jueves, 31 de mayo de 2012
D. RAMÓN MARÍA DEL VALLE-INCLÁN, SENLLEIRO PERSONAXE DE AROUSA
Semella á fin que non hai dúbidas sobre o lugar de nacemento e rexistro da partida de Bautismo de Valle-Inclán na parroquia de San Cipriano de Vilanova de Arousa, entre outras persoas, Manuel Longa Pérez ten escrito ao respecto. D. Ramón María prestixia a nosa comarca dende o punto de vista literario, xa que o ilustre vilanovés é un dos máximos representantes da ínclita xeración do 98. Dende o Modernismo e ata o esperpento por el creado, Valle-Inclán ten un amplo recorrido e unha sona sobradamente probada como literato. Creouse el mesmo como mito, fíxose un personaxe coas súa lendas e misterios que el mesmo axudaba a espallar. Todo esto levou á famosa frase atribuida ao xeneral Primo de Rivera: "Eximio escritor y extravagante ciudadano" coa que D. Miguel se refería a D. Ramón María. A nivel familiar tivo os seus máis e os seus menos. Meteuse en moitas liortas, como a que provocou os problemas nun dos seus brazos. Xenio e figura ata a sepultura.
Foi unha das principais figuras das famosas tertulias no "Café Gijón" de Madrid. Ultimamente, leín a súa novela TIRANO BANDERAS, que me sorprendeu gratamente. Gozo a cotío coa lectura e relectura das SONATAS, mais, hai unha obra coa que quedei abraiado; primeiro, coa lectura de LUCES DE BOHEMIA, que cando a estudiei encadrábase como teatro irrepresentable. Logo, tiven a sorte de presenciar, creo que no ano 1984, a súa estrea no recén remozado teatro García Barbón de Vigo, cun soberbio José María Rodero no papel protagonista de Max Estrella. Dende esa quedei namorado desta marabillosa obra teatral, coa que se funda o esperpento, que como os espellos da rúa dos Gatos, desvirtúa, ou mellor, transforma a realidade.
Finalmente, creo lembrar que o meu admirado Filgueira Valverde visitou ao grande e abandoado D. Ramón, cando estaba doente e case moribundo no sanatorio da Rosaleda de Santiago de Compostela no ano 1936.
No día de hoxe, 31 de maio, terei a sorte de disfrutar coa súa obra: LA MARQUESA ROSALINDA, representada no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, polos meus amigos do Grupo de Teatro Valle-Innova da Fundación Valle-Inclán.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario