sábado, 28 de agosto de 2010

DOUS ESCUDOS REPUBLICÁNS EN VILAGARCÍA



En Vilagarcía de Arousa, no seu casco urbán, podemos atopar unha rica representación heráldica, xa temos falado dos escudos do marquesado de Vilagarcía, que se atopan no entorno do pazo e do convento de Vista Alegre e na igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, tamén nos temos referido, neste blog, aos escudos ecresiásticos que se atopan neses mesmos lugares xa citados. Hoxe e como curiosidade, ímonos referir a dous escudos republicáns, que tamén podemos atopar no espazo urbán da cidade arousá.
Un está situado no edificio que hoxe alberga á Escola Municipal de Música "Bernardo do Río" de Vilagarcía (e que ofrecemos na primeira imaxe). O edificio comezara a construirse na época da dictadura do xeneral Primo de Rivera e inaugurado en tempos da II República como Escola Graduada de Primeira Ensinanza, tamén se estudaba crear unha Escola de Artes e Oficios. Posteriormente, foi ocupada como cuartelillo da Falanxe, para recuperar á fin o seu primitivo uso, sendo durante moitos anos a Escola Graduada "Concepción Arenal", coñecida popularmente como o Colexio do Ramal. Logo sería utilizado como Centro de Educación de Adultos. Durante breve tempo e de xeito provisional, mentres se efectuaba a remodelación e ampliación da Casa do Concello, o edificio foi utilizado pola policía local. Ata hoxe, que está adicado as ensinanzas elementais de Música. O escudo ten a coroa típica dos escudos republicáns, formada por pequenas torres, o corpo central representa o escudo nacional daquela época dos primeiros anos 30 do século pasado.
O segundo escudo, atópase na fonte que preside a praza, que hoxe se denomina de España e que moito antes foi chamada de Afonso XIII, tamén recibiu o nome de Praza da República, logo pasou a ser de Santa Eulalia, ata hoxe, que como xa dixemos, se coñece como praza de España. O corpo principal do escudo, representa aquí, o escudo de Vilagarcía; pero, coa coroa típica dos escudos republicáns. Os escudos, os edificios, as rúas e prazas da nosa cidade contan a nosa historia e o paso do tempo con verbas labradas na pedra e que moitas veces nos pasan desapercibidas. As cidades teñen alma e contan a súa vida en palabras de pedra cinceladas polos homes que noutrora as habitaron. Como pasa con nós agora, que tamén deixaremos a pegada do noso paso como veciños e habitantes dos nosos pobos e cidades.
Cando paseemos pola vila, que non se nos escapen tantos detalles que falan de antes e do de agora e que permanecerán no mañán, se é que sabemos conservar o valioso.

martes, 17 de agosto de 2010

AGUSTÍN ROMERO, BENFEITOR DE CORNAZO


Un fillo da parroquia de San Pedro de Cornazo, Agustín Romero García (1841-1929) foi un gran home do concello de Vilagarcía de Arousa, que pretendeu face-lo ben e compartir a súa riqueza espiritual e social; así como poñer ao servizo da comunidade os seus bens materiais, conseguidos co seu esforzo e traballos.
Coñeceu dende moi neno, como moitos galegos, o mundo da emigración, na República do Uruguay amasou a súa fortuna no mundo do comercio e da agricultura. Foi moi recoñecido naquel país sudamericano, ocupando algúns cargos públicos de relevancia, chegando a emparentar co presidente daquela república.
Regresou ao seu querido Cornazo natal, onde fixo gala da súa filantropía, construíndo unha escola e dotándoa dunha gran mestra, a señorita Bouza Trillo, colaborou na construcción da nova igrexa parroquial de San Pedro de Cornazo en 1925, sobre os restos da igrexa anterior, financiou a ampliación do cemiterio parroquial, acondicionou camiños e corredoiras, dotou a súa parroquia de traída de augas, así como dun lavadoiro público e dun fermoso campo de festas,... Socorreu aos necesitados, non tan só da súa bisbarra; senón, aos de toda Galicia. Formou parte na fundación da Cruz Vermella de Vilagarcía e foi condecorado coa Medalla de Ouro de dita entidade e da Gran Cruz de Beneficencia.
Foi un home moi querido e recoñecido, a vía principal de entrada a súa parroquia chámase, avenida Agustín Romero; preto da que foi escola, hoxe en estado ruinoso e de abandono, foi erixido un busto na súa memoria (da autoría de Manuel Rey Posse) e que ilustra esta entrada. Dito entorno debera estar máis coidado e respectado.
Como anécdota, o gran artista Manuel Rey Posse (1890-1952) esculpiu en pedra a imaxe de San Pedro que se atopa na fachada principal da igrexa de Cornazo, xusto enriba da porta principal da entrada a dito templo; pois ben, din con moi bo criterio, que a cabeza do santo correspóndese coa de D. Agustín Romero García.
Homes así, exemplares e xustos, son os que necesita á nosa sociedade, tan egoísta e acaparadora.

CONSULTAR:

VILA FARIÑA, Xosé Lois e Víctor Viana Martínez: DICCIONARIO BIOGRÁFICO DE LA COMARCA DE O SALNÉS. Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, 2001, p. 262.

VV.AA.: CORNAZO, San Pedro de. En GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, t. 7. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 147.

lunes, 9 de agosto de 2010

GOCES DA INFANCIA


Nunha exposición de marionetas no POBO ESPAÑOL de Barcelona atopeime cun conxunto de marionetas que representaba a unha serie de personaxes que me retrotraía á infancia. Pois foi, efectivamente, na Biblioteca Pública de Caldas de Reis, onde por primeira vez trabei contacto cos cómics do gran e inmortal Hergé. Cando o meu amigo, José Antonio Búa Barreira, máis eu frecuentabamos aquel punto de lectura, el ía pola electrónica, eu polo entretemento e a literatura. Era mágoa ou non que a maioría dos cómics de Tintín, que albergaba aquela biblioteca, de tan gratas lembranzas, estaban rotos, faltábanlles follas e eu non podía rematar de ler ben as historietas. Esto motivou que cando puiden, comprei tódolos albumes e así completar a tarefa que naqueles anos 60 fora imposible.
Por eso, ao atoparme con Tintín, co capitán Haddock, co profesor Tornasol e cos irmáns Hernández e Fernández en Barcelona, esbocei un sorriso porque moitas cousas me facían lembrar a miña infancia caldense.
Os cómics e especialmente os de Tintín, así como a colección das Aventuras de Guillerme, aquel Guillerme irreverente, traste e intelixente, e a colección de Enid Blyton titulada: O CLUBE DOS SETE SECRETOS, fixeron de min, dende a infancia, un ávido lector, así como o exemplo do meu avó materno, persistente lector e promotor da lectura. As lecturas divertidas, máis rodearse de persoas amantes da lectura converten a un nun devorador de libros, que son bos compañeiros para a viaxe da vida.

miércoles, 28 de julio de 2010

CICLO CULTURAL NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA


Filgueira Valverde foi un promotor cultural, un home que xerou cultura e xestionou cultura. Esta inmensa actividade cultural desenvolvida por Filgueira mermou a súa obra de creación literaria, aínda así, chea de calidade e de intensidade.
Filgueira ten pronunciado algunha conferencia e participado nalgunhas actividades culturais na sociedade Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. Hoxe imos reseñar algunhas actividades culturais de finais do mes de xullo de 2010, nesa centenaria sociedade:

FACEMOS CAMIÑO - XACOBEO/2010 - LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

28/07/2010, ÁS 21:00 H. NA TERRAZA DO LICEO CASINO: Actuación do acordeonista de 11 anos de idade, David Álvarez Caneda, quen interpretará o seguinte programa:

- Dúas pravianas galegas

- Larachispún (popurrí galego)

- Lela

- Mi bella Lola

- Luz Divina

- Cielito Lindo

- México Lindo

29/07/2010, ÁS 21:00 H., NO SALÓN DE ACTOS: Presentación da novela: LAS PUERTAS DEL ALMA de Sabela Muñiz Pérez.

30/07/2010, ÁS 21:00 H., NO SALÓN DE ACTOS: Actuación do Coro da Asociación de Amas de Casa "O Noso Lar", dirixido por José Álvarez e acompañado á guitarra por Eduardo Campos, que interpretarán o seguinte programa:

1.- San Benitiño (popular)

2.- Saudade (Andrés do Barro)

3.- Habanera de Don Gil (Fragmento Zarzuela: Don Gil de Alcalá)

4.- La petaquita (Violeta Parra)

5.- Zamba de mi esperanza (Luis Morales)

6.- Limeña (Chabuca Granda)

7.- Naranjerita (Osvaldo Sosa)

8.- Canción del jangadero (Jaime Dávalos)

9.- La perla (habanera)

10.- No soy de aquí, no soy de allá (Facundo Cabral)

11.- El Arriero (Atahualpa Yupanqui)

Este mesmo día despois do concerto, INAUGURACIÓN DE PINTURA da artista, Mila Barcala Patiño, que estará aberta ata o 27 de agosto.

CULTURA É PARTICIPACIÓN, CONTEMPLACIÓN, CREACIÓN, GOCE, todos e todas invitados a este ciclo cultural do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa.

domingo, 18 de julio de 2010

MOITO FALAN OS TONTOS


É MELLOR ESTAR CALADO E PARECER TONTO QUE FALAR E DESPEXAR AS DÚBIDAS DEFINITIVAMENTE. (Groucho Marx).

A palabra pode converterse nunha arma arroxadiza, a lingua mal dominada é como unha daga ben afiada. Hai que ser prudentes no uso da palabra. Usada comedidamente e se é posible para agradar aos demais. Os xuízos e as críticas deben estar ben fundados e acreditados xa que é moi fácil falar e criticar, facer dano coa palabra; non mentemos a mentira, a difamación, a calumnia, a falsa testemuña; eso é o peor do peor.
Moitos falan por falar, sen consistencia, sen rigor; faltos de intelixencia... demostran así a súa imbecilidade, máis lles valera ter a boca pecha. Lembremos o refrán: EN BOCA PECHADA, NON ENTRAN MOSCAS". É ben certo o aforismo de Groucho. Mais os tontos, a maioría das veces, non se decatan de que o son, aínda máis, pensan que son os seres máis intelixentes do mundo. Son moi perigosos, por aburridos e noxentos; hai que fuxir deles.
Nos medios de comunicación social, na sociedade en xeral, cantos tontos non hai? Vivimos no reino dos tontos; pero, son os listillos de turno, que se aproveitan das ocasións para medraren. Por eso, existen tanta pobreza de pensamento, tanta vulgaridade, extremada miseria de vocabulario. A quen lle convén que impere tanta tontería? Falan e meten ruido os que deberan estar calados, os sabios permanecen en silencio, miden as súas palabras, son prudentes. Sufren ao escoitar a tanto falabarato oportunista, ao comprobar que predominan a mentira e a falsía, a adulación. A ver se lle fan caso a Groucho Marx. Cousas veredes!

lunes, 5 de julio de 2010

MANOLIÑO, O DE INÉS


(Filgueira sempre recordaba e facía a gabanza dos seus amigos, rendéndolle sinceiras homenaxes. Nós queremos emulalo e hoxe facemos un recoñecemento a un amigo da infancia, verdadeira patria do home).

Manoliño foi un veciño amigo da miña nenez en Caldas de Reis, a fermosa e histórica vila termal, de tan grata lembranza. Os pais de Manoliño tiñan un posto de productos cárnicos na Praza de Abastos caldense e vivían nunha casa a principios da rúa do Embudiño. Nin que dicir ten que a nai de Manoliño chamábase a señora Inés.
Era un rapaz moi pavero e cheo de inxenio. Facía moi ben uns arcos que tiñan por frechas ballestas de paraugas ben afiadas, ben sei delo porque unha daquelas magníficas frechas impactou certeiramente nas miñas nalgas, cando Manoliño manexaba fachendoso o seu admirado e envexado arco. Tamén facía unhas espadas de madeira moi bonitas, moi ben talladas coa súa navalla, semellaban espadas de verdade. Entre outras cousas e mil falcatruadas, compoñía unhas sorprendentes pompas de xabón, feitas cun anaquiño de xabón LAGARTO metido nun cacharro de auga, despois de remexer ben, sopraba cunha palliña e dende as esqueiras de entrada da súa casa, saían as pompas coas que xogabamos de vagar todos os raparigos do barrio.
Daquela os nenos eramos máis libres, as rúas eran nosas, eramos os verdadeiros protagonistas dos nosos xogos.
Sorte de poder contar cun amigo tan mañoso. Manoliño e uns rapaces extremeños, andaluces ou casteláns, non sei, de fóra, que eran fillos duns gardas civís que daquela vivían nunha casa da rúa dos Fornos, montaron un soberbio espectáculo de monicreques feitos por eles con cartóns e papeis. Representaron a función dende unha das fiestras da casa dos gardas civís. Tódolos nenos do barrio e algúns adultos presenciamos aquela inesquecible representación; eso si, tivemos que pagar unha peseta.
Con Manoliño de mandamáis démoslles un susto a un pequeno grupo de mantidas, nun mes de agosto dos 60. Á noitiña, cando saían do balneario e pasaban preto da igrexa de Santo Tomás, cuns calacús perfectamente amañados para que semellasen unhas caveiras, puxerámoslles dentro unha veliña acesa. As velliñas escorrentaron cheas de medo. E nós, axeitadamente agochados, morríamos de risa.
Manoliño era un experto en roubar, aquelas saborosas laranxas da horta do cura. Polas noites de verán ía espiar ás parellas no parque xardín e na carballeira da Feira, á beira do senlleiro río Umia.
Manoliño era un fenómemo. Na escola alongaba o seu pescozo para poder copiar nos exames dos compañeiros máis adiantados. O mestre, D. Victoriano Rosales, dicíalle: Manoliño, semellas unha xirafa e dáballe un capote na cabeza. Con Manoliño e outros compañeiros teño latado algunha vez da escola para ir á fermosísima fervenza de Segade de Arriba, algúns primeiros de mes, cando D. Victoriano se ausentaba da Graduada, por ser día de cobro, e ía a Pontevedra a recibir a paga do mes del e dos outros mestres.
Que recordos! Xa fai moito que non sei nada de Manoliño. El non o sabe; pero, era o meu heroe de neno, por ter un espírito libre e aventureiro.

(Na imaxe, Manoliño era o monaguillo que figura á esquerda da foto).

domingo, 27 de junio de 2010

VILA FARIÑA PRESENTA UN LIBRO NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA




Á tardiña do día de San Xoán (patrón da parroquia de Baión), no Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, ás 20:30 h., celebrouse a presentación da segunda edición do libro de Xosé Lois Vila Fariña, Cronista Oficial do Concello de Vilanova de Arousa, que leva por título: MEMORIA HISTÓRICA DE LA PARROQUIA DE BAIÓN.
En primeiro lugar, deu a benvida aos amigos e amigas presentes e dirixiu unhas verbas de introducción, Xermán Torres, Vicepresidente e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino. Comentou, entre outras moitas cousas, que o amigo Xosé Lois é unha persoa digna de admiración e de louvanza pola súa exemplaridade, a súa loita por superar titanicamente todos os atrancos da vida e polo seu grande amor polos seus, polo seu querido pobo de Baión, por toda a comarca do Salnés-Arousa e por Galicia e o galego en xeral. Tamén asombra a súa extraordinaria afección, dende moi cativo, pola lectoescritura e polo coñecemento e estudo da Historia en xeral e da Historia local e comarcal, en particular, asunto no que é un magnífico experto. É merecente de ser salientado o seu autodidactismo e o seu traballo denodado por coñecer e por saber; sen dúbida, é unha lección vivinte para todos nós. A súa peripecia vital podía dar para escribir unha interesante novela. Referíndonos ao seu libro, subliñar que é unha voluminosa fonte de datos sobre os veciños de Baión ao longo da historia, eles son os verdadeiros protagonistas do libro. Este ofrece abondosa información dende a Prehistoria ata os nosos días, non queda pedra, monumento, recuncho, dato sobre Baión que non se vexa reflectido nesta extensa obra. Verdadeiro banco de datos sobre a parroquia, hoxe vilanovesa. Baión pode sentirse orgulloso por ter un fillo que sabe renderlle homenaxe en forma de libro. Baión ten o seu libro, non todos os pobos poden presumir de contar cunha publicación así, Baión si, grazas a Vila Fariña.
Finalmente, o autor toma a palabra para disertar da presencia de Baión en Vilagarcía; pois practicamente dende o ano 1935 e ata 1945, Baión pertenceu ao Concello de Vilagarcía de Arousa. Detrás desta anexión estaba, sobre todo, o Partido Galeguista. Algúns persoeiros da época vían positivo este asunto, por múltiples razóns, entre elas, proximidade xeográfica, facilidade nas comunicacións, posibilidade dunha mellor atención á parroquia, e tamén razóns de índole económica. Pero, as forzas conservadoras de Vilanova de Arousa non eran partidarias de que Baión pertencese ao Concello de Vilagarcía de Arousa e como consecuencia da Guerra Civil de 1936 e o conseguinte réxime político resultante, vaise ir conseguindo pouco a pouco que Baión pase á xurisdicción de Vilanova despois do ano 1945.
Entre os fillos ilustres de Baión, existe a hipótese de que o bispo medieval Álvaro Pelagio, fillo natural de Paio Gómez Charino, Almirante do Mar, fose nativo da parroquia de Baión, tiveron casa e frecuentaron Baión personaxes como Bóveda, Castelao, os Álvarez Limeses, porque Baión ten unha fértil campiña e lugares cheos de maxia e de historia, que o noso amigo Vila Fariña quérenos facer descubrir e para que quede constancia escrita, xa que esto é a natureza da historia, da vida e milagres dun pobo digno de pasar á Historia, Xosé Lois encargouse diso precisamente.
Antes de por fin ao acto, houbo unha interesante quenda de preguntas ao autor por parte do público asistente, que resultou moi ilustrativa. De seguido, Vila firmou e dedicou algúns exemplares, non sen antes, de que o Vicepresidente do Liceo Casino agradecese a todos os asistentes pola súa presencia a este acto cultural.