sábado, 6 de diciembre de 2008


R/ ARZOBISPO MALVAR, 49, UN LUGAR DE ENCONTRO
(Na instantánea da miña autoría, podedes ver o que foi solar de D. Xosé Filgueira)

Na rúa pontevedresa do Arzobispo Malvar, 49 atopábase a casa familiar de Xosé Fernando Filgueira Valverde. Foi un edificio reconstruido no que fora pazo do trobador Paio Gómez Chariño (1225-1295), Almirante do Mar, que participara na reconquista de Sevilla e que se atopa soterrado na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Consideraba Filgueira que tal reconstrucción tiña sido un gran acerto dos seus pais. Ao respecto, D. Xosé manifestaba na publicación que recomendamos ao final desta entrada e na páxina XXV, o seguinte: “Debo declarar que soy el afortunado poseedor y habitador de lo que resta de los pazos del Almirante y poeta. Lo hago señalando la gratitud que debemos al buen gusto y la sensibilidad histórica de mis padres que al reedificar su casa en 1918, conservaron con cuidado lo que restaba del palacio medieval”. Hoxe en día, é un edificio abandonado e en venda.
Filgueira non coñeceu outro domicilio familiar, alí naceu, viviu e finou. Neste que foi o seu fogar, celebrábase unha tertulia despois do xantar, xeralmente presidida por D. Xosé, ás veces, el ausentábase para acudir ao seu despacho-biblioteca para traballar e descansar. Se é que non había un personaxe importante ou un invitado principal, a tertulia seguía con Dna. Mª Teresa, quen se encargaba de pechala. Participaban na mesma, personaxes da talla de Cotarelo Valledor, Sánchez Cantón, Iglesias Vilarelle, Dámaso Alonso, Otero Pedrayo, Fraguas e as amizades dos tempos do Seminario, frecuentaban a tertulia personaxes importantes da vida cultural, social e política, compartindo un café, algunha que outra copa e por medio conversas, que supoñemos tan interesantes, que é mágoa que non fosen rexistradas.
Un dos lugares preferidos da súa casa era, sen dúbida, para D. Xosé, a súa importante biblioteca (chegou a acumular unha barbaridade de libros, preto de vinte mil volumes), que pouco a pouco chegou a invadir toda a casa, había libros por tódolos sitios.
D. Xosé, dun xeito moi curioso, na súa biblioteca, que era o seu lugar de estudo e de traballo, tiña varios ambientes, un para o traballo intelectual, outro para despacho da súa abondosa correspondencia e papeles de rutina, outro para as lecturas de lecer, escoitar música e descansar. Sabida é a súa idea de que descansar era cambiar de actividade.
Nos días bos do outono, primavera ou verán, D. Xosé tiña por costume sentar comodamente na azotea, que estaba chea de plantas e flores e dende a que se albiscaban o río Lérez, a ponte do Burgo, e ao lonxe o mosteiro de San Benitiño, para trasladar alí as lecturas e animadas conversas. A casa tamén tiña unha horta, que logo foi vendida.
Outra estancia de interese sería a cociña, ben sabido que D. Xosé era un exquisito “gourmand” e tamén que a súa filla Araceli é unha experta na arte culinaria, moi coñecida e exitosa, é a súa publicación, frecuentemente reeditada COCINA GALLEGA (2006) co limiar de Cunqueiro e cun estudo bibliográfico de Odriozola.
Malvar, 49 era un lugar agradable, acolledor; alí sempre o “grilo do fogar” facía reinar a ledicia e a sabedoría; a calor humana de quen atesouraba a sensibilidade daquel trobador que dorme o sono eterno preto dos xardíns de D. Casto Sampedro y Folgar. Pontevedra eterna, sempre Pontevedra.

SE PODEDES, NON DEIXEDES DE OLLAR:

- XFV: EVOCACIÓN DE PAI GÓMEZ CHARIÑO. ALMIRANTE-TROVADOR (c. 1225-1295), Pontevedra, MCMXCV.

No hay comentarios: