CONTACTOS DO MUNDO CASTREXO GALEGO CO MUNDO MEDITERRÁNEO MOITO ANTES DA ROMANIZACIÓN. O CASO DO CASTRO ALOBRE DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Germán Manuel Torres de Aboal - INTRODUCCIÓN Á NOSA HISTORIA (I). - PUM, Pontevedra
Rodríguez
Martínez, R.M. et Al. (2020). Tras las huellas de Himilcón: materiales púnicos
y tardopúnicos en las Rías Baixas gallegas.
IX Congreso Internacional de Estudios Fenicios y Púnicos / International
Congress of Phoenician and Punic Studies. MYTRA 5: 1413-1426.
PREGUNTA DE
INVESTIGACIÓN:
O mundo castrexo galego
(s. II a. C. – s. III d. C.) tivo conexión e contactos comerciais co mundo
Mediterráneo antes da chegada de Roma?
1.- OBXECTIVO
Actualizar e deixar
patente que os contactos co mundo Mediterráneo por parte do noroeste da
península Ibérica son moi anteriores á chegada de Roma á pel de touro, como o
demostran as últimas campañas arqueolóxicas executadas desde a Deputación de
Pontevedra, por exemplo, no Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa e polos
últimos descubrimentos da apertura, da conexión e da saída ao mar deste castro
galego.
2.- XUSTIFICACIÓN
O interese pola
indagación, pola investigación e polos estudos de carácter histórico e sobre
todo os centrados en Galicia motivaron o comezo deste traballo, tamén pola
iniciativa e entusiasmo que me transmitiu o profesor desta materia.
Sempre me interesou e
me intrigou a existencia do Castro Alobre, situado nos arredores do chamado
Montiño e preto das instalacións portuarias de Vilagarcía de Arousa. E o Castro
Alobre e os demais castros da zona constitúen a orixe prehistórica da miña
cidade. Tamén a preocupación por constatar que queda moito que traballar e
descubrir neste tema, que me parece apaixonante para descubrir as nosas orixes
e coñecer como vivían e se desenvolvían os nosos devanceiros.
Logo ao constatar a
pouca sensibilidade e o pouco respecto por preservar o noso patrimonio
histórico e monumental, ao observar todo o que se destrúe e non se coida
axeitadamente, da impulsos para coñecer, para saber co fin de argumentar a
posta en valor do noso pasado co fin de encarar axeitadamente noso presente e
tratar de mellorar o noso futuro, mirando no espello doutros tempos para
contemplar os esforzos dos devanceiros por mellorar e evolucionar nas súas
condicións de vida. Sospeitábase hai xa bastante tempo que o Castro Alobre tiña
que ter unha saída ao mar, o que facilitaría a vida daquelas xentes e de manter
contactos, conexións, intercambios e comercio con outros mundos. Isto era máis
palpable ao atoparse un concheiro con restos provenientes do mar, o que implica
pesca e recollida de moluscos que se utilizarían na alimentación e noutras faenas.
E que esta apertura ao mar facilitaría o contacto con xentes de máis alá, do
outro mar, o Mediterráneo. Que é o que o artigo que tomamos como texto base
trata de demostrar e concluír. O mito dunha Galicia illada e desconectada co
mundo exterior queda moi pronto descartado, xa o mundo castrexo (no que compre
afondar máis e seguir pescudando) mantiña estreitos e frecuentes contactos,
mesmo comerciando e sendo influenciado por culturas de alén mar.
Os temas dos castros e
máis do que teño máis preto, o Castro Alobre, sempre me engaiolou para
introducirme nos seus misterios e tratar de coñecer o que lles acontecía a
aqueles habitantes de Arousa de lonxanos e esquecidos tempos.
O artigo que da pe a
este traballo está fundamentado nun “nuevo marco de apertura al conocimiento
arqueológico de las relaciones entre Atlántico y Mediterráneo en época
prerromana” (Rodríguez, 2020, p. 1414).
3.- FONTES
Consultas e pescudas na
base de datos Google Académico, lectura, estudo e análise do texto base e dos
documentos que se citan na bibliografía e visitas e estudo de campo no Castro
Alobre de Vilagarcía de Arousa.
4.- IDEA CENTRAL
Xurdida da pregunta de
investigación: demostrar que antes da chegada de Roma os castros do noroeste da
península Ibérica mantiveron contacto e intercambios e comercio co mundo
Mediterráneo por vía marítima.
Desde o s. XIX hai
referencias e atópanse os primeiros restos do Castro Alobre e xa se sospeitaba
que tiña unha saída ao mar o que lle permitiría ter contactos e comercio con
outros pobos de alén mar.
5.- ARGUMENTACIÓN
Non fai moito tempo que
nos estudos prehistóricos e castrexos se “consideraba que el noroeste de la
península ibérica no había estado integrado en los circuítos comerciales del
mundo Mediterráneo antes de la llegada de Roma” (Rodríguez, 2020, p. 1413).
Nembargantes, “las
excavaciones llevadas a cabo en los últimos años en las Rías Baixas han dejado
patente que los contactos con el Mediterráneo son muy anteriores” á dominación
romana. (Idem).
“Ya en 1775 el ilustrado
gallego Martín Sarmiento habla de la existencia de un faro de origen fenicio”
en la Ría de Arousa.
Existen mostras, pois,
desa “convivencia intercultural” e das prácticas comerciais entre os nosos
castrexos e os fenicios e púnicos. “(...), contando tan sólo con 15 yacimientos
en los que se han documentado materiales mediterráneos” (Rodríguez, 2020, p.
1414), nos rexistros e excavacións
efectuadas nesta zona a principios deste siglo.
Axiña prodúcense os
intercambios entre o oeste e o leste da Iberia, “A partir del siglo II a. C. la
llegada de productos es masiva y ‘se puede decir que no existe un castro del
noroeste situado en la zona litoral y con ocupación entre el 450 y el 50 a. C.
que no haya suministrado algún elemento de origen mediterráneo (González et
al., 2010)[1]’”.
Constatándose, pois, que “la integración de los grupos galaicos en los
circuítos comerciales mediterráneos queda patente por la aparición de elementos
arquitectónicos singulares y formas de explotación del medio (Rodríguez et al.,
2011)[2]”.
O ano 2001 será “cuando
se ejecute el primer proyecto desarrollado con metodología arqueológica”
(Rodríguez, 2020, p. 1418) no Castro Alobre.
Neste século,
acrecentáronse os traballos e investigacións neste xacemento do Castro Alobre,
baixo a responsabilidade da Deputación Provincial de Pontevedra e do Concello
de Vilagarcía de Arousa.
“Las
estructuras y los materiales documentados permitieron situar la cronología del
espacio excavado en el Hierro II, señalando un período de apogeo del yacimiento
entre los siglos I y II d. C. Además, sobre los restos de las estructuras de la
Edad del Hierro, se exhumó una estructura arquitectónica de época romana, que
se interpretó preliminarmente como una zona de utilidad industrial (Tomás
Botella, 2008)”[3].
Destes estudos e
investigacións os distintos momentos de ocupación deste castro abarcan “una
cronología que se extiende desde el siglo II a.C. hasta el siglo III d.C.”
(Rodríguez, 2020, p. 1419). Nestas cuestión das datacións dos distintos
substratos “se documentaron materiales de mayor antigüedad en el basurero que
ocupa gran parte de la zona central de la superficie excavada, y se localizaron
fragmentos de cronología más reciente en los niveles orgánicos superiores (Piay
et al., e.p.)”[4].
Atopáronse materiais no
que sería unha antiga telleira e nun concheiro e chégase a concretar que debido
á “secuencia estratigráfica y los materiales exhumados permiten aseverar que
siete de las estructuras documentadas en Alobre fueron ocupadas durante las
fases finales de la Edad del Hierro (I a.C. – I d.C.)” (Rodríguez, 2020, p.
1420).
E durante este período
de tempo e no “caso del yacimiento arousán, ya se conocía la presencia de
materiales relacionadas con el mundo mediterráneo desde el siglo VIII a.C. por
lo menos, tal y como ponían de manifiesto la aparición de una fíbula de
navicella o sanguisuga (González Ruibal, 2006), o un buen número de elementos
del ya referido “pack tardopúnico (González et al., 2010)”.[5]
Tamén está datado a recuperación dun “askós” durante as excavacións do
2016-2017, o que non deixa de confirmar a existencia do comercio entre os
habitantes do Castro Alobre co mundo Mediterráneo moito antes da chegada de
Roma[6].
6.- CONCLUSIÓN
Podemos chegar á
determinación e á confirmación de que efectivamente o mundo castrexo do
noroeste peninsular tivo conexións, contactos e comercio co mundo Mediterráneo
e podemos tornar en afirmación a nosa pregunta de investigación e que con elo
damos por conseguido o noso obxectivo e como correcta a idea central, podemos, pois
concluír afirmando que:
O mundo castrexo galego
(s. II a. C. – s. III d. C.) tivo conexión e contactos comerciais co mundo
Mediterráneo antes da chegada de Roma. Os pobos cos que se establece relación
son os chamados púnicos, cartaxineses, fenicios e tartessos.
7.- VALORACIÓN CRÍTICA
Considero de moito
interese o coñecemento da nosa historia prehistórica e do apaixonante mundo
castrexo, berce da nosa civilización e da nosa cultura galega. Mais deberase
facer un maior esforzo e dotar dun maior orzamento para potenciar ditos estudos
e investigacións e apoiar a realización de escavacións arqueolóxicas con
metodoloxías e recursos actuais da ciencia arqueolóxica. Así como seguir os
consellos dos técnicos e dos arqueólogos. Os artigos utilizados para este
traballo e todas as investigacións realizadas ata o momento, deben poñerse en
valor e ser divulgadas para o seu perfecto coñecemento pola sociedade no seu
conxunto, non só pola comunidade científica.
Ao mesmo tempo,
musealizar os traballos realizados nos castros e divulgar entre a poboación en
xeral os traballos realizados e os contactos dos científicos co estudantado dos
distintos niveis educativos. Penso que a historia galega é bastante
descoñecida, deberanse emprender accións para mudar esa situación.
Tamén agudizar a
sensibilidade polo coñecemento e a conservación dos vestixios do noso pasado.
Por exemplo, o Castro Alobre non está suficientemente protexido, nin se divulga
axeitada nin constantemente a súa existencia entre os nosos escolares e a poboación
en xeral. Habería que concienciar á poboación da importancia deste xacemento
castrexo e promover a súa conservación e o máximo respecto por preservalo,
evitando ataques vandálicos provocados pola barbarie da ignorancia e pola pouca
sensibilidade das autoridades para o bo trato e respecto deste tesouro, deste
museo prehistórico ao aire libre. Tendo que prever orzamentos necesarios para o
seu estudo, a súa conservación, a súa posta en valor e a súa difusión.
Baixo a miña opinión,
este xacemento sufriu varios atentados ao longo do tempo para a plena
conservación e o estudo axeitado das súas características. Sabíase xa desde o
s. XIX que tiña que ter unha saída natural co mar. E en distintos momentos
históricos, por especulación urbanística e mala planificación de que como
debería configurarse a cidade e a comarca de Vilagarcía de Arousa, alterouse a
primitiva configuración e situación deste importante xacemento de Alobre. No
século XIX pola nefasta configuración das instalacións portuarias de
Vilagarcía, como consecuencia o Castro Alobre sufre un grave atentado e unha
grave desfeita. Os vilagarciáns fomos e somos pouco respectuosos co noso
patrimonio histórico, monumental e urbanístico. Xa é hora de mudar de
comportamentos e de actitudes e todos: cidadáns e administracións públicas
amosar sensibilidade, gusto por coñecer o noso pasado e tomar as medidas
oportunas para preservalo. A pouca educación e sensibilización sobre o
patrimonio histórico, prehistórico e o pouco coidado e os poucos medios que se
destinan a súa preservación non impiden que se sigan a cometer verdadeiros
atentados, como por exemplo os últimos cometidos coa “vandalización” dos restos
do Castro Alobre (18/02/2026 e 08/03/2026).[7] A
falta de educación e de coidados e vixilancia por parte das autoridades
competentes conducen ao maltrato e á desaparición dos vestixios do pasado. Sen
deixar de mencionar o grave atentado sufrido ultimamente, da que son culpables
as administracións públicas e Patrimonio ao autorizar a construción dunha
grande superficie comercial no espazo que se sabía sería a saída do Castro
Alobre ao Mar, terreos que deberan ser obxecto de especial protección polo seu
gran valor prehistórico. Vilagarcía de Arousa non aprendeu nada e segue coa
desfeita de claros vestixios do noso pasado prehistórico e histórico.
E un “desideratum”
final, deberase tratar de realizar a transferencia do coñecemento científico e
histórico máis alá do ámbito universitario e académico; facendo partícipe dos
estudos e traballos científicos e históricos a toda a sociedade, dentro dunha
coidada e pensada labor de divulgación.
Tamén concienciar ás
persoas, concienciarnos todos do valor do coñecemento e do saber para preservar
o noso patrimonio científico e histórico, non se pode amar o que non se coñece
e ademais “o saber non ocupa lugar”. Coñecer e saber fannos máis humanos. E os
científicos e educadores deben manter a ilusión e o interese por coñecer, por
preguntar, por dubidar, por saber; todo iso fainos máis vivos e a chegar a ser
máis persoas.
8.- BIBLIOGRAFÍA
González,
A.; Ayán, X.; Rodríguez, R.M. (2010). Buscando a los púnicos en el Noroeste. Mainake, 32 (1), pp. 577-600. Murguía,
M. (1888). Galicia, Serie España. Sus
monumentos y Artes – Su Naturaleza e Historia. Barcelona.
Murguía,
M. (1888). Galicia, Serie España. Sus
monumentos y Artes – Su Naturaleza e Historia. Barcelona.
Piay,
D.; Rodríguez R.; Casal, L.; Fernández, C.; González, E. e.p. Entre espinas y
restos de metal: evidencias de actividades pesqueras en el yacimiento de Alobre
(Vilagarcía de Arousa, Pontevedra). Madrider
Mitteilungen, 60.
Rodríguez,
R.M. et al. (2011). Una posible factoría prerromana en el noroeste. Primeras
valoraciones de la intervención en el Campo de A Lanzada (Sanxenxo,
Pontevedra). Fervedés, 7, pp.
159-168.
Rodríguez
Martínez, R.M. et Al. (2020). Tras las huellas de Himilcón: materiales púnicos
y tardopúnicos en las Rías Baixas gallegas.
IX Congreso Internacional de Estudios Fenicios y Púnicos / International
Congress of Phoenician and Punic Studies. MYTRA 5: 1413-1426.
Rodríguez
Martínez, R.M. et Al. (2020). Un askós de producción mediterránea en el confín
del mundo. IX Congreso Internacional de
Estudios Fenicios y Púnicos / International Congress of Phoenician and Punic
Studies. MYTRA 5,: 1821-1827.
Sarmiento,
M. (1950). Viaje a Galicia (1754-1755). Cuadernos de Estudios Gallegos, Anejo
III, Santiago de Compostela.
Torres
de Aboal, G.M. O Castro Alobre.
Filgueira Valverde, un sabio na corte do Teucro. Blogger:
https://filgueiravalverde.blogspot.com/2009/09/o-castro-alobre.html
[1] Rodríguez et al. (2020, 1415).
[2] Rodríguez et al. (2020, 1415).
[3] Rodríguez et al. (2020, 1419).
[4] Idem.
[5] Rodríguez (2020, 1420).
[6] Rodríguez (2020b, 1821-1827.
[7] Faro de Vigo, Arousa, 18/02/2026 https://www.farodevigo.es/arousa/2026/02/18/castro-alobre-victima-botellon-gamberros-126993377.html
Nós Diario,
08/03/2026: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/nova-agresion-ao-patrimonio-vandalizan-pintadas-castro-alobre-vilagarcia-arousa/20260308172855249663.html
INFORMACIÓN GRÁFICA





