Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

domingo, 3 de febrero de 2013

A VOLTAS COA NOSA LINGUA

Para todo cidadán e político galego debería ser unha honra utilizar e defender o idioma galego, como un tesouro herdado con tanto sacrificio dos nosos devanceiros. As análises sociolingüísticas reflicten que Galicia e a súa lingua están en perigo de extinción por razóns da situación social e demográfica, da crise económica e política; Galicia está a quedar sen xente, unha cultura en transo de suicidio, moitos galegos condicionados ou non por políticos e políticas que semellan alleos e hostís, non valoran, mesmo desprezan a propia lingua e a propia cultura, os complexos de castración e a problemática da digloxia fan que non levantemos cabeza, semella como se estivesemos condenados a non comprendérmonos e non aceptar ás nosas peculiaridades históricas. Temos moitos politiquiños sen conciencia de Estado e que defenden intereses pouco claros e sen sentido da ética e sen ter comportamentos morais exemplares para toda a poboación, que ten unha imaxe nefasta da política o que leva a comportamentos fascistoides e doutras épocas que xa se crían esquecidas. Hai que mellorar e elevar o nivel das prácticas políticas, é precisa unha actitude moral que conduza ao respecto polas persoas, polas diversas culturas, mesmo chegar a valorar no máximo grao ás formas institucionais e parlamentarias que revelen o xeito de actuar plenamente democrático. Hai que mellorar o nivel do discurso político. Todo co fin de alonxar da nosa realidade o que asevera aquel famoso verso dunha coñecida e interesante canción, “Señora Azul” do ano 1974: “la mediocridad está en tu corazón”. Pois si, hai moito político mediocre na nosa Galicia, que falan, ou mellor, non falan galego cando lles peta e fan defensa e promoven máis as linguas de poder e de prestixio, basados estes, en razóns materialistas e económicas (esas linguas poderían ser o inglés, o castelán, o chinés, que están a devorar aos outros idiomas), son eses “imbéciles e escuros que non nos entenden, non”; non saben que a lingua e a cultura ameazadas e que ao paso que vamos acabarán por desaparecer son a nosa pobre lingua galega e a nosa aldraxada cultura galega. Aínda podemos facer algo, coñecelas e chegalas a amar.

domingo, 29 de abril de 2012

UN PARAÍSO CHAMADO GALICIA

Temos dito moitas veces que temos unha terra que non nos merecemos, Galicia rica en natureza e en paisaxes soberbios, entre outras moitísimas cousas, que na maioría dos casos, nin os propios galegos coñecemos nin valoramos nin coidamos como se debera. Hai uns días fixemos unha viaxe pola cornisa cantábrica galega, chegando ata a fronteira con Asturias, visitando Vegadeo (terra natal dun dos mestres de Filgueira, D. Armando Cotarelo Valledor), Ribadeo, Viveiro, Foz, pricipalmente. A primeira parada foi admirar e recorrer a praia das Catedrais, fermoso e salvaxe enclave marítimo. Un queda abraiado coa fermosura da paisaxe, coa súa bravura, cunha mar inmensa, forte, atractiva. O verde da terra co verde mar, as ondas ás veces furiosas, outras acariñando e facéndolle aloumiños á area ou batendo e ferindo ás rochas do acantilado... Que marabillosos intres contemplando tanta beleza, enchendo o peito co puro e salitroso aire mariño, sentindo a brisa nas meixelas... Recomendo a visita á Mariña lucense. Lugo e Ourense as provincias da Galicia interior por descobrir e tantas veces descoñecidas para os propios galegos. Buscamos lonxe o que temos aquí preto. Galicia, unha terra por descobrir, unha terra para desfrutar.

lunes, 9 de enero de 2012

POBRE GALICIA!






(...) / ANTES QUE GALICIA SUBA / CA CRUZ QUE O SEU LOMBO AGOBIA / AQUEL DIFÍCIL CAMIÑO / QUE Ó PE DOS ABISMOS TOCA, / QUISÁIS, CANSADA E SEDENTA, / QUISÁIS QUE DE ANGUSTIAS MORRA. (Rosalía de Castro: CANTARES GALLEGOS).

Crer en Galicia, as súas xentes, a súa lingua, a súa cultura para soerguer Galicia do seu atraso milenario. Loitar contra do caciquismo e clientelismo político e traballar por facer país, superar a cortedade de miras, o egoísmo, o individualismo, a corrupción de todo tipo.

Poñérmonos o obxectivo en darlle un bo futuro á infancia e á mocedade de Galicia. Aos nosos fillos e netos; aos homes e mulleres galegos do porvir. Traballar con rigor para o medio e longo prazo; sen descoidar o presente.

Teño escoitado moitas veces o dito de que Galicia é un país rico de xente pobre. Que desprecia e bota fóra aos seus fillos máis valiosos e esgrevios. Galicia perde atractivo e volve a alonxar a súa xente, a perda de poboación, a sangría demográfica deixa a Galicia despoboada, mísera; así, Galicia non terá futuro, é un país en extinción, o galego debera ser unha especie axeitadamente protexida. Galicia perde en economía e en peso político. Non hai incentivos para a mocedade; trátase dun país vello, habitado maioritariamente por vellos, os nenos son un prezado ben escaso. Así, esmorecemos a pasos axigantados; un deserto, eso será Galicia. É a triste morte e desaparición de Galicia.

Por múltiples causas e motivacións, paseniñamente fóronse desmantelando os sectores agropecuario, gandeiro e pesqueiro de Galicia. O mar e o campo son a riqueza e potencialidade de Galicia, habería que darlle valor engadido, manufacturar con calidade a nosa riqueza natural. Cun traballo sostible, científico, racional; co extremo coidado do noso medio ambiente, coa rica e xenerosa natureza que nos envolve.

A nula industrialización é un mal endémico de Galicia, e dunha industrialización axeitada e respectuosa coa Nosa Terra. A desfeita causada ao noso sector naval, a instauración de empresas altamente contaminantes e de pouco peso e pouca proxección de futuro. Cando o que se deberan crear son empresas de transformación e posta en valor das nosas excelentes materias primas de orixe agrícola, gandeira e da pesca e do marisqueo. Cunha explotación racional e científica das mesmas. Introducirse en novos mercados, principalmente latinoamericanos e asiáticos. Establecendo colaboración e intercambios culturais, empresariais, económicos e políticos.

Pero, o que sería moi importante é a inversión en educación e en investigación; non é bo para Galicia destrozar o sistema educativo público e contribuir erroneamente á desfeita da universidade galega e botar a perder a investigación na Nosa Terra. Penso que deberiamos unificar as tres universidades galegas, facendo unha única, potente e extraordinaria universidade galega con campus diversificados e especializados en distintos puntos da comunidade. Promover a inversión en I+D+i, coa axeitada utilización das novas tecnoloxías e coa promoción de mozos emprendedores, fomento de rexistro de novas patentes e da creación científica, humanística e artística. Preservar o noso rico patrimonio material e inmaterial e dalo a coñecer.

Coidar especialmente o noso medio natural, adoptando medidas preventivas diante de eventuais riscos e fomentando o máximo respecto pola natureza. Mimar e promocionar o medio rural, converténdoo en algo atractivo, productivo, gratificante. Incentivar as actividades agropecuarias e gandeiras, traballando o sector con planificación e cunha mentalidade enriquecedora. Tentar a recuperación de pobos e aldeas abandoados. Galicia baixo ningún concepto debe darlle as costas ao campo e ao mar; neles temos o futuro.

Habería que optimizar e rentabilizar a organización política e administrativa e poñela ao servicio verdadeiro do pobo, non exclusiva ou principalmente da clase política e dos intereses meramente partidarios, rachar co cativo clientelismo político e a instrumentalización dos orzamentos públicos por intereses partidarios e de clase. Habería que suprimir concellos, reagrupándoos e unificándoos, disminuíndo así os costes políticos e administrativos e buscando a eficacia e os servicios públicos de calidade. Supresión das deputacións, dándo maior protagonismo aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns. Disminución do número de parlamentarios autonómicos, supresión definitiva do Senado. Unha cámara de representantes única, máis eficaz e dinámica, máis aberta.
Modificar o sistema electoral, listas abertas, maior representatividade do pobo, ao estilo das circunscripcións británicas. Maior dinamismo e proximidade dos diputados, unha administración máis transparente e útil. Debate e discusión da forma do Estado e de Goberno, renovando, actualizando e facendo máis participativa a vida política. Pacto educativo, sanitario, de servicios sociais básicos e sobre as pensións para garantir ao pobo un mínimo estado do benestar.

Tamén sería interesante planificar e realizar unhas boas redes de comunicación e de transporte, ter un só aeroporto forte, dinámico e competitivo e ben comunicado coa autopista e coa rede ferroviaria, debería ser o aeroporto de Lavacolla, facendo que dunha vez por todas chegue o tren ata alí.
A autopista do Atlántico xa está amortizada, ten que ser gratuíta xa, coidala ao mesmo tempo que manter as outras autovías o autopistas comarcais.
Establecer unhas redes de trens de cercanías que uniran toda Galicia. Unha boa rede ferroviaria, de calidade e rápida serviría para vertebrar e comunicar a Galicia interior coa da costa. Promover dun xeito efectivo o uso dos transportes públicos.

E sobre todo, cambiar de mentalidade, en vez de chupar do país ata esnaquizalo, ofrecer todos traballo, colaboración, ilusión e xenerosidade. Para construir entre todos unha Galicia posible; mellor, máis próspera. Construamos entre todos un futuro para Galicia.

EN HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO, HOME TRABALLADOR E EMPRENDEDOR; GALEGO EGREXIO.
EDITOR DOS ADRAIS DE FILGUEIRA VALVERDE.