sobre o non menos sabio e compañeiro del, o padre Feixoo, outro gran erudito ilustrado do XVII-XVIII.

Óleo tamén conservado e exposto no Museo de Pontevedra

Na serie de Filgueira Valverde, Pontevedreses Universales, editada e publicada pola Deputación Provincial de Pontevedra (institución clave para o Museo de Pontevedra) Filgueira tense dedicado a Sarmiento e a súa estirpe, o seu apelido, a súa historia. Era un tema querido e recurrente do sabio polígrafo pontevedrés. Persoa digna do noso agradecemento polo seu legado e que debera ser obxecto de estudo e de investigacións. Ánimamos ás novas xeracións de investigadores a que teñan en conta a miña proposta e que superen os prexuízos e a negativa e inxusta lenda creada con mala fe e con pouco rigor científico sobre unha figura tan insigne da nosa cultura como é o profesor Xosé Filgueira Valverde.















sábado, 26 de julio de 2025

A DANZA DE CARRIL

 


Un ano máis presenciei, o día do Apóstolo Santiago (25/08/2025  c. 19:30), a chamada Farsa, a Danza das Espadas de Carril, unha danza gremial, danza branca que se representa no pobo de Carril, unha vez que sae a procesión desde a parroquia de Santiago Apóstolo, e que está documentada desde o século XVII, pero quizais a orixe sexa anterior. Sobre este asunto ten amplamente escrito o meu querido amigo e compañeiro, o etnógrafo e folclorista, Xosé Carlos Rey Cebral.

Danzas gremiais moi semellantes, dentro das danzas brancas, aínda se representan, entre outros sitios, en Covas, Redondela, Marín.

A Farsa de Carril moi ligada ao pobo e mantida polo gremio, pola Confraría de Pescadores. É unha danza moi popular, querida e recoñecida. Alédome que se manteña a tradición e tamén da recente incorporación das mulleres á mesma. Isto doulle enerxía e novos pulos a esta antiga tradición cultural e tamén é unha felicidade ver a tantas crianzas e mozos participar na mesma, o que asegura a súa permanencia e a súa conservación. Parabéns ao pobo de Carril tan celoso de preservar as súas señas de identidade e invitar as autoridades e estamentos administrativos e políticos para que fagan todo o posible por axudar, motivar e incentivar a que esta fermosa tradición non se perda.

Nós, xa vai anos que lle temos dedicado atención a este tema desde aquí. Agora ofrecemos unha reportaxe videográfica coa Farsa das Espadas deste ano 2025.






E ata outra millorada, queridas amigas e amigos. A desfrutar do festeiro verán da Nosa Terra.

Viva Galicia, Terra Nosa!











lunes, 21 de julio de 2025

SEMPER DOCUIT, sempre mestre

 

 
                                   ALUMNADO DO CEIP O PIÑEIRIÑO DE VILAGARCÍA

DE 1º DE ED. PRIMARIA - CURSO 1992/1993


Nesta foto, que penso datada no curso 92-93 do pasado século XX aparezo acompañado por nenos e nenas, que foron parte doutros moitos alumnos do meu querido colexio de toda a vida, o lembrado e inesquecible colexio O PIÑEIRIÑO e cunha ex alumna que daquela era unha docente en prácticas, que eu titorizaba, a mestra Maite Tourís.

Esta fermosa fotografía, que tan boas lembranzas me trae, dame pe para facer unhas reflexións como educador galego e sobre certas ideas que substentaron o meu labor pedagóxico durante tantos anos de exercicio docente. Isto aínda me axuda a seguir a repensar a educación e o ser e estar como mestre. A función docente debera ser útil para propiciar benestar persoal, social; en definitiva saúde para o alumnado, para as comunidades educativas; para a sociedade no seu conxunto.

Manifestar que sempre me gustou moito a Educación Infantil (3-6 anos) e o chamado, nalgún momento, primeiro ciclo de Educación Primaria (6-7 anos), porque trátase de tramos educativos nos que as crianzas posúen unha grande capacidade de aprendizaxe e en termos xerais os nenos e as nenas destas idades son máis receptivos e agarimosos. Tamén eran moi prezadas para min estas etapas educativas porque nelas é cando se producen as actividades pre-lectoras/escritoras e cando as mentes poden eclosionar e seres quen de aprender a ler e a escibir. Momentos marabillosos desde o punto de vista pedagóxico. Por iso, apreciaba eu tanto estas etapas educativas.

Para o proceso de ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura eu partía dun método global, que tiña en conta unha palabra clave e unha pequena frase. Tentando do mesmo xeito, un proceso de ensino-aprendizaxe siginificativo. Aproximándose á zona de desenvolvemento próximo do alumno, tal como indicaba o psicólogo e pedagogo ruso Vigotsky (1896-1934), moi prezado no ámbito occidental a partires dos anos 60, do pasado século XX.

Para lembrar o que eu facía no proceso do ensino-aprendizaxe da lectura e da escritura e por se a alguén lle pode ser útil, vou describir, algunha das experiencias que eu realizaba co meu alumnado:

- Utilizaba láminas-murais coa palabra clave e coa pequena frase e que ía colocando acumulativamente nas paredes da clase e ía presentando a palabra e a frase por medio de cantigas, poemas, adiviñas, contos, fábulas, pequenas montaxes de monicreques, obradoiros de mimo,...

- Confeccionaba con esas palabras dominós, xogos de barallas para reforzar os coñecementos e destrezas con xogos, xogos cooperativos, fomentando a creatividade do alumnado e o gusto artístico, literario, estético e cultural.


Utilizaba moito o fermosísimo poemario para os nenos e as nenas galegos de Manuel María, o poeta da Terra Chá, trátase para min dun libro moi prezado: OS SOÑOS NA GAIOLA.
Procuraba un ensino activo, significativo, creativo; onde o centro era o neno.

Para o cáculo seguía as técnicas Freinet, no seu concepto de cálculo vivo e tamén utilizaba as regretas Cuisenaire e os bloques lóxicos. 
E dentro da filosofía e dos plantexamentos de Célestin Freinet usaba a súa técnica de imprenta escolar, adaptándoa a época do ordenador e das impresoras electrónicas. O meu alumnado compoñía as súas revistas por medio dos textos vivos que redactaban e logo intercambiaban con outras clases. Adaptábamos esa técnica na época dos procesadores de texto, dos ordenadores e das impresoras.
Hai unha película moi fermosa dun mestre represaliado na Guerra Civil (1936-1939), que utilizaba dita técnica.




Vou concretar un pouco máis o que faciamos:

CARACOL


- Liamos diversos textos nos que os protagonistas foran caracois no libro xa citado de Manuel María, contáballes a fábula da carreira dos dous caracois, faciamos monicreques, representabamos pequenas pezas nos que os bonecos eran os caracois, faciamos mimo imitando a marcha lenta dos caracois, comparándoa coa de outros animais. Tratabamos o tema do caracol dun xeito inter e multidisciplinar, interactuando as distintas áreas de estudio.

- Aprendiamos a canción de Suso Vaamonde do seu disco OS SOÑOS NA GAIOLA, neste microvídeo unha versión escolar:



- Poñíase nun mural o poema de Manuel María: CARACOL
- O alumnado facía debuxos
- Lían e escribían a palabra-frase
- Facíanse caracois de plastilina e de distintos materiais.
- Preparabamos unha carreira de caracois de verdade
- Confeccionabase unha páxina de revista da clase
- Facíase unha investigación de ciencias naturais sobre o caracol.

(O tema era unha unidade didáctica, que se desenvolvía alomenos en dúas semanas, logo sempre facían repasos e íamos cara atrás e cara adiante para apousentar e fixar os coñecementos e habilidades adquiridos).

Eu intentaba interesar, motivar aos nenos, manter neles a curiosidade e manter as ansias de aprender, de saber, de descubrir o mundo, de coñecer a nosa cultura e tamén tratar de implicar nas tarefas escolares e na vida do colexio aos pais, ás familias. Partíamos dos centros de interese dos nenos, e facíamos revisións e avaliacións ao longo do proceso para intentar ver se respondiamos as inquedanzas dos nenos e mantiñamos a súa motivación e o seu interese. Procurábase un ensino atraente, que fora significativo para eles e respondese ás súas características psicolóxicas. Tratábase de lograr a súa implicación, contando coa súa participación e as súas opinións, o importante, o centro era a persoa do neno.

Que engaiolante pode ser aprender e aprender a ler e a escribir; porque a EDUCACIÓN AGOCHA UN TESOURO, que temos que descubrir crianzas, familias, profesorado, comunidades escolares.

E grazas a todos os meus ex alumnos e ex alumnas cos que aprendín tanto. E como dicía o meu querido e sabio profesor Xosé Filgueira Valverde: SEMPRE APRENDO!!!






jueves, 17 de julio de 2025

O MUSEO DE PONTEVEDRA, SEMPRE! A obra máis mimada de Filgueira Valverde (I)


Nunha data tan significativa, como a de onte, 16 de xullo, día do Carme, non perdín a oportunidade de volver ao Museo de Pontevedra, meu admirado Museo. Segundo me manifestou Fernández del Riego (1998) o mellor legado e a mellor obra de Filgueira Valverde, cousa que tamén me confirmou Antón Fraguas no mesmo ano. Museo que eu non deixaba de visitar todos os cursos cos meus alumnos, as crianzas do meu querido e lembrado colexio de O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa.

E dicir Museo de Pontevedra é dicir Castelao, o gran Castelao, do que se conserva a maior parte do seu legado, patrimonio de todos os galegos e grazas ao ben facer e ao agarimo que Filgueira Valverde sentía polo rianxeiro e pola súa universal obra.

E se dicimos Museo de Pontevedra non podemos deixar de nomear a Francico Javier Sánchez Cantón, un dos seus principais valedores e amigo e mestre de Filgueira Valverde, sempre Filgueira Valverde. Ao falares deste museo nunca poderemos esquecer a figura e a obra deste sabio poligrafo pontevedrés, como tantas veces ten recoñecido meu admirado e querido amigo, o erudito e sabio actual galego Xesús Alonso Montero.


Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971). Retrato conservado e exposto no Museo de Pontevedra

Como me dicía Antón Fraguas, Sánchez Cantón era un señor pontevedrés, moi pontevedrés. Con Castelao, forma parte do primeiro padroado do Museo, que se concibe no ano 1927 e se inaugura a véspera da Peregrina do ano 1929. Pois el con Castelao, que daquela eran grandes e queridos amigos, se preocupan dos máis mínimos detalles para poñer en marcha esta grande institución.
Que hoxe alberga a colección das láminas do famoso Álbum Nós de Castelao. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde contribuiron e colaboraron a que esta obra artística poidera ser editada, nunha primeira edición primorosamente composta, publicada e distribuida. Tres grandes amigos para un inmenso Museo.

E falar do Museo de Pontevedra é falar da miña querida vila termal Caldas de Reis e do seu famoso tesouro, o máis prezado e máis grande tesouro prehistórico (castrexo) pola cantidade en kilos de valiosas pezas de ouro que ten. É a xoia deste Museo, bo, unha das súas máis interesantes e prezadas.


A marabilla do tesouro de Caldas, conservado e custodiado no Museo de Pontevedra

Se a San Andrés de Teixido se un non vai de vivo, vai de morto; eu recoméndovos que antes de finar tendes que visitar o Museo de Pontevedra e en visitas demoradas, pausadas, non como lóstregos, como alguén fixo con San Andrés. Este Museo é digno de verse moitas veces, gozando e recreándose cos magníficos tesouros que alí hai. Non busquedes fóra o que xa temos aquí. Volveremos ao Museo ao noso Museo.







 

domingo, 22 de junio de 2025

AGUSTÍN ROMERO GARCÍA, BENEFACTOR DE CORNAZO

 




Así reflectía o xornal vilagarcián GALICIA NUEVA o pasamento de Agustín Romero García o 18 de xaneiro de 1929. D. Agustín morrera o día anterior, o 17/01/1929, fai exactamente a día de hoxe, 96 anos, 5 meses e 5 días. Xa lle temos dedicado aquí espazo para falar deste ilustre fillo de Cornazo e de Vilagarcía de Arousa, que fixo fortuna nas Américas, máis concretamente no Uruguay.
Grazas a el, Cornazo ten a súa nova igrexa parroquial, onde está enterrado, que o pasado domingo 15 de xuño celebráronse os cen anos do novo templo, podemos ver como trata o Arcebispado de Santiago de Compostela esta nova clicando en:


Agustín volcouse co seu pobo, utilizando toda a súa fortuna personal en melloras para Cornazo, ademais da igrexa parroquial, a escola, o lavadoiro, melloras nos camiños, casas para os veciños necesitados,... Por iso o vecindario de Cornazo no pode deixar de lembrar e homenaxear ao seu fillo máis preclaro e xeneroso.

O busto de D. Agustín que hai nas antigas escolas é obra de Manuel Rey Posse, gran artista vilagarcián, quen está soterrado no cemiterio parroquial de Cornazo, así como o rostro de San Pedro, tamén da súa autoría, que é o de D. Agustín, e que figura na parte superior da porta da entrada principal ao templo. Isto ténnolo explicado o neto de Rey Posse, meu querido amigo e compañeiro José Carlos Rey Cebral, renomado folclorista e gaiteiro, líder dos Terribles de Arousa. 

Pois si, "de ben nacidos é ser agradecidos" e o pobo de Cornazo o é, como o debe ser o pobo de Vilagarcía de Arousa, non hai que esquecer que Agustín Romero García foi o fundador da Cruz Vermella en Vilagarcía.

D. Agustín é merecente de todo tipo de recoñecementos, como o de que a rúa / estrada que vai de Vilagarcía a Cornazo se chame Agustín Romero.

Fannos falta moitos homes como D. Agustín, para el todo o noso respecto e admiración.