miércoles, 3 de diciembre de 2008




FILGUEIRA ÚNESE A UNHA GRAN MULLER EN LUGO NO ANO 1938

(Detalle da foto da voda publicada no libro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996 UN SÉCULO DE GALICIA, 2007)


Despois dun breve noivado, o 15 de agosto de 1938, Filgueira casa en Lugo con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz (Lugo, 10 de outubro de 1908 – Pontevedra, 9 de maio de 1995), filla de médico igual que el. Celébrase a cerimonia do seu casamento no Pazo Episcopal da cidade do Sacramento, no día tan sinalado e de amplas resonancias como foi o da Nosa Señora de agosto.
Filgueira atopou nela o seu verdadeiro tesouro, unha muller fermosa, discreta, educada, cunha forte personalidade, deportista (ten gañado algún trofeo de tenis –asegún nos ten manifestado a súa filla primoxénita, Araceli-). Foi a súa mellor compañeira durante case sesenta anos, nos que compartiron unha vida plena e fecunda en moitas frontes, compartiron ledicias, algunha pena, moitos éxitos e satisfaccións nos aspectos persoais, sociais, profesionais. Tal como nos indicaron o seu propio fillo Xosé Fernando, Amancio Landín e Valle Pérez, Mª Teresa era a primeira admiradora e colaboradora do seu home. Sempre ao seu carón, acompañándoo, coidándoo, animándoo. Coñecendo en primicia a súa obra e alentándoa. El non podería legarnos a súa monumental obra se a súa dona e a súa familia non facilitaran o seu traballo. Todos sentían veneración por el. Eran conscientes ademais da importancia do labor de D. Xosé e da trascendencia das súas actividades. Empezando pola súa muller, continuando polos fillos e polos netos, todos, sen excepción eran cómplices seus e gabábanse coa súa magna obra, que brillaba con luz propia en tantos eidos da cultura e da erudición.
Dna. Mª Teresa era enfermeira de profesión, unha conductora de automóbil moi notable en Pontevedra, “aí vai a muller de D. Xosé Filgueira”, o fillo e D. Amancio Landín téñennos contado algunha simpática anécdota de Dna. Mª Teresa ao volante do seu Seat-850. Outra nota característica súa era a fonda fe relixiosa, como nos diría o seu fillo, unha fe como a do carboeiro. Era unha asidua do rosario, por iso na familia Filgueira-Iglesias sempre se rezou o rosario, moito antes das campañas do padre Peyton, dirixía o mesmo Mª Teresa e remataba, recitando a letanía en latín, D. Xosé.
Unha vez, tristemente falecida, cousa que sumiu na tristura e na melancolía ao seu marido, hai unha anécdota que nos relatou o fillo, Xosé Fernando, na capela ardente rezouse o rosario xunta a outras oracións, o día seguinte volveuse a rezar o rosario; pero ao seguinte, dispoñéndose Araceli a voltar co rosario, D. Xosé dixo, mira non che volvo a rezar outro rosario, eu para falar con Deus non preciso recitar monotonamente avemarías, receino durante máis de cincuenta anos porque lle gustaba a túa nai… Sobran os comentarios para darse conta ata que punto amaba D. Xosé á inesquecible Dna. Mª Teresa, á que Galicia, penso, lle debe tanto. Servan estas verbas como unha sentida homenaxe e como un sinceiro recoñecemento.

No hay comentarios: