Nunha data tan significativa, como a de onte, 16 de xullo, día do Carme, non perdín a oportunidade de volver ao Museo de Pontevedra, meu admirado Museo. Segundo me manifestou Fernández del Riego (1998) o mellor legado e a mellor obra de Filgueira Valverde, cousa que tamén me confirmou Antón Fraguas no mesmo ano. Museo que eu non deixaba de visitar todos os cursos cos meus alumnos, as crianzas do meu querido e lembrado colexio de O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa.
E dicir Museo de Pontevedra é dicir Castelao, o gran Castelao, do que se conserva a maior parte do seu legado, patrimonio de todos os galegos e grazas ao ben facer e ao agarimo que Filgueira Valverde sentía polo rianxeiro e pola súa universal obra.
E se dicimos Museo de Pontevedra non podemos deixar de nomear a Francico Javier Sánchez Cantón, un dos seus principais valedores e amigo e mestre de Filgueira Valverde, sempre Filgueira Valverde. Ao falares deste museo nunca poderemos esquecer a figura e a obra deste sabio poligrafo pontevedrés, como tantas veces ten recoñecido meu admirado e querido amigo, o erudito e sabio actual galego Xesús Alonso Montero.
Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971). Retrato conservado e exposto no Museo de Pontevedra
Como me dicía Antón Fraguas, Sánchez Cantón era un señor pontevedrés, moi pontevedrés. Con Castelao, forma parte do primeiro padroado do Museo, que se concibe no ano 1927 e se inaugura a véspera da Peregrina do ano 1929. Pois el con Castelao, que daquela eran grandes e queridos amigos, se preocupan dos máis mínimos detalles para poñer en marcha esta grande institución.
Que hoxe alberga a colección das láminas do famoso Álbum Nós de Castelao. Sánchez Cantón e Filgueira Valverde contribuiron e colaboraron a que esta obra artística poidera ser editada, nunha primeira edición primorosamente composta, publicada e distribuida. Tres grandes amigos para un inmenso Museo.
E falar do Museo de Pontevedra é falar da miña querida vila termal Caldas de Reis e do seu famoso tesouro, o máis prezado e máis grande tesouro prehistórico (castrexo) pola cantidade en kilos de valiosas pezas de ouro que ten. É a xoia deste Museo, bo, unha das súas máis interesantes e prezadas.
A marabilla do tesouro de Caldas, conservado e custodiado no Museo de Pontevedra
Se a San Andrés de Teixido se un non vai de vivo, vai de morto; eu recoméndovos que antes de finar tendes que visitar o Museo de Pontevedra e en visitas demoradas, pausadas, non como lóstregos, como alguén fixo con San Andrés. Este Museo é digno de verse moitas veces, gozando e recreándose cos magníficos tesouros que alí hai. Non busquedes fóra o que xa temos aquí. Volveremos ao Museo ao noso Museo.