miércoles, 15 de abril de 2009

COÑECER GALICIA PARA SABOREALA




Por cantos máis sentidos entre unha cousa mellor queda gravada. Galicia podemos percibila con tódolos sentidos, temos unha luz especial, luz e sombras de Galicia, sol, brétemas… Temos uns sons inconfundibles: o mar batendo nas rochas da accidentada costa de Fisterra, o bruar do vento na serra do Courel, o canto do cuco na primavera, o ulular da curuxa na fraga, o balbordo animal dunha aldea, a gaitiña galega, o baril aturuxo… Podemos sentir Galicia na nosa pel, a néboa refrescando a nosa faciana, o vento mareiro batendo no rostro, a auga do mar da Lanzada cubrindo o noso corpo, a herba do prado facéndonos cóxegas nos pes. Galicia ten os seus arrecendos, ulimos un pobo mariñeiro, Carril en marea baixa ollando cara Cortegada, tamén unha aldea do interior ten o seu ulido característico, o incienso do botafumeiro na catedral de Santiago de Compostela. Podemos sentir Galicia de moitas maneiras, como se estremece o corpo enteiro cando escoitamos o himno galego, a Alborada de Veiga, a Negra Sombra de Rosalía… Toda unha sinestesia para amar Galicia.
Pero ímonos referir a un xeito especial de coñecer Galicia por medio da súa gastronomía. Filgueira Valverde, a súa familia, especialmente a súa filla Araceli son uns grandes coñecedores da cociña de Galicia, dos sabores de Galicia. Coñecida é a estreita relación de Álvaro Cunqueiro coa familia Filgueira, Cunqueiro era un gran amante da nosa cociña, sabía disfrutar da boa mesa, a pesares da súa diabete. Tomou parte con Araceli Filgueira Iglesias, nun gran libro de cociña:

COCINA GALLEGA, León, Everest, 2004

Publicación de grande suceso, da que se suceden as edicións ininterrompidamente. D. Xosé era tamén un gran degustador dos productos da cociña galega.

En Galicia temos boas carnes, bo peixe, magnífico marisco, excelentes viños, inmellorables froitas e hortalizas. Contamos ademais con grandes restauradores. Aínda que como en todo, había que animar a valorar máis a nosa cociña, coidar ou mellor mimar a nosa hostelería, darlle valor engadido aos nosos productos e espallar axeitadamente a nosa cociña.

Cos sabores tamén coñecemos Galicia, uns pementos de Padrón recentemente fritos, unha tapa de polbo no San Simón de Baión, acompañado con pan de Cea e cun bo tinto de Barrantes, un bo peixe ou un bo marisco regados cun excelente albariño das terras do Salnés.

Para ires finalizando este percorrido polos sabores de Galicia, indicar que comparto con Cunqueiro a idea de que se lle debía facer un monumento ao porco galego, ben cebado coas landras dunha nosa carballeira, con fariñas e verduras da terra. O porco é moi saboroso e del cómese todo, dende o rabo ate os fuciños, pasando polo fígado, a lingua, as orellas… Que ben sabe o porco! Un bo lacón e os chourizos nun cocido con navizas, a quen non se lle fai a boca auga? Con canta fame acabou o porco! Tiña moita razón o sabio Cunqueiro.

Aínda recordo, cando eu era neno, as enchentas que se daba D. Álvaro na casa de Ventura (popularmente coñecida como o Cabaret) na sinestésica vila de Caldas de Reis, alí axuntábase cos Endovélicos, entre os que se atopaban, entre outros, Máximo Sar, D. Carlos García Bayón. Aquelas empanadas, entre elas a de lamprea, que facía Graciliana, a muller do popular Ventura na vila termal, alí xuntábanse en pantagruélicos xantares grandes persoeiros de Galicia.
Cunqueiro aloxábase, algúns veráns, no Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis, alí nun ambiente de fogar saboreaba a magnífica repostería, que estaba a cargo da inesquecible Dna. Balbina, viúva de Legerén. E mentres redacto estas sensitivas páxinas, aínda semella que estou ulindo as sulfurosas augas termais do Balneario Dávila e gustando un rico melindre da cociña do Hotel do mesmo nome…

Hai unha Galicia que se come, a Galicia dos mil gorentosos sabores, semella que aínda estou a escoitar a D. Xosé Filgueira Valverde falar da cociña galega e mentres se me vai facendo a boca auga; que ben sabe Galicia!

LIGAZÓNS DE INTERESE:

- Centro Superior de Hostelería de Galicia:
http://www.cshg.es/

- Escola Taller de Hostelería de O Grove: 986 / 73 84 82 – eohostalariadosalnes@hotmail.com

2 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Benquerido compañeiro e paisano de versos que trasnean nos sotos dos sonos, ollando as túas entradas encol da vida e obra de Filgueira Valverde, a súa filosofía, dicirche que cada entrada sorpréndeme un chisco mais pola súa grande capacidade polifacética e o tema desta derradeira entrada dende logo déixanos con un bo "sabor de boca".
Si algo ten Galicia e precisamente iso, a capacidade de sorprender a propios e forasteiros ca diversidade de manifestacións que ten, a súa gastronomía, a paisaxe (a cor do seu ceo, do que Sorolla namorouse), o seu mar, a súa cultura... as súas tradicións, o seu folclore... a súa mitoloxía, e as nosas raíces.
Non dubido meu paisano, que de eiqui a pouco o teu temático i enxebre blog irá acadando os méritos que se merece, proporcionándonos así grandes e longos intres de pracer na súa lectura. Unha aperta e un cordial saúdo, Manoel Xosé.

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Como sempre, Manoel Xosé, agradezo as túa agarimosas verbas. Todo o que tiña que ver con Galicia era obxecto da curiosidade e o interese de Filgueira. Como tocou tantas teclas e interpretou tan ben, facilita que ao lembrarse del se traten tantos e variados temas.
Hónrome coa túa amizade e desexo que non perdas de vista o meu blog para que me aconselles. Mil grazas.
Xermán Torres