lunes, 9 de enero de 2012
POBRE GALICIA!
(...) / ANTES QUE GALICIA SUBA / CA CRUZ QUE O SEU LOMBO AGOBIA / AQUEL DIFÍCIL CAMIÑO / QUE Ó PE DOS ABISMOS TOCA, / QUISÁIS, CANSADA E SEDENTA, / QUISÁIS QUE DE ANGUSTIAS MORRA. (Rosalía de Castro: CANTARES GALLEGOS).
Crer en Galicia, as súas xentes, a súa lingua, a súa cultura para soerguer Galicia do seu atraso milenario. Loitar contra do caciquismo e clientelismo político e traballar por facer país, superar a cortedade de miras, o egoísmo, o individualismo, a corrupción de todo tipo.
Poñérmonos o obxectivo en darlle un bo futuro á infancia e á mocedade de Galicia. Aos nosos fillos e netos; aos homes e mulleres galegos do porvir. Traballar con rigor para o medio e longo prazo; sen descoidar o presente.
Teño escoitado moitas veces o dito de que Galicia é un país rico de xente pobre. Que desprecia e bota fóra aos seus fillos máis valiosos e esgrevios. Galicia perde atractivo e volve a alonxar a súa xente, a perda de poboación, a sangría demográfica deixa a Galicia despoboada, mísera; así, Galicia non terá futuro, é un país en extinción, o galego debera ser unha especie axeitadamente protexida. Galicia perde en economía e en peso político. Non hai incentivos para a mocedade; trátase dun país vello, habitado maioritariamente por vellos, os nenos son un prezado ben escaso. Así, esmorecemos a pasos axigantados; un deserto, eso será Galicia. É a triste morte e desaparición de Galicia.
Por múltiples causas e motivacións, paseniñamente fóronse desmantelando os sectores agropecuario, gandeiro e pesqueiro de Galicia. O mar e o campo son a riqueza e potencialidade de Galicia, habería que darlle valor engadido, manufacturar con calidade a nosa riqueza natural. Cun traballo sostible, científico, racional; co extremo coidado do noso medio ambiente, coa rica e xenerosa natureza que nos envolve.
A nula industrialización é un mal endémico de Galicia, e dunha industrialización axeitada e respectuosa coa Nosa Terra. A desfeita causada ao noso sector naval, a instauración de empresas altamente contaminantes e de pouco peso e pouca proxección de futuro. Cando o que se deberan crear son empresas de transformación e posta en valor das nosas excelentes materias primas de orixe agrícola, gandeira e da pesca e do marisqueo. Cunha explotación racional e científica das mesmas. Introducirse en novos mercados, principalmente latinoamericanos e asiáticos. Establecendo colaboración e intercambios culturais, empresariais, económicos e políticos.
Pero, o que sería moi importante é a inversión en educación e en investigación; non é bo para Galicia destrozar o sistema educativo público e contribuir erroneamente á desfeita da universidade galega e botar a perder a investigación na Nosa Terra. Penso que deberiamos unificar as tres universidades galegas, facendo unha única, potente e extraordinaria universidade galega con campus diversificados e especializados en distintos puntos da comunidade. Promover a inversión en I+D+i, coa axeitada utilización das novas tecnoloxías e coa promoción de mozos emprendedores, fomento de rexistro de novas patentes e da creación científica, humanística e artística. Preservar o noso rico patrimonio material e inmaterial e dalo a coñecer.
Coidar especialmente o noso medio natural, adoptando medidas preventivas diante de eventuais riscos e fomentando o máximo respecto pola natureza. Mimar e promocionar o medio rural, converténdoo en algo atractivo, productivo, gratificante. Incentivar as actividades agropecuarias e gandeiras, traballando o sector con planificación e cunha mentalidade enriquecedora. Tentar a recuperación de pobos e aldeas abandoados. Galicia baixo ningún concepto debe darlle as costas ao campo e ao mar; neles temos o futuro.
Habería que optimizar e rentabilizar a organización política e administrativa e poñela ao servicio verdadeiro do pobo, non exclusiva ou principalmente da clase política e dos intereses meramente partidarios, rachar co cativo clientelismo político e a instrumentalización dos orzamentos públicos por intereses partidarios e de clase. Habería que suprimir concellos, reagrupándoos e unificándoos, disminuíndo así os costes políticos e administrativos e buscando a eficacia e os servicios públicos de calidade. Supresión das deputacións, dándo maior protagonismo aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns. Disminución do número de parlamentarios autonómicos, supresión definitiva do Senado. Unha cámara de representantes única, máis eficaz e dinámica, máis aberta.
Modificar o sistema electoral, listas abertas, maior representatividade do pobo, ao estilo das circunscripcións británicas. Maior dinamismo e proximidade dos diputados, unha administración máis transparente e útil. Debate e discusión da forma do Estado e de Goberno, renovando, actualizando e facendo máis participativa a vida política. Pacto educativo, sanitario, de servicios sociais básicos e sobre as pensións para garantir ao pobo un mínimo estado do benestar.
Tamén sería interesante planificar e realizar unhas boas redes de comunicación e de transporte, ter un só aeroporto forte, dinámico e competitivo e ben comunicado coa autopista e coa rede ferroviaria, debería ser o aeroporto de Lavacolla, facendo que dunha vez por todas chegue o tren ata alí.
A autopista do Atlántico xa está amortizada, ten que ser gratuíta xa, coidala ao mesmo tempo que manter as outras autovías o autopistas comarcais.
Establecer unhas redes de trens de cercanías que uniran toda Galicia. Unha boa rede ferroviaria, de calidade e rápida serviría para vertebrar e comunicar a Galicia interior coa da costa. Promover dun xeito efectivo o uso dos transportes públicos.
E sobre todo, cambiar de mentalidade, en vez de chupar do país ata esnaquizalo, ofrecer todos traballo, colaboración, ilusión e xenerosidade. Para construir entre todos unha Galicia posible; mellor, máis próspera. Construamos entre todos un futuro para Galicia.
EN HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO, HOME TRABALLADOR E EMPRENDEDOR; GALEGO EGREXIO.
EDITOR DOS ADRAIS DE FILGUEIRA VALVERDE.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario