domingo, 4 de septiembre de 2011

O HOME DAS NUBES



EN LEMBRANZA DO MEU AMIGO, O MESTRE CARMELO VIDAURRE

Había un home que cada mañán, ao acordar, o primeiro que facía era abrir a fiestra e mirar para o ceo. Escudriñábao, ollando para as nubes, xa que el dicía que non había cousa máis fermosa que as nubes. De tan diferentes e caprichosas formas e con tantos matices de cor, brancas como o algodón, grises dos máis variados, negras. Xa falaremos das nubes do solpor e do mencer.
Mirar ao alto, como facía o meu amigo. E non tan só para ollar ás nubes, senón para ter unha longa perspectiva e para ter esperanzas de que han vir tempos mellores, agora que andamos todos afanados en crises provocadas polos especuladores e noxentos mercados financieiros. Si, mirar ao alto para non perder a dignidade e non perder a esperanza nestes tempos mouros como as nubes da tronada.
Con tanta crise e tantas preocupacións váisenos a vida e non somos quen de contemplar e admirar tanta beleza que nos é dada, regalía que non merecemos.
As nubes do solpor e do mencer, pola acción dos raios do Sol, poden adquirir unha grande gama de cores, vermellas, violetas... A vida é cor, a pesares das tristuras e de tantas angurias...
Temos que facer como o meu amigo, mirar ao alto, contemplar as nubes.

No hay comentarios: