jueves, 21 de mayo de 2009

"MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO"






Se non me falla a memoria, no verán de 1968 pruduciuse un novidoso acontecemento no que participou unha grande parte do pobo de Caldas de Reis (de tan gratas lembranzas para min), a rodaxe de escenas da película: “MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO”, tamén rodada noutros escenarios da nosa querida Galicia. E xa van alá corenta anos despois da súa estrea en 1969.

Era costume naquelas épocas rodar algunhas películas por distintas terras de España, facendo películas que se clasificaban e popularmente se chamaban “españoladas”. Tamén na Pontevedra de Filgueira se ten rodado algunha que outra película, como se pode comprobar revisando as actas municipais daqueles tempos. Xa que os productores dos filmes solicitaban axudas aos concellos para financiar as súas produccións.

“MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO” resultou ser toda unha novidade para os cidadáns de Caldas de Reis, que durante uns días do caloroso verán do 68 viron alterada a súa rutina cotiá e tiveron que afacerse a compartir as súas vidas cos actores e persoal directivo e técnicos daquela rodaxe, que eu nunca puiden olvidar, constituiu unha experiencia única. Topabámonos polas rúas, prazas e outros recunchos da vila con focos, cámaras, cables e claquetas. Rodaron en distintos escenarios da fermosa vila, en espazos naturais e tamén en lugares típicos como na famosa e coñecida taberna O Muíño.

O que esto suscribe, que vivía naqueles tempos na acolledora vila termal, sae uns instantes na película acompañado dun señor maior, no lugar que chamabamos a “plazoleta”, onde hoxe hai un parque infantil, moi preto das “Palmeras” e da igrexa de Santo Tomás. Papel de figurante e de certa extensión desempeñouno na película Paquito Barros, funcionario municipal e dirixente local do “Frente de Juventudes”. Lembro que tamén saía na película o meu amigo Manoliño, o de Inés, xogando ao fútbol con outros amigos da miña infancia. Mais practicamente, na película sae case que todo o pobo.

Hai unha escena dentro e fóra do marco típico incomparable do bar O Muíño, onde os trouleantes acompañaban a cantar a unha engaioladora actriz loira. Logo no exterior, saen uns bailes folklóricos nese entorno do fermoso río Umia, onde aparece bailando outro meu amigo, “Yuyo”, compañeiro no colexio San Fermín, no que ámbolos dous con outros compañeiros de curso fixemos a nosa primeira comuñón. Os bailaríns e o grupo de gaitas pertencían ao grupo local de Coros e Danzas, que dirixía Clemente Viqueira e que tanto éxito conseguira naqueles tempos. Nesta mesma escena aparece moita xente contemplando as danzas, entre eles, D. Jesús Froján Alonso (médico moi popular na vila e os seus arredores) acompañado polas súas fillas e o seu fillo. Nesta película vese reflectido todo o pobo.

A súa estrea en Cuntis foi todo un acontecemento social para toda a bisbarra. Sería moi bonito que nos xuntaramos todos os caldenses e os que viviamos daquela na vila de Dona Urraca para lembrar xuntos aquela experiencia pouco corrente que supuxo a rodaxe daquela intranscendente, pero emotiva película para todos nós. Eu veríaa na gran pantalla no ano 1969 ou 1970 cando estudiaba no Seminario Menor de Tui.

Lembro con agarimo todo aquelo, que en certa medida, constituiu unha aprendizaxe e unha aproximación ao que era unha rodaxe de cine e logo a experiencia gozosa e divertida de ver reflectido todo un pobo na grande pantalla do celuloide. Toda unha asombrosa vivencia! Queda como testemuña dun tempo e dun lugar naqueles anos díficiles de finais da década dos sesenta do pasado século XX. Para min, un dos gratos recordos da miña infancia feliz nas terras dos silenos que honraban o deus local Edovio. Sempre me quedará Caldas de Reis!

3 comentarios:

Manoel Xosé dijo...

Benquerido amigo Xermán, ista entrada sorpréndeme, non por utilizar os directores de cine os escenarios da nosa terra, se non polo tempo no que se fixo, e no pobo en particular. Paréceme interesante esta reseña que podemos calificar de "feito histórico". Unha aperta, Manoel Xosé

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Benquerido amigo Manoel Xosé:
Ti sempre tan amable e sempre o quite, poido asegurarte que experiencia mereceu a pena, foi unha experiencia colectiva, na que participou todo Caldas de fai máis de corenta anos.
Unha apreta,
Xermán

MIGUELFARINHA dijo...

Qué casualidade! fai pouco dun mes estiven a ve en internet esta película de tan gratos recordos para todos os Caldenses. Eu tamén participei de figurante pero non tiven a sorte de saír na película. Xa me gustaría! Algúns dos meus compañeiros da infancia aparecen en algunha que outra escea: Suso "o recho", Suso Casal... Gracias Xermán por lembrarte do noso pobo, espero que pronto poidamos compartir un café e lembarar estas fermosas historias.
Unha aperta,
Miguel